A Galicia do futuro

Nos tempos que vivimos e coa recesión económica derivada da crise mundial; recesión que ten características propias no Estado e na nosa terra, moitos somos ós que nos preocupa como será a Galiza do futuro.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 25/03/2012

Comparte esta noticia

 Como será a terra que lle deixemos en  herdanza aos nosos fillos e netos. Como estará gobernada e se perderá a súa persoalidade propia e a súa cultura.  Vivimos tempos de incertidume e inquedanza;  vivimos tempos difíciles pois os  problemas que temos  seguen sen ter unha resposta  clara   que lle dean solución a curto e medio prazo. Vivimos nunha sociedade envellecida  que pasou de estar sustentada polos sectores primarios a ser, básicamente unha sociedade que vive dos servizos e na que hai unha cativa industrialización con raíces na terra.  

Polo tanto na nosa  sociedade,  paseniñamente, desaparece o rural e os  sectores industriais que a caracterizaron anos atrás están en franco retroceso. Referírome ao sector industrial que ten un bo exponente na industria naval. Igualmente ao sector pesqueiro, etc. E no seu conxunto é  Galicia a que morre caladamente.

Nesta terra o nacionalismo do século XX fixo unha grande e importante labor. Colocou a Galiza na política do Estado e rematou coa Galiza chorona que non reivindicaba e que en moitos casos era motivo de mofa. Pero ese nacionalismo positivo nos seus inicios,  debido  a cerrazón ideolóxica  e a non  ser capaz de ler a realidade desta terra partindo das necesidades e carácteríscas dos galegos; debido a negarse a evolucionar,  non foi capaz de implicar á gran maioría dos habitantes nun proxecto ilusionante para dar un salto e levarnos cara un progreso tan necesario.
 
Con esta xustificación o PNG-PG celebrou un congreso no que o 77% dos seus militantes decidirón  deixar a formación frentista do BNG. Logo acordaron que,  para falar e traballar pola  Galiza do futuro, é necesario formar unha forza política  que sexa quen de unir  a todos os  galegos  que amen  a terra e  aspiren a modernizala  e gobernala.   
 
Este obxectivo faise sen condicións previas nin exclusións a priori de ninguén. Pois todos os que estamos dacordo na meta de facer a Galiza dona dos seus destinos, temos que ser xenerosos para chegar ao entendemento.   Temos que ceder parte da nosa razón, pois os problemas non admiten demoras inxustificadas. Dado que, cos  tempos que corren, non podemos camiñar ideoloxicamente fronte a ninguén; pero tampouco deixarnos levar polos cantos de serea dos adversarios conservadores, hoxe gobernantes,  que soio ven na política galega  o trampolín  para acadar un posto en Madrid,  sin importarlle os graves problemas que teñen as persoas que habitan neste noroeste peninsular.
 
Hoxe, cando os nosos mozos emigran por carecer de futuro; cando o noso agro morre; cando  o noso rural é pasto do lume polo abandono e o desleixo; cando os asteleiros pechan por carecer de bolsa de pedidos ou, cando camiñamos cara ser unha poboación plenamente subsidiada, non cabe o silencio nin a resignación. Hoxe, cando o mensoprecio polos políticos está á vista, é cando hai mostrar a ética por defender o común, por resolver os problemas xerais da xente; Hoxe  é cando hai que amosar integridade e compromiso coa terra.
 
A Galiza do futuro non pode ser un país que espere a solución dos problemas da man  dun nacionalismo ensimismado e que pon por modelo un radicalismo esteril de ditaduras de   países que nada representan no mundo e que viven peor que nós; Tampouco pode ser a terra que espere das forzas políticas centralistas a solución dos seus anacrónicos problemas. Polo que, a Galiza do futuro,  terá que dotarse dunha gran forza política que teña como base ideolóxica  e a razón da súa existencia no galeguismo, no nacionalismo e no progreso social para camiñar cara o futuro con ilusión e esperanza dentro dunha España diversa  plural e descentralizada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com