A rapazada aprende a facerlle fronte ás fake news e aos discursos de odio

Alumnado de toda Galicia creou colectivamente unha batería de contidos para contrarrestar as mensaxes contra as persoas migrantes que difunden con frecuencia as redes ou os medios.

Por Galicia Confidencial | Silleda | 11/04/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Casa da Cultura de Silleda acolleu ao longo do día do mércores un intenso Hackaton contra as fake news, no que alumnado de localidades tan diversas como Viana do Bolo, o Milladoiro, Vilagarcía, a propia Silleda ou Bueu traballaron man a man para contrarrestar o discurso do odio contra as persoas migrantes. Así, creando unha batería de respostas sinxelas, creativas e divertidas que outras persoas poidan utilizar facilmente cando atopen ese tipo de contidos nas redes sociais e nos medios de comunicación. 

Rapaces de varios puntos de Galicia realizan un obradoiro no que contrarrestar as mensaxes de odio e as fake news
Rapaces de varios puntos de Galicia realizan un obradoiro no que contrarrestar as mensaxes de odio e as fake news | Fonte: Agareso

A rapazada mesturouse en grupos intercentros dunhas e, despois dun xoxo de coñecemento mutuo, comezou a debatir intercambiando as súas opinións sobre as migracións e as súas causas. Tamén reflexionou sobre como, da mesma forma que os medios de comunicación ou as redes poden influírnos para ter actitudes intolerantes ou negativas cara certos grupos de persoas, tamén sabemos que a comunicación pode ser unha ferramenta de cambio moi poderosa xa que pode servir para denuncia ou para reivindicar unha sociedade máis xusta e inclusiva. 

Con isto en mente, comezaron a elaborar contidos dixitais co obxectivo de derrubar os estereotipos cara as persoas migrantes. “Son contidos que denuncian as fake news, a xenofobia e o racismo e, tamén, contidos a favor dunha sociedade máis acolledora coas persoas migrantes e refuxiadas.”, apunta a ONG Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), impulsora do obradoiro.

CREAR RECURSOS

O obxectivo foi elaborar unha serie de recursos que outras persoas poderán utilizar como resposta ao discurso discurso de odio cando o atopen nos medios ou nas redes sociais. Memes, gifs, vídeos, fotografías… o alumnado apropiouse dos distintos espazos da Casa da Cultura para dar renda solta á súa creatividade neste xogo de acción e activismo dixital, demostrando que colectivamente se poden facer cousas para cambiar a nosa realidade máis próxima e que a comunicación ten un gran potencial transformador.

“Son contidos para contrarrestar as fake news, a xenofobia e o racismo na sociedade, nos medios e nas redes e contidos a favor dunha sociedade máis acolledora coas persoas migrantes e refuxiadas”, indica a ONG. “Un xogo que estimula creatividade e o diálogo, demostrando que colectivamente se poden facer cousas para cambiar a nosa realidade máis próxima e que a comunicación ten un gran potencial transformador”, engade.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta