Artigos de Francisco Castro

E as librerías pechando

Hai moitas maneiras de radiografar o desastre colectivo. Un deles é o informe PISA, claro que si. Os resultados son os que son e hai que botar as mans á cabeza. Mais hai outros informes que, quizais por seres menos populares, pasan máis desapercibidos aínda que tamén din cousas que nos deben preocupar. Como por exemplo o último "Informe del Observatorio de la librería' que publica a Conferencia Española de Gremios y Asociaciones de Libreros e que sinala que, mentres que en Europa, a pesar da crise, se abren cada ano máis librerías, no estado español perdéronse, dende o 2008 ata hoxe, o 21 por cento das que había. O informe é absolutamente demoledor. Sinala que, no ano 2008, cando comeza oficialmente a crise, no estado español había un total de 7074 librerías. Cinco anos despois, 5556. Se botamos contas, sáenos unha cantidade precisa, escura e tremenda, para certificar a depresión e para poñerlle unha cantidade concreta á perda descarada dun valor colectivo como son as librerías.

Este é un país irresponsable

A miña pequecha, de cinco anos, preguntou hai pouco que por que falamos en galego. Toda unha lección de sociolingüística que sendo galega e vivindo en Galicia necesite que se lle aclare esta cuestión que lle preocupa. A pregunta deixa claro que a pequena sabe que na nosa familia somos raros, que falamos raro, que usamos palabras raras. Que somos anormais. Estranxeiros na propia patria por citar á Nai de Todas e de Todos.

Prestige, si, claro, pero volveu gañar o PP

Nos días seguintes á sentencia do Prestige, esa que nos canoniza como non-país ou como paisiño ou, sen máis, como xente sen autoridade, na concentración de rexeitamento pola mesma, sentía o baleiro claro do desconcerto. Porque alí estabamos (falo da de Vigo), segundo as crónicas unhas 2000 persoas protestando, nunha cidade á que lle gusta presumir de que anda polo medio millón de habitantes. Pensei: que pouquiños somos. E entre nós, a xente pasaba arriba e abaixo, pola rúa do Príncipe, facendo as súas compras, alleas ao balbordo e á causa que o provocaba.

A axenda mental dos políticos

O pasado xoves asistín como público á xornada, organizada pola Asociación Galega de Editores, dedicada a falar das Bibliotecas e o seu futuro no entorno dixital. Entre outras conclusións, volveu quedar moi claro que os políticos non entenden, nin lles preocupan, as bibliotecas.

Sería importante que o PSOE...

Escribo este artigo ao pouco de comezar a Conferencia Política do PSOE, anunciada polos medios como se fose unha especie de plebiscito de Rubalcaba ou, segundo que xornais, A Fin do Mundo. En calquera caso, no intre no que redacto estas liñas, ignoro que é o que vai pasar. De feito, nin me preocupa.

Saíndo da crise

Mariano Rajoy pasará á historia por moitas cousas. Entre outras, porque foi o primeiro presidente do goberno co costume de falarlle ao pobo que goberna, a distancia. Ou ben dende outro país, ou ben dende unha nebulosa descoñecida que se materializou, nun dos días máis vergoñentos da historia do xornalismo, nunha declaración a través dunha tele de plasma.

Ecografías

Un deputado de Unión del Pueblo Navarro, soltou hai uns días unha das barbaridades máis rancias, estúpidas, parvas e inmorais, de cantas se teñen visto no parlamento español. Sacou unha foto dun feto para ilustrar, e argumentar, que as mulleres xestantes sexan obrigadas, por lei, a ver unha ecografía do feto antes de tomar a decisión.

Verbas

É tempo para as verbas. Para dicilas, pronuncialas e saborealas. Palabras coma furacán fervenza vento que cambien o mundo de vez. Vocábulos diferentes a crise, recesión, eeconomía, realidade, non se pode, non se pode. Verbas ditas en voz alta, en definitiva, para cambiar o mundo.