Galicia presume de produtos alimentarios en México

Once empresas e dúas asociacións empresariais participan na Feria Antad & Alimentaria, un referente do sector agroalimentario no continente. Alí danse cita máis de 30 países

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Economía e Cultura, acompaña estes días na cidade mexicana de Guadalajara á delegación galega participante na Feira Expo Antad & Alimentaria. Este é un evento referente dentro do sector agroalimentario no continente, e nel danse cita 1.900 expositores de máis de 30 países.

O pasado ano 2018, 90 empresas da industria da alimentación exportaron ao país mexicano, do total das 1.384 do sector que venderon os seus produtos ao exterior. Destas, case a metade, 663, exportan regularmente -é dicir, de forma consecutiva durante o últimos catro anos-.

Na Feira que se celebra en Guadalajara, a delegación galega está formada por once empresas e dúas asociacións empresariais. Conta con pavillón propio, dentro da área dedicada a España, e nel móstranse alimentos e bebidas galegas a través de 'showcookings' e catas deseñadas especialmente para o evento.

En paralelo, manteñen axendas individuais de negocio tanto con cadeas asociadas á Asociación Nacional de Tendas de Autoservizo e Departamentais (Antad) como con compañías compradoras do país centroamericano. Ademais, a Escola Culinaria Internacional Guadalajara acolleu a celebración do cóctel inaugural 'Galicia Sabe', onde o cociñeiro galego Alberto Lareo ofreceu aos convidados un menú no que se empregaron os alimentos e bebidas da marca Galicia presentes na feira.

Nesta actividade, ademais da Xunta, participan a Cámara de Comercio da Coruña, Conservas Portomar, Conservas La Brújula, Cooperativa Vitivinícola Arousana, Viña Costeira, Viña Moraima, Martín Códax, Agro de Baxán, Terra de Asorei, Orballo Innovaciones Forestales, Grupo Coren e Torre de Núñez, así como Anfaco-Ceopesca e o Consello regulador do D.O. Rías Baixas.


43 SUBVENCIÓNS EN 2018 A RETORNADOS EMPRENDEDORES

Por outra banda, a Xunta informou de que o programa de Axudas ao Retornado Emprendedor que convoca a Secretaría Xeral de Emigración concedeu en 2018 un total de 43 subvencións para a posta en marcha de negocios por galegos que regresaron a Galicia.

Do total de beneficiarios, 29 proceden de América (27 deles de Venezuela, 1 de Estados Unidos e 1 de México), e os 14 restantes, de Europa. Destes últimos, 4 volveron desde Suíza, 4 dos Países Baixos, 2 do Reino Unido, e 1 de Chipre, Bélxica, Hungría e Francia, respectivamente.

A Coruña foi a provincia na que máis emprendedores decidiron establecer os seus proxectos (20). Nove deles fixáronse no concello herculino; en Santiago 4; en Oleiros 2; e en Noia, Negreira, Carral, Camariñas e Arteixo, un en cada un..

Pontevedra é a segunda na que máis negocios se estableceron, con 16, dos que 7 se situaron en Vigo e 1 en Pontevedra, Valga, Bueu, Moraña, A Estrada, Covelo, Tui e O Porriño; seguida de Ourense, con 6, radicados 5 na capital da provincia e un en Celanova. En Lugo establecéronse 2: un en Monforte de Lemos e outro en Viveiro.

O programa da Secretaría Xeral da Emigración, que o pasado exercicio concedeu un 16% máis que na súa convocatoria anterior, diríxese aos galegos residentes no exterior que queiran regresar a Galicia. Esta iniciativa autonómica permite aos galegos que regresan á súa terra de orixe -xa foran nacidos na Galicia territorial ou nos seus países de destino-, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 10.000 euros de subvención.

Trátase dunha das 53 medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, aprobada o pasado 12 de abril polo Consello da Xunta, coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cun investimento de máis de 235 millóns de euros.

Once empresas e dúas asociacións empresariais mostran produtos galegos na. XUNTA DE GALICIA
Once empresas e dúas asociacións empresariais mostran produtos galegos na. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta