A folga das ambulancias revela un labirinto laboral e empresarial moi confuso

O sector de ambulancias en Galicia está en folga desde o venres día 8 de xaneiro ata o luns día 11, os dous incluídos. Unha segunda convocatoria será do 14 ao 18 de febreiro e unha terceira do 4 ao 10 de marzo e de aí en diante a convocatoria será indefinida de non chegaren a acordos a patronal e os traballadores.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os motivos apuntados desde as forzas sindicais son a falta de convenio colectivo, que non se renova desde o ano 2015. Condicións laborais que consideran abusivas como as horas presenciais (horas nas que se está no lugar de traballo pero non se fan saídas en vehículo medicalizado). Mais o grande obstáculo a día de hoxe para o entendemento entre as dúas partes é a rebaixa salarial do 10% proposta pola patronal.

Mapa de áreas ou lotes para as ambulancias
Mapa de áreas ou lotes para as ambulancias | Fonte: 061

O empresariado considera necesario o recorte polas perdas dos empresarios do sector “que superan  os cinco millóns de euros anuais” e que segundo a Federación de Empresarios de Ambulancias de Galicia (FEGAM) “son debidas ao axustado importe co que saíron a concurso os diferentes lotes do servizo de transporte sanitario urxente, esixencias sociais e as modificacións en material que apareceron nos últimos meses, entre outras circunstancias”.

FALTA DE DIÑEIRO

As circunstancias polas que a FEGAM alega falta de diñeiro son analizadas polos sindicatos en concordancia co sistema de contratación do servizo. Xesús Pastoriza  da CIG responde que “as contratacións saen a concurso e as empresas ofrecen contratos por debaixo de custe”, é dicir, canto menor é o orzamento presentado por unha empresa, en teoría ten máis posibilidades de quedar coa contrata. “Logo, se vas cumprindo as cousas segundo convenio o negocio non dá, din que desde o 061 non lles dá máis diñeiro, pero tamén é certo que o 061 cada día está autorizando máis ambulancias de apoio”, sinala Martínez. As ambulancias de apoio son aquelas que non figuran entre as empresas concesionarias e que “levan un lote de servizos e poden ser 60 ou 70 ambulancias de apoio, estamos mirando tamén de pór unha demanda”.

Óscar Vázquez da  UGT coincide en que os empresarios “non quixeron seguir negociando e mesmo propuxeron un recorte salarial do dez por cento e falaban de impagamentos a partir do 31 de marzo”. Vista esta posición, Vázques di que “non hai marxe de negociación por iso non nos queda outra que ir á folga”. Desde UGT apuntan tamén unha utilización dos horarios que implican horas de presenza nos postos de traballo sen que computen como horas extraordinarias. “Iso é realmente un aumento de xornada encuberto,  buscan que todo o traballo compute como horas traballadas en xornadas normais”. Preguntado Vázquez sobre se se pagan como extraordinarias responde que “esas horas páganse o mesmo que unha hora ordinaria, na práctica úsase para incrementar a xorndada e reducir o número de traballadores necesarios para o servizo”.

Protesta de traballadores de ambulancias en Santiago
Protesta de traballadores de ambulancias en Santiago

Pedro Beade, de CC OO, coincide coas outras forzas sindicais en que “a FEGAM non di claramente o motivo polo que non quere seguir negociando”, con todo apunta que os empresarios do sector “manifestaron que en 2019 e 2020 se renovarían as concensións dos servizos públicos para transportes sanitarios”. Iso non era todo, segundo Beade, pois desde a patronal “dixeron que estaban dispostos a renovar o convenio e taboas salariais en función dos contidos económicos achegados desde o sector público”. O caso foi que, apunta Beade “en xaneiro dixeron de baixar as táboas salariais un 10%, sen xustificanción, alegaban que a administración está empezando a redactar o prego de condicións para marzo deste ano”. A xustificación desde a patronal segundo o membro de CC OO foi que “a patronal está dicindo que non teñen cartos para pagar nóminas de marzo e abril de 2019”. Os motivos que ven detrás desta postura desde CC OO  é que “se presentaron en 2015 ao concurso, que tiña daquela unhas condicións económicas minguantes e agora din que non dá para pagar nin as nóminas, dino agora catro anos despois”.

A FEGAM

O actual marco contratual da Xunta para o servizo de ambulancias destinou un orzamento de 30 millóns de euros segundo a FEGAM, que consideran insuficiente. O número de empresas que hai en Galicia operando son 24, en 11 áreas de transporte urxente e 9 áreas de transporte non urxente. As áreas repártense por lotes e en cada lote pode haber máis dunha empresa. O caso é que cada lote ou área ten os seus propios orzamentos segundo as necesidades. Por outra parte, no reparto ou participación no concurso de concesións, cada ano o número de empresas decrece debido a unha maior concentración empresarial dentro do sector. Así, onde antes podería haber tres empresas, hoxe habería dúas ou unha de darse as circunstancias.

Enrique Blanco, presidente da FEGAM, di que durante as negociaciósn presentaron “aos axentes sociais os contratos coa nova lexislación vixente para o sector”. Pois o marco legal tanto en tráfico como en novas capacidades tecnolóxicas para os vehículos cambiaron. Por iso Blanco di que “o orzamento que temos é deficitario” para afrontar tanto nómicas como os cambios que marcan as novas leis. “Esperamos que a Administración saque novo concurso, hai compromiso en sacalo para marzo”. Se isto é así, cando xa coñezan o novo orzamento destinado ás empresas privadas de ambulancias “poderemos sentar a negociar, porque facelo ás tentas non é posible”, di Blanco.

O marco legal que serviu tanto para orzamentar como para regular o sector das ambulancias está derrogado. “Os contratos actuais están dentro dun marco derrogado que era o texto refundido da lei servizo público, agora é a  9/2017  contémplase a corrección dun concurso en caso convenios ou temas sobrevidos, mais polo texto legal que nos reximos agora quedamos desactualizados porque non se pode corrixir”. “O último concurso saiu antes da reforma laboral,  da nova lexislación de tráfico e as novas teconoloxías para introducir no sector,  iso crea un desaxuste económico para as empresas”.

Ese desaxuste económico tería que estar compensado para as empresas cun total de cincuenta millóns de euros “para garantir un convenio como o actual, na mesa de negociación falouse de incrementos en tres anos dun 30% para adecuar salarios e compelementos”. Isto traería como consecuencia que os orzamentos futuros pasasen por cantidades “ de entre 60 ou 70 millóns, para o futuro convenio, 5 millóns en tres anos aumentando”. Enrique Blanco di que se os axentes sindicais piden aumentos que ronden o 30% de tope, a día de hoxe as empresas non pode negociar.

Sobre a rebaixa salarial dun 10% que denuncian os sindicatos, Blanco contesta que a “non é así, como hai 14 lotes en emerxencias cada un ten un prezo, porque se cobra por actividade”. Desta maneira “propuxemos que se manteña o que cobran os que están nas grandes cidades, posiblemente cun incremento dun 1%, pero hai unha serie de traballadores que non chegan aos 3000 servizos, por tanto deixamos de  cobrar un diñeiro”. Aí entran as horas de presenza nesas zonas que non chegan ao número de servizos apuntados por Blanco “nós pagamos por que estean localizados 24 horas dentro da súa xornada”. “O que pedimos co novo concerto é que todo o mundo cobre por igual pero deben dotarnos economicamente” di o presidente da FEGAM.

RESPOSTAS DESDE O 061

O servizo responsable das ambulancias para toda Galicia é a Fundación 061 con sede na Estrada. Este organismo declara que dos catorce lotes de transporte sanitario urxente terrestre, once foron para empresas galegas e tres lotes para Ambuibérica, “unha vez acadada a maior puntuación e segundo o requirido nos pregos de cláusulas administrativas particulares e prescricións técnicas seguindo escrupulosamente o requirido na Lei de Contratos do Sector Público”.

O concurso para a adxudicación de lotes para transporte sanitario urxente no ano 2015 realizouse seguindo a Lei de Contratos do Sector Público. O prezo de licitación para a contratación do servizo “ estableceuse tendo en conta os requirimentos esixibles na lexislación vixente que inclúen uns custes fixos, no que están os refridos ao capítulo de persoal e uns custes variables que inclúen entre outros os relacionados con subministración, funxible e outros aprovisionamentos”.  Ademais, o 061 indica que “ningunha das empresas participantes no concurso recorreu o capítulo económico ao longo do desenvolvemento do proceso de contratación”. Por outra parte engaden que as empresas “presentaron as súas propostas coñecedoras dos requisitos establecidos nos pregos para a contratación que foron feitos públicos”. Ditos custes son “uns custes económicos establecidos polas propias empresas licitadoras que en todo momento asumiron voluntaria e libremente”.

O 061 sinala en relación co convenio colectivo de transporte  en ambulancia, o 061 sinala que “comezou a aplicarse no ano 2013 e, polo tanto, a súa vixencia é anterior ao proceso de contratación da rede de transporte sanitario urxente que tivo lugar no ano 2015”. A negociación dun novo convenio é “un asunto das empresas do sector e das organizacións sindicais con representación nas mesmas”.  Sobre o orzamento que destina o 061 a ambulancias é “máis do 60 % do seu presuposto total” para o “transporte sanitario urxente terrestre”.

MEDIACIÓN, SERVIZOS MÍNIMOS E FOLGA INDEFINIDA

Sobre a mediación do goberno galego, Enrique Blanco da FEGAM di que  “xa nos reunimos coa Xunta, tamén se reuniu cos sindicatos, independentemente con cada un, creo que está tentando mediar dalgunha maneira, pero non quererá meterse a fondo, aínda que si buscan poñer de acordo a todas as partes”.  Sobre se ve inevitable a folga indefinida, Blanco cre que se os puntos seguen inamobibles, o máis seguro é que se acabe nesa situación.

O día de inicio da folga de ambulancias, o propio vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,  declarou  que  "un servizo tan importante como das ambulancias vai ser garantido durante este tempo", con "independencia da evolución do conflito" actual, porque "en ningún momento se interrompería o servizo de ambulancias".

Neste punto o 061destaca que na pasada mañá do 7 de febreiro o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Flores Arias, mantiveron reunións de xeito individual cos responsables de transporte sanitario das organizacións sindicais UGT, CCOO e CIG. O motivo das reunións foi “coñecer os motivos da convocatoria de folga establecida para as vindeiras datas”.

As fontes sindicais consultadas consideran que se acabará indo á folga indefinida. Apuntan unha falta de marxe para a negociación, á “desaparición” da Xunta como mediadora e parte tamén interesada. Para defenderen o seu posicionamento tamén sinalan o que suporía un retroceso salarial de dez anos, indo a soldos de 2010 no caso de que se apliquen recortes salariais do 10%. Estas mesmas fontes cualifican de excesivos os servizos mínimos, aínda que garanten a atención ao 100% das emerxencias. Con todo, o decreto da xunta para estes servizos mínimos xa está en estudo de ser enviado aos tribunais, pero de momento vanse cumprir.

Pola súa banda, o 061 sinala que a atención ás urxencias e emerxencias sanitarias “no medio extrahospitalario ten o recoñecemento de servizo esencial para a poboación”. Isto significa que se está a prestar o servizo “as 24 horas do día e os 365 días do ano sen que a convocatoria de xornadas de folga prexudique a calidade asistencial do servizo e a cidadanía poda exercer o seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades”.  Finalmente confirman que “os servizos mínimos no sector de transporte sanitario urxente durante os períodos ou xornadas de folga é do 100% en toda a Comunidade Autónoma galega”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta