Banco Popular, Nidia Arévalo e os desafiuzamentos

“Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como a súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios. […]” Artigo 25.1 Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948

Por Óscar Lomba | Vigo | 05/04/2012

Comparte esta noticia
“Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulamentando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación   [… ]”  Artigo 47 Constitución Española de  1978 
 
Hai uns días tiven coñecemento dun caso relacionado cunha familia ameazada cun desafiuzamento inminente. Esas persoas afectadas pediron un crédito hipotecario de 141.000 euros a unha sucursal do Banco Popular en Vigo para mercar unha casa situada en Mos (Pontevedra), entregando anteriormente en man a cantidade de 60.000 euros en concepto de entrada máis gastos de formalización. Os infortunados conseguiron atender os pagos durante uns anos ata que o esposo, autónomo dun sector afín á construción, deuse de baixa por mor dos gastos, que eran superiores aos ingresos, quedando sen o subsidio do paro e prestación ningunha. Os ingresos familiares víronse reducidos aos 528 euros do salario a xornada parcial da esposa, cos que se sustentan os cónxuxes e as súas dúas fillas, unha delas menor. O banco interpuxo demanda de execución hipotecaria no 2011. Os afectados, acompañados por membros da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Vigo, solicitaron axuda ao concello de Mos. Entrementres os afectados están á espera de que o Banco Popular se digne a dialogar, sen que ata a data obtivesen resposta ningunha, malia telefonalos unha morea de veces. Tendo en conta este menosprezo, os prexudicados e a PAH puxéronse en contacto coa Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, coa esperanza de que lle dese un empuxón ao caso e mediase na negociación co Banco Popular. O 15 de marzo os afectados conseguiron unha entrevista persoal con Nidia Arévalo e coa Concelleira de Benestar Social de Mos, na que se obtivo un compromiso por parte da Alcaldesa de telefonar ao Banco Popular co obxecto de forzar a negociación. Porén, a día de hoxe, os afectados non teñen noticia ningunha sobre devandita chamada. Semella que a palabra da alcaldesa de Mos é moi versátil. En realidade a súa xestión política tamén debe ser moi voluble. Lembremos que Nidia chegou á alcaldía da man dun tránsfuga que antes estaba no PSOE. Por outra banda a actitude dos responsables do Banco Popular tampouco deixa moito que desexar. Non tiveron o mínimo xesto de comprensión e non posibilitaron, ata o momento, a apertura de canles de comunicación que faciliten a procura de solucións aos problemas financeiros desta familia e a evitación do desafiuzamento ou a dación en pago da vivenda.
 
Procurando unha solución de tipo conciliador, os afectados e PAH acudirán ao Valedor do Pobo como derradeiro recurso para evitar este próximo desafiuzamento e mediar co banco co obxecto de conseguir a dación en pago e un aluguer social.
 
Por todo o exposto moitos preguntámonos: ¿Que futuro temos con políticos e financeiros tan egoístas, irresponsables, insensibles e indolentes?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.