Homenaxe aos filólogos Francisco Fernández Rei e Manuel González González

Os dous profesores recibiron esta homenaxe por sorpresa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/11/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A área de Filoloxía Románica da USC homenaxeou este xoves aos profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González González, que naceron cun ano de diferenza pero iniciaron xuntos a súa andaina universitaria. Este departamento continúa así a tradición iniciada coa homenaxe ofrecida ao seu fundador, Constantino García, e continuada coas que se dedicaron a Antón Santamarina e Mercedes Brea cando o profesorado acada os 65 anos de idade, pero sen agardar o momento da xubilación.

Francisco Fernández Rei e Manuel González González
Francisco Fernández Rei e Manuel González González | Fonte: USC

No acto fíxose entrega aos homenaxeados de cadanseu volume de estudos, Limba noastră-i o comoară. Estudos de sociolingüística románica en homenaxe a Francisco Fernández Rei e Obreiro da lingua, amigo da xente. Estudos de xeografía lingüística en homenaxe a Manuel González González, editados polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que recollen trinta contribucións dos eidos principais de investigación dos homenaxeados.

O acto, sorpresa para os homenaxeados, desenvolveuse tal e como estaba previsto, coas intervencións do vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco A. Cidrás Escáneo; o catedrático de Filoloxía Románica e académico numerario da RAG, Antón Santamarina; e de Carmen Alén Garabato e Xosé Afonso Álvarez, das Universidades Paul-Valéry Montpellier e Alcalá de Henares, respectivamente.

PERFÍS

Catedrático de Filoloxía Románica na USC, Francisco Fernández Rei foi director do Departamento de Filoloxía Galega e dirixe os Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia organizados pola RAG, o ILG e a SXPL da Xunta de Galicia. Investigador do Instituto da Lingua Galega desde 1974, forma parte do equipo redactor do Atlas Lingüístico Galego e dirixe o Arquivo do Galego Oral. 

É membro numerario da Real Academia Galega (1999), do Padroado da Fundación Sotelo Blanco e do Padroado do Museo do Pobo Galego, e conselleiro de honra do Consello d’a Fabla Aragonesa. Foi membro do Plenario do Consello da Cultura Galega e un dos fundadores de Escola Aberta e da Asociación de Tradutores Galegos, así como de Redes Escarlata e de ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do galego. É co secretario de A Trabe de Ouro desde a súa aparición e membro do comité científico de diversas publicacións lingüísticas.

Catedrático de Filoloxía Románica na USC, onde ocupou diversos cargos académicos, Manuel González González foi director dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros, organizados conxuntamente polo ILG, a RAG e a SXPL da Xunta de Galicia. É membro numerario da Real Academia Galega desde 1992, na que foi secretario, tesoureiro e responsable dos seminarios de Sociolingüístca e de Lexicografía e Terminoloxía.

É ademais director de Termigal; vicepresidente da Asociación española de terminología; coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades; co director do Atlas Lingüístico Galego; presidente de Puntogal, asociación encargada de xestionar un dominio lingüístico-cultural galego en Internet; director de Cadernos de Lingua, e membro do comité de redacción do Atlas Linguistique Roman.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta