Está Galicia preparada para a tempada de incendios?

Os e as profesionais do servizo contraincendios insisten en que é necesario un plan de prevención contra o lume. Advirten que pensar só en extinción non ten sentido, máis que nada polo gasto da mobilización de medios, e apostan por un mando único.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As políticas contra os lumes forestais da Xunta de Galicia baséanse actualmente en extinción de incendios. Non son poucas as voces que reclaman unha política preventiva que dure os 365 días do ano para reducir a incidencia do lume, sobre todo durante a época de maior risco, que normalmente coincide coas datas do verán. Ademais, xunto á prevención tamén se pide unha mellor política de xestión do monte, primeiro para reducir o perigo arredor de áreas habitadas e o descontrol das vagas incendiarias polas masas forestais ou de monte baixo.

Incendios. REMITIDA - Arquivo
Incendios. REMITIDA - Arquivo

As queixas sobre descoordinación entre os diferentes actores que entran en escena durante a extición, restaríalle eficacia a un modelo de intervención xa cuestionado pola maioría deses mesmos actores. Empresas privadas, bombeiros forestais da Xunta, brigadas municipais, a U.M.E., e tamén a propiedade do monte, non permiten un labor eficaz, segundo os e as profesionais da extinción e prevención.

ESTÁN PREPARADOS?

“Agora mesmo as brigadas de Seaga están sendo trasladadas ao servizo público, cousa que nos alegra por reforzar con máis de cincocentos efectivos o servizo público de extinción” di Emilo Doforno, de CC OO “ademais os fixos discontinuos da Xunta que estaban a nove meses, pasarán a doce meses cando se funcionaricen as súas prazas. Con todo, nós nunca estamos satisfeitos cos medios e material que temos” sinala Doforno que apunta a necesidade de priorizar os medios aéreos e novas teconoloxías. “E apesar de todo iso, quen apaga o lume son os bombeiros”.

Marcos Rodríguez da UGT, ve que o servizo “ está obsolteo a respecto das formas de traballar debido a que os incendios hoxe en día non son como hai vinte anos, de escasa superficie, mentres que hoxe temos incendios de grandes superficies”. Sobre este punto, Rodríguez matiza que “levamos anos pedindo que se forme o persoal en base ás categorías que se nos establece, a de bombeiros forestais, mais a formación que temos é a mesma que a do ano 2000 aproximadamente”. Os equipos de protección persoal melloraron moito, “mais os equipos de comunicación entre o persoal que forman as brigadas non teñen comunicación entre ellas para pasar ordes de traballo”.

Incendios.-EUROPA PRESS - Arquivo
Incendios.-EUROPA PRESS - Arquivo

Roberto Varela, da CIG, considera que laboralmente o dispositivo sempre e insuficiente, que se incide máis en extinción deixando abandonada a prevención”. “Laboralmente a Consellería ten intención de rebaixar o persoal por brigada e para nós iso pode prexudicar o traballo diario” sinala Varela, que tamén engade “se temos en conta que non se cubren baixas, aínda que fagas brigadas de sete ou máis, se non cubres as baixas, ao final acaban traballando un número moi limitado de persoas”.

PREVENCIÓN

“Temos que reforzar a idea de que non haxa incendios, porque cando imos apagar lumes, apagamos carbóns” pensa Doforno, en alusión ao medio natural existente no monte e que se debera pensar máis en preservar. “Para iso terían que sentar nunha mesa partidos políticos, axentes sociais involucrados dentro da política forestal, todo para ter un pacto político-social para minimizar o impacto dos incendios”.

Os incendios, as vagas de lumes, son un fenómeno imprevisible, por iso, “habería que estar traballando todo o ano en limpar franxas, montes, preparando o terreo e usar o monte como un recurso para telo limpo” sinala Marcos Rodríguez. “Non se pode esperar ao verán, porque é ineficaz, a día de hoxe podo asegurar que o monte está sen limpar”. A limpeza tería un custe, mais Rodríguez estima que “é máis caro o traballo de extinción, pola mobilización de medios e persoas, que o labor de prevención”.

“Dicir que Galicia arde porque todos lle prendemos lume non é así, tamén hai incendios provocados por efectos metereolóxicos ou por tendidos en mal estado” sinala  Doforno, de CC OO. “Trasladarlle á sociedade concienciación sobre o que implica o lume e apostar por unha política medioambiental integral, e sacar do debate político os incendios”.

“O persoal tería que estar traballando todo o ano, porque a prevención faise en inverno para que non arda o monte no verán” di Varela. “Non se pode facer o de contratar persoal para os catro meses do verán, os meses de alto risco”. “Tamén se podería facer o traballo en coordinación  cos propietarios de montes e das asociacións de montes veciñais en man común, é dicir, un traballo global entre admnistracións e propietarios de montes” remata Varela.

NEGOCIO

“Cremos que hai unha economía do lume, baseada en que se hai unha industria dependente da existencia de incendios, protexerei a miña industria pensando en que haxa máis incendios” Doforno. “O Goberno debera ter interese en eliminar esa economía do lume é un grande negocio que non revaloriza o monte”. 

Marcos Rodríguez da UGT apunta tamén que “saíron os pregos para a contratación de helicópteros para combater o lume, e de onde veñen?, pois a contratación é a través dunha empresa privada”. Por outra parte, Rodríguez sinala que o gasto en traer medios de fóra, como U.M.E., tamén supón un gasto importante que o goberno galego debe cubrir, neste caso, para a Administración central.

“Seguimos dependendo moito de empresas privadas, da U.M.E o que fai que sexa un dispositivo moi atomizado”, di Roberto Varela da CIG. O reparto deste dispositivo entre privado e público “fai complicada a xestión”. Tamén apunta Varela “os cartos que lles pagamos ás empresas de helicópteros, cousa xa denunciamos hai tempo, mesmo a xustiza nos deu a razón por irregularidades en concursos públicos, mais o xuíz dixo que si, eran irregulares, mais que non vía mala fe por parte da administración”.

NOVOS TIPOS DE LUMES

Os medios do Pladiga son abondo? “Os medios nunca son suficientes, quen apaga o lume é a auga cando chove” Doforno. Incendios de nova xeración con ventos fortes e se dea o Factor 30, só se pode combater é con previsión porque logo, cos medios existentes é difícil de combater. “Antes os propietarios de montes e fincas facían limpeza nas súas propiedades, hoxe en día o rural está máis abandonado” sinala Marcos Rodríguez. “O abandono ten como consecuencia o aumento de masa arbórea e arbustiva que axuda a propagar o lume” remarca Rodríguez.

“Hoxe en día, os incendios que sobrepasan os 30 Km/h, con numerosos focos secundarios, poden aillar os traballadores e que queden en perigo, como ocorre tamén cos incendios interface, os que chegan aos núcleos urbanos” explica Marcos Rodríguez.  Controlar as parroquias onde o índice de incendios por encima da media “habería que priorizar a prevención e tomar medidas coercitivas” Doforno.

CARTOS BEN EMPREGADOS?

“Antes as patrullas de vixilantes móbiles, que agora serían bombeiros forestais patrullando, sairía máis baratas e eficaces que as patrullas militares porque coñecen o terreo, farían o seu traballo todo o ano de prevención, disuasión e divulgación” Doforno. “é bo facer divulgación entre os cativos nos colexios sobre os efectos negativos do lume”.

“Sobre as patrullas militares, considero que non son efectivas, nós temos puntos de vixilancia repartidos por toda Galicia, que a Xunta foi pechando, e iso que daban alerta de maneira eficiente” di Marcos Rodríguez. “Tendo persoal propio para vixilar e avisar, o único que fas é derivar diñeiro para outras admistracións, cando podería ser traballo efectivo para persoal propio”.

Existe moita opacidade nos pagamentos desde a administración galega ao Goberno central por estas patrullas, mesmo se di que pagamos o gasóleo que consumen” di Varela da CIG. “Tampouco temos todos os datos sobre canto se lle paga a Defensa polos avións de extinción”.

Os dispositivos contraincendios están preparados para o labor de extinción, mais os profesionais inciden en labores de prevención. Consideran que si hai intereses detrás da extinción de lumes e por iso piden un cambio de modelo antiincendio. Por outra parte, piden unha mellor coordinación entre todos os axentes que interveñen na extinción, apuntando a necesidade dun mando único.

Incendios. MINISTERIO DE AGRICULTURA, PESCA E ALIMENTACIÓN
Incendios. MINISTERIO DE AGRICULTURA, PESCA E ALIMENTACIÓN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Esquecemos o obvio: en Galicia o monte é privado na sua case totalidade. Non é algo que " xestione" a Xunta. Quen " xestiona" o monte son os seus donos. Cando se fala de prevención semella que se pensa que o monte é da Xunta, que é a Xunta quen o xestiona, e que ten a obriga de mantelo. Pois non. O monte en Galicia, descontando os montes veciñais, é privado. En Galicia non hai grandes bosques públicos, coma por exemplo en Francia.