Canto a nós mesmos

Existe unha sensación clara e rotunda no electorado da esquerda de frustración. A marxe de dita sensación, moitas veces alimentada interesadamente por parte dalgúns medios e creadores de opinión, o certo é que tal como se viña desenvolvendo a evolución política das novas forzas (nomeadamente Podemos) desde o 2016 non era moi difícil imaxinar un desenlace como o que aconteceu o pasado 25 de xullo.

Por Xoan Hermida | Pontevedra | 06/08/2019

Comparte esta noticia

Non se trata agora de afondar nas múltiples causas, de índole variado, que actuaron desde o primeiro momento para que pasara o que pasou. Dalgunhas delas xa teño (e outros teñen) escrito con profusión.  A idea central sería que as forzas encargadas de poñerlle letra á música do cambio (15M) non so interpretaron mal a partitura senón que non tiñan interese algún na mesma. Ao final este ciclo alcista das forzas alternativas pechase do mesmo xeito que o anterior (a finais dos 90) cunha esquerda radical repregándose sobre si mesma, desempoando o máis rancio doutrinarismo e illándose social e politicamente.

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Existe, por outra banda, unha corrente lóxica en moitos activistas do cambio de refuxiarse no  lugar seguro dos movementos e iniciativas sociais, menos debedoras de curtopracismo, aínda que vai ser difícil atopar algún lugar en pé despois do tsunami populista-institucionalista.
Sexa como fora, está claro que abordar os cambios democráticos estruturalmente necesarios no armazón institucional español, facer fronte aos restos ambientais do mundo global, ou darlle un pulo ás políticas de progreso en defensa dunha maior xustiza social, non vai depender,  nin exclusiva nin unicamente, de si a esquerda que estea nos gobernos sexa templada (social-liberal), radical (neosocialista) ou doutrinaria (postcomunista). Seguramente as diferenzas non viran de si é o PSOE ou UP, o BNG ou En Marea quen goberne (e a razón de cantos ministerios corresponde por familia política), senón si existe un músculo social e unha sociedade civil activa e organizada que presione en cada momento sobre cada tema ata convertelo no centro da axenda e no eixo transversal da acción política.

Quizais por iso, a necesaria  reactivación da sociedade civil é un paso previo necesario para que despois a acción de goberno se corresponda co esperado. Namentres estaremos inmersos nun xogo de posición tácticas que a curto prazo pecharán o ciclo e posibilitarán ao PSOE  volver a ser o partido central xa que é quen mellor sabe ler a realidade, non só en clave social, senón sobre todo en clave de maiorías transversais (co engadido que ofrece a fiabilidade e seguridade que outros non saben dar).

Formo parte dunha xeración ‘interregno’. Demasiada nova durante a anterior transición (incorporándose xa no seu desenlace) e demasiado maior ao asomarse a este novo proceso de transito (incorporándose con certo escepticismo inicial). A maioría de nós incorporámonos á política desde o activismo social e cando fixemos incursións na esquerda institucional (non eludimos as nosas obrigas) foron participadas a partes iguais pola desconfianza e o interese analítico, nun algo que no meu caso poderiamos dicir mesmo cun punto de ‘voyeurismo’.
Creo que para nós chegou a hora de laicizar a participación cívica desde o compromiso ético; naturalizar o noso papel de votantes atendendo de xeito asimétrico, como fai a maioría da xente, ás prioridades de cada momento; e apostar politicamente atendendo máis ao sentido da  realidade que a apostas  populistas convertidas en auténticos ‘cul de sac’.

Seguindo a máxima de que o máis revolucionario que se pode ser é honesto cun mesmo, por moitas liñas vermellas que haxa que cruzar ou algunha xente decepcionar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoan Hermida Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e Doutor en Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015. En maio de 2018 dimitiu da súa acta de deputado no Parlamento de Galicia, tras 12 días de aceptala, nos que quixo visibilizar a necesidade de situar á ética no centro da política. Na actualidade dirixe o Foro Obencomún e participa da Marea Pontevedra. Autor de varias obras ven de publicar con Galaxia a obra “Galicia no labirinto da nova política”.