Pablo Casado visita Santiago, "que estará mellor" cando a goberne o PP

A capital galega estaba entre as cidades que o líder do PP visitaría en Galicia nunha xornada na que criticou con dureza o goberno de Pedro Sánchez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2019 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

Entre fotos e selfies con turistas, seguidores e ata persoas disfrazadas de entroido, e entre algún que outro cántico de "presidente, presidente", o líder do PP, Pablo Casado percorreu o centro histórico de Santiago de Compostela, acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no marco dos actos celebrados este sábado na provincia da Coruña.

Unha visita que se iniciou algo máis tarde do previsto, ao chegar de Ferrol á capital galega ao redor do tres e media da tarde, para unha comida no restaurante Altamira no que estivo acompañado do candidato popular á alcaldía, Agustín Hernández, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e o presidente provincial Diego Calvo.

Croquetas, empanada, 'bacallao con patacas' ou mexillóns formaron parte do menú do restaurante ao que chegou Pablo Casado despois de saudar, e fotografarse, coas persoas disfrazadas de "góticas" que se atopaban ás portas do mercado de Abastos.

Pablo Casado, que lembrou que xa coñecía a cidade por facer o Camiño, atopou a capital galega "marabillosa, como sempre", aínda que estará mellor, deixou caer, cando o seu candidato Agustín Hernández sexa o alcalde.

Nun percorrido moi rápido, iniciado desde a praza do Toural, Pablo Casado paseou pola rúa do Vilar ata chegar á Praza do Obradoiro, ante a Catedral, aínda que parado en múltiples ocasións para fotografarse con nenos e maiores que llo pediron, nun paseo no que recolleu sorrisos, saúdos e bos xestos.

Aínda que moitos turistas sorprendéronse pola súa presenza en Galicia, o presidente da Xunta acaparou gran parte dos saúdos, ata os dunha muller de avanzada idade, de Noia, á que os seus acompañantes lle indicaron que era Alberto Núñez Feijóo. 'Ah, es Feijóo', dixo a muller cando finalmente o recoñeceu. E o presidente da Xunta aproveitou para confesarlle, entre bromas: "Eu tiven unha noiva en Noia, pero deixoume".

Feijóo e Casado mostraron a súa complicidade na visita e deixáronse fotografar nas rúas de Santiago e, en especial, coa Catedral de fondo. E como colofón ao percorrido, antes de entrar nos coches oficiais para dirixirse á Coruña, Feijóo e Casado achegáronse ao can 'Káiser': un enorme exemplar de dogo alemán, duns veciños da localidade de Villestro, que se deixou acariñar polo presidente da Xunta e o líder do PP, admirados do "campión de beleza" en certames nacionais e do que a súa dona asegurou que come "moito polo" --"moito pito"--.

Pero foi unha visita na que se falou de política, tamén en clave local, segundo o candidato popular á Alcaldía. "Falamos de que temos dous retos, unha comida entre compañeiros, agradable, e co compromiso que lle trasladei a Casado de que volva antes de que sexa eu alcalde, non é a primeira vez que vén, ten xente coñecida aquí e el vén encantado".

28A.-Fotos Con Seguidores E Cánticos De 'Presidente, Presidente' Na Visita De
28A.-Fotos Con Seguidores E Cánticos De 'Presidente, Presidente' Na Visita De | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta