69 anos do pasamento de Castelao, entre críticas pola "apropiación" da súa figura polo PP

O aniversario da morte da figura clave do nacionalismo galego suscita numerosas mostras de exaltación da súa obra, críticas ao Partido Popular e actos de homenaxe.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/01/2019 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

Hai hoxe 69 anos, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao finaba en Bos Aires, no exilio. Galicia perdía a súa figura máis senlleira do século XX. Hoxe, moitos recordaron ao autor de Sempre en Galiza, entre críticas pola "apropiación" que o Partido Popular fixo da herdanza do artista e político nacionalista.

Castelao durante un mítin
Castelao durante un mítin

Luís Villares, portavoz de En Marea, criticaba hoxe mesmo en Twitter que "o PP non deixa de tentar apropiarse da súa memoria" e "faino de maneira torpe para facerse pasar polo que non é. Para branquear de onde vén. As leccións de Castelao seguen vivas e seguen denunciando a quen non respecta a súa terra", escribiu.

É o terceiro capítulo das críticas que o presidente da Xunta de Galicia e o goberno e partido que lidera recibiron nos últimos meses polo seu uso da figura de Castelao. Primeiro foi trala chegada a Galicia do cadro 'A derradeira leición do mestre', unha das obras máis simbólicas e recoñecidas do intelectual galeguista, unha clara denuncia do asasinato do tamén nacionalista Alexandre Bóveda e unha homenaxe aos mestres asasinados durante a represión franquista. Algo que obviou o presidente da Xunta no discurso de benvida ao cadro, procedente de Bos Aites, o cal suscitou unha enorme polémica e numerosas protestas pola reinterpretación da figura de Castelao e da súa obra que fixo Feijóo.

O segundo episodio deuse tralo discurso de fin de ano de Feijóo, no que de novo volveu usar o cadro de Castelao como símbolo protagonista da súa mensaxe para os galegos, algo que irritou a oposición.

Agora, no 69 aniversario da morte da figura central do nacionalismo galego, censurada polo franquismo, Villares volveu denunciar a "apropiación" que a dereita galega estatocéntrica fixo desta.

Neste día houbo máis mensaxes críticas, pero tamén de exaltación de Castelao e a súa obra.

ACTOS CULTURAIS

Distintos actos culturais recordaron dentro e fóra de Galicia a figura de Afonso Rodríguez Castelao. Así, unha delegación do Consello da Cultura Galega (CCG), encabezada pola súa presidenta, Rosario Álvarez, realizou este luns unha ofrenda floral ante a tumba do escritor galeguista, no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago, e recordou a súa figura.

Ademais, a entidade quixo conmemorar esta efeméride prolongando ata o 3 de marzo a apertura da exposición 'Alba de Gloria', que alberga tamén a igrexa de San Domingos de Bonaval e recrea o último gran discurso de Castelao a través de elementos audiovisuais e de realidade virtual. Do mesmo xeito, a presidenta do CCG avanzou que se está traballando xa na itinerancia desta mostra.

Tamén a Cidade da Cultura de Galicia recordou nas redes sociais que o 7 de xaneiro de 1950 morría en Buenos Aires Castelao, unha data sinalada na que a entidade aproveitou para convidar a cidadanía a visitar a mostra 'Castelao Maxistral', que alberga en Museo Centro Gaiás e na que, por primeira vez en Galicia, pode verse a coñecida obra 'A derradeira leición do mestre'.

Dentro das actividades ao redor desta figura, a Cidade da Cultura acollerá o próximo 17 de xaneiro un concerto da Real Filharmonía de Galicia que virará ao redor da vida no exilio de Castelao e ao que, de feito, seguirá un encontro con persoas refuxiadas.

Castelao viviu en Bos Aires os últimos 50 anos da súa vida e, de feito, faleceu no sanatorio do Centro Galego desta cidade. Por iso, na capital arxentina tamén se organizará, o próximo 12 de xaneiro, un acto na súa memoria. Será fronte ao busto que Castelao ten na praza que leva o seu nome naquela cidade, onde a Federación de Asociacións Galegas no país recordará a esta "figura clave da historia de Galicia".

De volta en Galicia, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participa ás 19.00 horas en Ourense no acto 'Castelao e Prada: Irmaus!', que organiza a Deputación provincial para conmemorar esta efeméride.

O acto é conducido polo ex presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares e nel participan o presidente provincial, Manuel Baltar, e o escritor e representante da familia Prada Allende Luís González Tosar.

A FUNDACIÓN CASTELAO REXEITA A CUALIFICACIÓN DE ASASINOS AOS NACIONALISTAS

O presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, presidiu este luns a ofrenda floral na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago, para celebrar o 69º aniversario da morte do histórico galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No acto, rexeitou que agora se tache de "asasinos" e de "desgraciados que rompen a patria" aos nacionalistas.

"É o que escoitamos a diario, e iso non é así. Esa é a gran mentira que se propaga: 'O separatismo é a sida política'. Pois eu son sidoso e a metade do que estamos aquí tamén", asegurou. No acto tamén estiveron presentes personalidades da política e cultura galegas, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, entre outros. A nota musical púxoa o grupo Manseliña, que interpretou varias cantigas de amigo e pezas tradicionais galegas.

Neste contexto, Carlos Mella incidiu nas "múltiples facetas" de Castelao, o intelectual nacido en Rianxo e falecido en Buenos Aires (Arxentina) que "non era escritor en principio, pero deixou 'Cousas' e 'Retrincos'; non era autor teatral, pero deixou 'Vos vellos non deben namorarse'; e non era antropólogo, pero en 'As cruces de pedra na Galiza' e 'As cruces de pedra na Bretaña' deixou a súa pegada, a súa intelixencia e o coñecemento do que se pode sacar só coa observación sa das cousas".

"Él sabía coller as cousas, amasalas e producir algo novo. E ademais era honesto, porque sendo médico, que era a súa única profesión, non a exerceu nunca, como dixo el mesmo, por respecto aos enfermos", relatou, para despois asegurar que "Galicia é diferente logo de Castelao".

No peche da homenaxe, o presidente da Fundación sinalou que a pegada do político galeguista "estará máis vixente aínda o próximo ano", cando se cumprirán 70 anos desde o seu falecemento. Así, animou a "todos os presentes a ser galegos decentes". "Nunha palabra: pór a Galicia no sitio que lle corresponde ou intentalo e fuxir, como dicía Castelao, de ser galegos 'de bandullo'", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nostrus

A mi la figura de Castelao me representa a un señor que basa su ideologia en despreciar a la mayor parte de sus compatriotas y que reniega de una de sus lenguas, ademas de considerar a los gallegos como seres débiles y tontos que son capaces de consentir que orinen por nosotros. A Castelao no le importaban los gallegos, solo le importaba una identidad y una estética que él tenía metida en la cabeza. Lo siento si hiero la sensibilidad de los corazones naciotas, pero es lo que pienso, porque para amar a Galicia no es necesario renegar del resto de España.