Vixilantes de seguridade, salarios impagos e numerosos convenios

En Galicia hai máis de oitenta empresas vinculadas á seguridade privada que dan emprego a case cinco mil persoas, segundo o Ministerio del Interior. Mais como todos os sectores económicos, as irregularidades tamén existen, o mesmo que as malas praxes e as malas xestións. Todo iso repercute sobre os traballadores e sobre a seguridade das persoas.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As obras do AVE, a vixilancia de recintos e eventos como poderán ser os do Xacobeo 21, seguridade de recintos industriais, deportivos, o traslado de fondos desde oficinas bancarias ou o reforzo da vixilancia e control en aeroportos, son algunhas das áreas que cubren as empresas de seguridade privada. A intervención destas empresas en principio substituiría a vixilancia que puideran realizar Garda Civil, Policía Nacional ou as autonómicas por falta de efectivos.

Vixilantes de seguridade
Vixilantes de seguridade | Fonte: Espía digital

Segundo os datos que enviou o Ministerio do Interior a Galicia Confidencial, o número de empresas de seguridade con sede en territorio galego son 82, mentres que as delegacións de empresas con sede fóra de Galicia son 39. O número de persoas que traballan para o sector da seguridade privada dentro das catro provincias é de 4.735 traballadores e traballadoras. Outro dato que tamén sinala Interior é que durante os últimos catro anos o número de empresas con sede en Galicia que causaron baixa foron en total 17, mentres que o peche de delegacións afectou a 20 empresas.

CONCURSO DE ACREDORES

Ombusd é unha das empresas referencia en seguridade privada en todo o Estado. O día 30 de xullo de 2019 entrou en concurso de acredores. ““Había centros en Ferrol, en Correos, que está catalogado como centro crítico pola cantidade de información que se manexa, hai equipos de raios x para detectar calquera cousa sospeitosa, que levaba a empresa con persoal especializado” di Juan Antonio Pérez de Alternativa Sindical.

“Ombusd converteuse na terceira ou cuarta empresa estatal en seguridade, en Galicia están afectados 150 traballadores” di Pedro Pérez da CIG. As nóminas atrasadas eran as de xuño, xullo e a extra.  “Desde xuño estivemos traballando para que antes da entrada da administración concursal os clientes rescindiran os contratos, por que? Porque cando entra a administración concursal é quen se fai cargo das contas da empresa e pode decidir que non haxa subrogacións”. En caso de non haber subrogacións, os traballadores poderían perder antigüidade e de seren contratados por unha nova empresa, poderían estar baixo o convenio interno que primaría sobre o convenio estatal de seguridade.

Vixilante de seguridade
Vixilante de seguridade

O día 12 de agosto, Galicia Confidencial contactou con Ombusd para coñecer o estado da empresa. “Xa se pagou a última nómina e a previsión é continuar a actividade das empresas” responderon desde o gabinete de comunicación. Sobre a subrogación de contratos, a empresa di que aqueles contratos que se resolvan serán subrogados, “os xulgados xa declararon que os contratos das empresas son bens necesarios para facer fronte ás responsabilidades do concurso de acredores”.

 FACENDA E SEGURIDADE SOCIAL

Os acredores neste caso son Hacienda e Seguridad Social. “A empresa entrou en concurso de acreedores o día 30 de xullo porque hai dous anos e medio mercou Casesa, empresa con débedas con Facenda, Seguridade Social, Ombusd mercouna por considerar que aumentaría cota de participación en mercado de seguridade, o problema agravouse con atrasos nos pagamentos e a débeda con Facenda e SS aumenta e iso incide sobre os salarios e non pagan segundo as datas do convenio” di Juan Antonio Pérez, Alternativa Sindical.

“Ombusd non era un chiringuito, compraron a empresa Castellana de Seguridad, que estaba “morta””, sinala Roberto Lage, presidente de Aesga, Asociación de Empresas de Seguridade de Galicia. Lage apunta ademais que “as empresas somos reticentes a coller servizos doutras, por que?, orque hai unha sentenza do Supremo onde di que as empresas que collan ese traballo deben pagar a Seguridade Social e salarios atrasados, entón é un problema serio para os traballadores”.

Desde Ombusd explican que “como consecuencia da reactivación do financiamento, poderase facer o pagamento de agosto e tres meses”. As nóminas non se pagaron “como consecuencia da suspensión do financiamento, non pagaron as nóminas de xuño e a extra de xullo, algúns traballadores cobraron a nómina de xuño e outros non, dependendo da empresa, mais as situacións son moi diversas”. Sobre as cantidades que queden sen pagar “serán cubertas polo Fogasa, que pode facelo por tres meses” di a empresa.

Preguntados sobre o motivo do concurso de acredores, responderon que “de maneira unilateral as entidades bancarias decidiron que o contrato de liñas financeiras que tiñamos con elas acabara, e non deron motivo ningún”. Ombusd recorreu diante dos tribunais e “desde o xulgado dixeron que esa resolución non é correcta que os contratos están en vigor por un ano máis e por tanto hai que pagar”.  Fontes sindicais relacionadas coa empresa que non queren dar o seu nome apuntaron unha débeda de Ombusd sobre os 41 millóns de euros con Hacienda e Seguridad Social.

ALCOR SEGURIDADE

A reforma laboral de 2012 tivo entre outras consecuencias, o feito de que o convenio interno dunha empresa pode prevalecer sobre o convenio estatal en determinados puntos. Aproveitando este novo marco legal, as empresas que realicen novas contratacións poden facelo baixo o convenio laboral interno que teñan aprobado cos respectivos comités de empresa. Así o declara o artigo 84.2 do Estatuto dos Traballadores, indica que en caso de concorrencia de convenios, tería prevalencia o de empresa.

Os puntos sobre os que actúa un convenio de empresa sería o salario base, complementos, conciliación da vida laboral e familiar, distribución de xornada e horas extraordiarios. Os traballadores que sexan subrogados a outra empresa, segundo explicaron os servizos xurídicos de Alcor Seguridad, aplicaríaselles o convenio estatal. Non obstante, a perda de vixencia do convenio estatal fai que prevaleza o de empresa.

Alcor Seguridad é unha empresa de Monforte, que ten varias contratacións de seguridade en todo o Estado. Son varias as queixas e denuncias de antigos traballadores sobre as presuntas irregularidades que aconteceran dentro desta empresa en referencia ás quendas de traballo, horarios, salarios e subrogacións. Un empregado que non quixo dar o nome apunta que “logo da reforma laboral fixeron prevalecer os convenios de empresa sobre os estatais, Alcor fixo todo segundo a lexislación, legalmente aplica por encima do estatal o seu convenio”.

Desde a Unión Sindical Obrera, USO, Fernando López sinala que Alcor “cando sacou o convenio propio, pola reforma laboral, non pagaba por convenio estatal aínda que os subrogara, cando o convenio estatal di no artigo 14 que teñen que garantirche as condicións que tiñas anteriormente, gañamos once demandas por unha subrogación”. “Agora ten un segundo convenio de empresa, USO non é parte firmante, a empresa dicía que lles pagara de máis, fomos ao xuízo e gañamos mesmo no TSXG”.

Carlos Somoza, presidente de Alcor, sinala a Galicia Confidencial que “cando nós subrogamos, dependendo da data en que o fagamos, polo anterior convenio ou o actual, o primeiro asinaran UGT e USO, logo denunciaron, nós gañamos na Audiencia e o Tribunal Supremo ratificou o convenio”. “No caso de contratar dez persoas que estaban con anterioridade prestando servizo baixo convenio estatal, eu teño que respetarlles ese convenio, se contrato a maiores outros empregados, fágoo baixo o convenio de empresa, sempre e cando que os pregos de condicións ou a empresa que me contrata non me esixan que se faga baixo convenio estatal”.

Roberto Lage, de Aesga, sinala taxativamente que Alcor  “teñen un convenio propio, lexítimo, aprobado e asinado polos traballadores, e nós non temos nada máis que dicir, se as leis dun país te autorizan e permiten esta posibilidade, poderache gustar máis ou menos, con todo, é legal”.

Antigos empregados que tampouco queren dar o seu nome, apuntaban prácticas irregulares durante as quendas de traballo. Así, durante a vixilancia das obras para túneles do AVE, “houbo persoas que botaron sete días, as vinte e catro horas sen descanso, un só traballador”. Fernando López apunta que “había presuntamente falsificación no libro de armas, porque entregas a arma, aparece rexistrado nun libro, depositaba a arma e aí sábese se un traballador estaba traballando as oito horas, o que se facía é que o mesmo traballador cubría os datos con outra identificación e co nome doutro vixilante, cando realmente quen facía o traballo era o mesmo traballador”.

“Si que levamos a vixilancia das obras de numerosos túneles en España” afirma Carlos Somoza. “Temos constancia de xornadas onde dobraban servizo, mais porque cambiaban entre eles. Accións como esas denuncieinas eu no País Vasco diante da Garda Civil”. Sobre este punto, Somoza destaca que “nos centros de traballo é moi difícil facer iso porque a Grada Civil está constantemente controlando os libros oficiais”. Como exemplo do intercambio de horarios entre traballadores sen comunicación á empresa, Somoza le un email sobre unha acción semellante nunha das súas contratacións fóra de Galicia. Alí, un traballador dobra e triplica xornadas sen comunicación previa á empresa nin aos compañeiros.

Somoza tamén cita o exemplo dun centro de Vigo en que un dos vixilantes falsificaba o parte de servizo. “Un subinspector noso ratifica que este vixilante está dobrando e triplicando servizos con outro vixilante, e como a nosa palabra ás veces parece non valer diante dos xulgados, enviamos un investigador privado que confirmou o denunciado”.

Alcor ten contrata de seguridade nalgúns recintos do Concello de Lugo, “noutro centro botáronnos de alí, o motivo foi unha cuestión de convenio, entramos en discusión co Concello, pois uns traballadores estaban subrogados e outros contratados que non, o Concello dixo que o prego de condicións apuntaba que había que facer segundo convenio, saiu unha sentenza a favor deles”, esta parte está recorrida pola empresa.  A Deputación de Lugo tamén quixo actuar contra Alcor, “publicaran que nos botaran, non foi así, estivemos un ano, mesmo os informes do avogado da Deputación falaban a favor nosa” di Somoza.

A reclamación de salarios dignos, o cumprimento dos convenios laborais, ben do Estado ou das empresas, o pagamento a tempo dos salarios e o respecto ás quendas laborais, son as principais demandas dos traballadores e traballadoras da seguridade privada en Galicia. Con todo, e como aparece nestas liñas, existen varios recursos e sentenzas a favor de empregados e outras a favor de empresa. En tal caso, ambas as partes reclaman unha mellor regulación do sector. 

Vixilantes de seguridade
Vixilantes de seguridade | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Compostelano

Uno de los sectores más puteados. Ahora que estamos con las alertas alimentarias y demás... ¿Nadie ha visto a los vigilantes de seguridad de Alcampo en Santiago de Compostela cogiendo las temperaturas de los muebles de frío que hay por el supermercado? ¿A quién se le reclamaría en caso de que hubiera un problema alimentario derivado de un error en la cadena de frío? Supongo que no tendrán ni carnet de manipulador de alimentos (obviamente) Espero que no hagan más tareas que les correspondan a otros trabajadores. Un sector puteado, pero tanto por las empresas como por los sindicatos.