Por E.P. | BRUSELAS | 24/01/2019 | Actualizada ás 12:46
A Comisión Europea informou este xoves da apertura dun expediente sancionador contra España, por considerar que os seus procedementos de control da seguridade ferroviaria "non cumpren os requisitos" que esixe a normativa comunitaria.
Bruxelas ve "deficiencias" na forma en que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) "analiza e investiga os accidentes e incidentes", segundo informou a institución comunitaria nun comunicado. Tamén ve problemas nas "técnicas de supervisión" por parte da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF), indica.
A apertura do expediente ten a forma dunha carta de emprazamento -primeiro paso no procedemento de infracción-, que Bruxelas remitiu ao Goberno para que no prazo de dous meses aclare a situación e ofreza datos claros das medidas correctivas que poña en marcha.
Se os servizos comunitarios non desen por boas as explicacións de España, poderían pasar á segunda fase do expediente, un ditame motivado que dá outros dous meses ao Estado membro para corrixir o problema, período tras o cal a Comisión podería elevar o caso ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE).
Foi a Comisión Europea a que lle pediu á Axencia Ferroviaria Europea (ERA, polas súas siglas en inglés) que examinase a implementación en España dos elementos da lexislación ferroviaria da Unión Europea.
A solicitude veu logo das dúas demandas (unha por incumprimento da normativa de seguridade e outra por publicidade enganosa) que a asociación de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) interpuxo na comisión de peticións da Eurocámara a finais de 2015. Ademais, houbo outra denuncia posterior, a que presentou en xullo de 2017 a eurodeputada do BNG Ana Miranda, quen facilitou en todo momento as viaxes dos afectados a Bruxelas.
AUDITORÍA Á AXENCIA, ADIF E CETREN
En febreiro do ano pasado, un equipo da ERA estivo en misión de auditoría en Madrid para solicitar información. Visitaron a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, Adif e o organismo notificado (Notified Body) Cetren, segundo informaron no seu día fontes consultadas por Europa Press.
Entre outras cuestións, estudaron como Cetren realiza o seu labor de verificar a interoperabilidade, conforme a normativa europea, de varias liñas, incluída a de Ourense-Santiago, onde se produciu o sinistro que en xullo de 2013 se saldou con 80 mortos e 144 feridos. Esta liña, a pesar de ser inaugurada en 2011, carecía do certificado europeo de interoperabilidade. O administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) non o encargou ata setembro de 2016 e actualmente aínda non dispón del.
No que respecta á investigación de accidentes, Bruxelas xa abriu un anterior expediente a España por entender que a CIAF non funcionaba de xeito independente, tras o cal o Executivo español modificou a norma en base á que se nomean os seus responsables.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.