Os libros arden mal

Ultimamente certos acontecementos poñen en evidencia a ausencia en moitos casos dunha mínima ética profesional e cidadá.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 23/07/2011

Comparte esta noticia

Refírome á polémica do Diccionario da Real Academia Española (tres verbas que non enganan a ninguén) ou ás reportaxes sobre o inicio da guerra civil española trousadas pola ultradereita en determinadas canles públicas de televisión. Dentro de todo este panorama un reconciliáse co xénero humano lembrando a figura do recentemente falecido Jorge Semprún. Un humanista coherente e decidido a enfrontarse á imposición totalitaria, for na Austria nazi ou no Partido Comunista de España. Un intelectual comprometido que sabía escribir porque era quen de escoitar. Nas antípodas desta figura atópase, baixo o meu punto de vista, don Santiago Carrillo. Todo un prócer da Patria erguido aos altares do pensamento politicamente correcto pola desmemoria institucionalizada na Transición. Iso predican aos catro ventos os esgrevios representantes da xeración protagonista do paso á democracia, xente (incluso progresista) que ve con malos ollos as reivindicacións dos descendentes dos represaliados do franquismo. Non deixa de ser curioso que nese álbum de cromos dos artífices da Paz se atopen o nacionalcatólico Manuel Fraga e o eurocomunista Santiago Carrillo. Lóxico. Ambos os dous foron a man executora do totalitarismo; así calqueira se leva ben. Entre bombeiros non nos pisamos a mangueira.

Para min é lamentable ver a este don Santiago en nómina dun grupo de comunicación, sentando cátedra en tertulias en calidade de non se sabe moi ben que. O grande mérito de Carrillo foi sen dúbida ser capaz de destruír toda unha organización coma o PCE, algo que nin o sanguinolento Franco foi quen de acadar. Jorge Semprún foi unha das vítimas desa calaña que deixou de ser estalinista cando tocaba, os pobres, que nada sabían. No seu curriculum tamén se atopan xoias como esas compañías con camaradas da caste de Ceacescu, feitos que o propio don Santiago explica nos seus volumes de memorias autoencomiásticas. Pero a súa verdadeira vocación foi a de ser comisario político, unha persoa que estaba “para alentar” segundo acaba de comentar nunha recente entrevista. Non fai falla ver Stalingrado para saber o papel que xogaban os comisarios políticos. Don Santiago segue negando e mandando á merda aos xornalistas que lle preguntan por Paracuellos. A día de hoxe ninguén pode afirmar a súa responsabilidade directa na matanza, pero tampouco ninguén, como demostrou Paul Preston, pode dicir, como afirma o propio don Santiago, que el non sabía nada de nada.

Como se levase sempre enriba a peluca coa que entrou de incógnito en España, este home segue créndose o seu personaxe, como se fose o adalide do socialismo de rostro humano. Rostro é o que ten, diso non cabe ninguha dúbida. A última gracieta de don Santiago non ten desperdicio; nunha tertulia televisiva sobre a cafrada do diccionario da ERA, vai este egrexio intelectual e volve transformase no comisario político que foi sempre: “o que hai eu facer con ese diccionario é queimalo”, dixo con toda seriedade. Se estivese en Berlín en 1936, sería o primeiro mozo en acender as fogueiras para queimar libros xudeomasónicos. O que non sabe don Santiago, aínda a estas alturas, é que, como amosou O’Rivas, os libros arden mal.

O 20 de abril de 1949 morrían en combate en dúas casas de Repil, en Chavaga (Monforte de Lemos) tres guerrilleiros míticos da IIª Agrupación do Exército Guerrilleiro. Antonio, enlace da guerrilla, era un adolescente daquela, pero recorda perfectamente achegarse en bicicleta ao lugar dos feitos e ver como os gardas civís estraban os cadavres nunha camioneta como se fosen bestas apodrecidas. Os tres homes foron soterrados nunha foxa común no camposanto de Monforte de Lemos. Os tres heroes de Repil, de ideoloxía socialista, formaban parte dun destacamento que levaba por nome “Destacamento Santiago Carrillo”. Eles si que loitaron pola democracia, e morreron por ela, mentres outros comisarios políticos se reunían con Stalin, conspiraban, depuraban e deixaban tirados aos heroes do monte con cambios de estratexia sobre o papel, co corpo de porco mantido e o xaruto nos beizos. O xusto para que don Santiafo dea clases hoxendía sobre valores éticos e democracia real, como se tivese sobrevivido a un campo de concentración, o probe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA