O conflicto de Ence completamente politizado a catro días das Xerais

Os traballadores levan a súa protesta á sede do PSOE en Madrid a catro días das votacións das xerais. Din que o seu peche afectaría a 5.100 familias e acusan a Sánchez de ser o "lamecús do nacionalismo". O Goberno lembra que Ence está nun espazo público marítimo-terrestre.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 24/04/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

"Estamos fartos que cada vez que hai eleccións os nosos postos son moeda de cambio". Son as verbas de Ignacio Acuña, presidente do Comité de Empresa de Ence. Nas pasadas eleccións, Mariano Rajoy, aprobou un decreto cun goberno en funcións no que se prorrogaba a súa presenza na ría de Pontevedra. Hai unhas semanas era tamén o Goberno español, pero desta volta liderado por Pedro Sánchez, o que anunciaba que deixaba sen efecto ese decreto.

Traballadores de Ence maniféstanse ante a sede do PSOE en rexeitamento á posibilidade de peche en Pontevedra
Traballadores de Ence maniféstanse ante a sede do PSOE en rexeitamento á posibilidade de peche en Pontevedra | Fonte: Europa Press

Por iso, o Comité de Empresa, decidiu levar o conflicto da papeleira --que podería ter que saír da ría de Pontevedra-- á rúa Ferraz, sede do PSOE, en pleno centro de Madrid e a catro días das votacións das xerais.

Uns 500 traballadores de Ence e das empresas e contratas vinculadas á planta da compañía en Pontevedra manifestáronse este mércores diante da sede socialista para reclamar ao Goberno que "non dea as costas ás máis de 5.100 familias que se verían afectadas" o peche desta biofábrica.

Desde Galicia chegaron seis autobuses, aos que se sumaron os traballadores das oficinas de Madrid e do sector forestal en Pontevedra. Acuña explicou que debido ao ciclo produtivo de 24 horas da fábrica en Pontevedra, dúas quendas completas non puideron desprazarse ata Madrid. Aínda así, cifrou entre 400 e 500 os asistentes á manifestación en Ferraz.

PERSOAL DE 400 EMPREGADOS

Os traballadores insisten na importancia do emprego que xera a factoría para insistir na súa continuidade na ría. E tiran de datos e cifras. Segundo as cifras da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), da biofábrica de Pontevedra "dependen de forma directa e indirecta máis de 5.100 familias, cun persoal fixo de 400 empregados".

A ese persoal únense 2.700 postos de traballo de contratistas da área industrial, loxística e do transporte, así como máis 2.100 empregos no sector forestal de Galicia que dependen directamente da actividade de Ence-Pontevedra.

Ademais, din que a celulosa de Ence supón a metade do tráfico do porto de Marín, xa que se exporta o 95% da produción. En total, Ence achega un 28% do PIB de Pontevedra e supón máis de 33 millóns de euros en impostos ás arcas públicas.

"NON SE POÑA NERVIOSO Sr. SÁNCHEZ"

Con pancartas nas que se podía ler "Non se poña nervioso Sr. Sánchez, que Ence en Pontevedra queda", "Sánchez papagaio, mintireiro do carallo", "Ence si, paro non", "Pedro Sánchez, presidente do paro" ou mesmo algunhas máis aló do motivo da protesta como "PSOE lamecús do nacionalismo" ou "Deputados socialistas, obreiros offshore", os traballadores mostraron a súa "indignación" ante o cambio de criterio do Goberno que podería levar o peche da fábrica.

En concreto, este cambio de criterio por parte do Goberno nos procedementos abertos na Audiencia Nacional para a prórroga da concesión a Ence na ría de Pontevedra coñeceuse a mediados do pasado mes de marzo, o que comprometía o visto e prace que recibira a compañía en xaneiro de 2016 por parte do anterior Executivo.

En concreto, o avogado do Estado desistiu da defensa da prórroga a Ence ao considerar que esta non foi "conforme a dereito". A súa argumentación baséase en "o prazo máximo" fixado polo Consello de Estado da concesión para 75 anos, sen que se poida exceder ese límite. En 1958 estableceuse unha concesión de 75 anos que caduca en 2033, polo que o avogado do Estado considera que a prórroga outorgada en 2016 por 60 anos --ata 2073-- non sería conforme a dereito.

DEFENSA DA LEI

Pola súa banda, o Goberno defende que a planta de Ence está nun espazo público marítimo-terrestre e que o tema segue xudicializado, polo que considera "hai que seguir a lei" e esperar a que se coñeza a resolución xudicial, segundo sinalou a portavoz do Goberno, Isabel Celáa, o pasado venres tras o Consello de Ministros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rubèn

Hoxe teran o apoio de Yolanda Diaz , de CCOO, que quere que Ence siga en Pontevedra