Tamar Novas leva o "trasunto de Chéjov" aos escenarios e agarda con ansia a estrea en cines de 'Elisa e Marcela'

O actor galego recoñece que sempre quixo interpretar o personaxe de Tromifov e séntese afortunado de poder facelo agora da man do Centro Dramático Nacional. Ademais, ten "moitas ganas de que a xente vexa" o filme de Coixet, tras o seu "soño feito realidade" de traballar coa directora.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

O actor galego Tamar Novas (Santiago de Compostela, 1986) interpreta o "trasunto de Chéjov" na produción que fai o Centro Dramático Nacional de 'O xardín das cerdeiras', estreada hai uns días no Teatro Valle-Inclán de Madrid.

En conversa con Europa Press, Novas móstrase "moi contento de facer teatro outra vez" cun reparto "espléndido", con figuras como Carmen Machi e Secun de la Rosa. O galego séntese "moi orgulloso" de todo o equipo que traballa na peza versionada e dirixida por Ernesto Caballero.

A estrea tivo lugar o pasado 8 de febreiro, nunha cita á que acudiron diversas personalidades como os directores Pedro Almodóvar e Álex de la Iglesia, o pianista James Rhodes e o actor Javier Rey. O espectáculo manterase ata o 31 de marzo no Teatro Valle-Inclán e despois, en abril, poderase ver durante dúas semanas no Teatre Nacional de Catalunya.

"UN PERSONAXE QUE LEVO MOITO TEMPO QUERENDO FACER"

"Eu intrepreto a Trofimov, ao que chaman un eterno estudante, un tipo de case 30 anos que ten un discurso moi lúcido". "Dise que é o trasunto de Chéjov e é un personaxe que levo moito tempo querendo facer, do que estou moi orgulloso como actor", explica.

Tamar Novas opina que o seu papel é "quizais o que ten un discurso máis progresista", con "unha cualidade poética en todo o que di", "pero como todos os personaxes ten unha frustración e unhas esperanzas que non se sabe do todo se se cumprirán".

Con todo, valora a "vitalidade" de Trofimov e a súa "esperanza polo futuro", que "traslada o optimismo de Chéjov nos últimos anos da súa vida". Lembra que 'O xardín das cerdeiras' naceu "como un agasallo" do autor ruso "á súa muller, Olga Knipper, que era actriz". Esta é "unha das obras máis coñecidas de Chéjov", "moi complexa", de cando "xa estaba a se despedir da vida, polo que din que é un pouco testamento", explica Novas.

En 'O xardín das cerdeiras', a acción transcorre na facenda de Lyubov Andreyevna, unha ampla propiedade rural que ten un horto de cerdeiras. A propietaria volve á súa casa despois dunha longa estancia en París.

A súa situación económica lévalle a perder a propiedade debido ás débedas que acumula. Lopahim, o fillo duns servos, converteuse nun adiñeirado comerciante e aconsella á familia que transformen o horto das cerdeiras en pequenas parcelas que poderán comprar as familias para construír a súa casa de campo.

Adreyevna e o seu irmán deixan pasar os días sen tomar unha decisión, apegados aos seus recordos e á súa forma de vida. Finalmente Lopahim compra a propiedade, os antigos propietarios deben abandonala e o primeiro que fai é tallar as cerdeiras.

"SÍNTOME MOI AFORTUNADO"

Por outra banda, Novas apunta a Europa Press que ten "moitas ganas de que a xente vexa" 'Elisa e Marcela', de Isabel Coixet, que narra a historia do primeiro matrimonio homosexual sobre o que se ten constancia en España.

Tras a súa estrea no Festival de Berlín, o actor refírese a que esta película é "outro soño feito realidade" por traballar con Coixet. "Síntome un afortunado", agrega. No reparto da película hai varios intérpretes galegos e foi rodada en localizacións de Dumbría, Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña.

Elisa e Marcela casaron pola igrexa en 1901 na parroquia de San Xurxo da Coruña. Para iso, Elisa disfrazouse de home e adoptou unha identidade masculina baixo o nome de Mario Sánchez. O párroco acabou descubrindo o engano e a parella foi perseguida, aínda que a acta matrimonial nunca chegou a anularse.

De feito, móstrase moi "contento" de poder "estar tanto no teatro como no cinema agora". Despois do éxito co seu personaxe de Roque en 'Fariña', este ano tamén estreará a serie 'Alta mar' para Netflix, co actor José Sancristán, que define como unha experiencia "moi divertida".

Tamar Novas e Carmen Machi en 'O xardín das cerdeiras'. MARCOS GPUNTO
Tamar Novas e Carmen Machi en 'O xardín das cerdeiras'. MARCOS GPUNTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta