Galicia suspende no Plan de Consumo de Froita e Verdura nas Escolas impulsado pola UE

O país sitúase no grupo de cola nalgúns dos principais indicadores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Co fin de promover o consumo de froitas e verduras na poboación escolar, a Unión Europea, no marco da Organización Común de Mercados, acordou en 2009 cofinanciar cos Estados membros interesados a distribución destes produtos en centros escolares para promover o seu consumo e contribuír á promoción de hábitos saudables, a diminución da obesidade e enfermidades asociadas.

Froitas e verduras nun supermercado
Froitas e verduras nun supermercado | Fonte: UGR.

En España, este plan iniciouse no curso escolar 2009-2010, con financiamento da UE, as comunidades autónomas e o Goberno central, co obxectivo de mellorar a dieta dos escolares e apoiar os mercados agrícolas e a sustentabilidade ambiental.

Porén, o desenvolvemento e o alcance deste programa en España “aínda é insuficiente para influír nos patróns  dietéticos e a saúde da poboación escolar”, se ben si “xerou un mercado económico para a produción agrícola”, indica un estudo realizado por investigadores do Departamento de Enfermaría Comunitaria, Medicina Preventiva e Saúde Pública e Historia da Ciencia e do Grupo de Investigación Saúde Pública da Universidade de Alacante.

GALICIA

Galicia sitúase no grupo de cola en case todos os indicadores. Por incestimento, Andalucía e Cataluña lideran a clasificación cos orzamentos máis altos, mentres que Galicia ocupa o quinto posto por atrás, das 16 autonomías adscritas a este programa (non o está Madrid).

Con todo, se se miran os datos da cobertura do programa para estudantes, é maior en Cantabria (64%) e Castela e León (45,6%), e Galicia ocupa o terceiro posto, co 32,8%.

No custo medio por alumno ao ano destacan Navarra, con 28,4 euros, e A Rioxa, con 19, pero tamén hai que sinalar que ambas as comunidades tiveron a duración media máis longa do programa (69,9 e 70,8 días respectivamente). Pola contra, Galicia e Cantabria mostran o custo medio por alumno máis baixo, só 2,3 euros, con 17,9 e 7 días de duración, respectivamente.

Galicia, Cantabria e Navarra son as comunidades autónomas co custo medio máis baixo por estudante por días (0,20, 0,30 e 0,50 euros, respectivamente).

As comunidades autónomas que declararon o maior número de froitas e verduras por estudante por ano foron Navarra (8,1 Kg) e Illas Canarias (5,1 Kg). Galicia colócase quinta pola cola, con tan só 1,4 Kg.

En canto á variedade de froitas, hai unha gran variabilidade entre as comunidades autónomas: de 13,4 en Cataluña a 1,9 en Navarra; aquí, Galicia é segunda, con 11.

Porén, as verduras non se incluíron en catro comunidades autónomas: Galicia, Aragón, Asturias e País Vasco.

Fóra de Aragón e Navarra, o resto das comunidades autónomas incorporaron alimentos locais e os alimentos de tempada incorporáronse en todas. Con todo, 7 das 16 autonomías non incluían alimentos orgánicos en ningunha edición.

No que se refire ás actividades educativas, Andalucía e Murcia destacaron pola súa maior variedade e Cantabria por non ter ningunha. Galicia sitúase neste caso en penúltima posición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta