Feijóo mima aos emigrantes venezolanos

Pide melloras para que volvan a Galicia. Santalices destaca o potencial como "rede de proxección para Galicia para España" da emigración, que recibe a Medalla da Cámara.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2019 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao Goberno central que estableza un "procedemento específico" que facilite o regreso das familias emigradas en Venezuela que queiran regresar a España e Galicia.

"Reclamamos que se faciliten todos os trámites para regresar, que non se utilicen os mecanismos normais para supostos excepcionais, que as parellas mixtas ou con fillos que non teñan nacionalidade atopen permisos de residencia, que a dificultade para a homologación dos títulos sexa solucionada a través de procedementos específicos", manifestou o máximo mandatario autonómico este venres na reunión da comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas.

Neste escenario, Feijóo tamén considerou necesario que as administracións públicas locais, provinciais e autonómicas teñan "moi en conta" que o acceso á vivenda é o "cartón de entrada e de benvida" que se lle debe a calquera familia retornada de Venezuela que non poida pagar ou sufragar unha vivenda en Galicia como consecuencia de que o seu patrimonio quedou diminuído ou extinguido.

Ademais, apostou por reforzar a Fundación España Saúde para aumentar o número de beneficiarios que poidan contar con cobertura sociosanitaria e para atender as súas necesidades básicas a través dos cartóns de alimentos.

Feijóo fixo estas reivindicacións durante a inauguración da reunión extraordinaria da comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas que este venres se reuniu na Cámara galega, un día antes de recibir a Medalla do Parlamento de Galicia.

"EMBAIXADORES DO XACOBEO 2012"

Neste encontro, o titular da Xunta pediu aos galegos do exterior que sexan "embaixadores" dun dos eventos máis importantes da década que vén, o Xacobeo 2012. "O reto convoca á Galicia de aquí, pero tamén á Galicia de todos os países que representades", destacou.

O acto foi aberto polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, quen destacou que, "máis aló das formalidades da insubstituíble diplomacia oficial", a emigración galega "conforma unha fabulosa rede de proxección para Galicia e España".

Feijóo pide ao Goberno que facilite o retorno das familias emigradas en Ven. PARLAMENTO DE GALICIA
Feijóo pide ao Goberno que facilite o retorno das familias emigradas en Ven. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta