Duras críticas a un posible acordo entre Errejón e Luís Villares en Galicia: "Igual PACMA os supera en votos"

Para o PP é "unha nova mostra" de que "na política española hai demasiados personalismos e demasiada ausencia de compromiso".Os socialistas avisan de que a división do voto na esquerda só serve para "dar máis rifas á dereita", Podemos ironiza co 1% de votos e Pontón di que é "un auténtico disparate".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2019 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

Os principais partidos da esquerda en Galicia foron moi críticos este luns tras coñecerse que o partido de Íñigo Errejón, Más Madrid, vaise presentar as eleccións xerais do 10N. Unha situación que pode provocar novas alianzas e colaboracións con partidos en Galicia como pode ser En Marea. 

Os voceiros Alexandra Fernández (En marea), Errejón (Podemos) e por En Comú Podem Xavier Domènech.
Os voceiros Alexandra Fernández (En marea), Errejón (Podemos) e por En Comú Podem Xavier Domènech.

Un escenario que non gusta a PSdeG, Podemos, EU ou o BNG que criticaron duramente a Errejón, porque consideran que "divide á esquerda" e tamén ao partido que lidera Luís Villares, que dixo estar aberto a colaborar con Más Madrid nun acordo estatal con máis forzas, como Compromís. De feito, tanto Podemos como socialistas conincidiron en lembrar que nos pasados comicios non chegou ao 1 por cento dos votos.

Así, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou que a división do voto na esquerda, ante a posible irrupción do partido de Íñigo Ejerrón no panorama estatal, só serve para "darlle máis rifas a unha dereita" que "inclúe a Vox" na súa opción de Goberno.

Leiceaga pronunciouse deste despois de que o partido de Íñigo Errejón acordase presentarse ás eleccións xerais e na xornada no que o portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que ve posible unha "cooperación leal" en Galicia con esta nova formación.

Na súa intervención, o portavoz parlamentario do PSdeG asegurou que os datos das últimas eleccións sobre a incidencia electoral do partido de Villares "son extremadamente elocuentes". "Non sacou nin o 1% dos votos", lembrou para considerar que, "pretender, a partir de aí, converterse en opción de referencia, non ten moito sentido".

PODEMOS

Pola súa banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, membro da dirección de Podemos Galicia, dixo sobre unha posible candidatura en Galicia de Errejón "É unha forza distinta á nosa, alá cada un coas súas estratexias".

Aperta entre Luís Villares e Íñigo Errejón nun mitin en Pontevedra
Aperta entre Luís Villares e Íñigo Errejón nun mitin en Pontevedra | Fonte: En Marea.

Preguntada sobre como podería influír unha eventual coalición de Más Madrid con En Marea, Chao asegurou que "non hai ningún dato" que faga pensar que os de Villares "poderían mellorar" o 1 por cento de apoios logrados en Galicia nos comicios do 28 de abril. "Igual neste caso Pacma, efectivamente, supéraos", lembrou.

Así mesmo, a deputada autonómica rexeitou opinar, como si fixo Villares, sobre se Carolina Bescansa é un bo activo político ou non. "Non estamos no mesmo partido, non vou ser eu quen xulgue aos candidatos doutras formacións", dixo, asumindo que a compostelá podería acudir nunha lista da iniciativa de Errejón.

BNG

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que lle parecería "un auténtico disparate" que a formación Máis Madrid que encabeza Íñigo Errejón se presente en Galicia ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro.

"Se algo necesitamos é menos Madrid e máis Galicia", ironizou este luns a líder frontista nunha rolda de prensa no Parlamento galego, onde foi cuestionada sobre a posibilidade de que o taboleiro político galego some unha nova opción na á esquerda coa chegada do proxecto do exnúmero dous de Podemos.

"A política a nivel estatal está empantanada, nun canellón sen saída", apuntou Pontón que ve o sistema político do Estado "nunha crise profunda" froito da "incapacidade" dos partidos, á vez que alertou de que "o descrédito cara á política" que percibe na cidadanía "é un caldo de cultivo moi perigoso".

"Comparto o cabreo de moitos galegos que a incompetencia das forzas estatais", incidiu, antes de censurar a actitude de PSOE, Podemos, PP e Cs por "marear a perdiz" e "falar de relato" mentres "os problemas da cidadanía está ausente".

O PP DI QUE HAI MOITOS "PERSONALISMOS" NA POLÍTICA

 

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sinalou, tras ser preguntado pola decisión tomada pola asemblea de máis Madrid --o partido que lidera Íñigo Errejón-- de concorrer ás eleccións do 10 de novembro, que é "unha nova mostra" de que "na política española hai demasiados personalismos e demasiada ausencia de compromiso".

En rolda de prensa, Puy apuntou que "a lealdade ao partido que un pertence" é "asumir que, ás veces, a opinión dun prevalece e outras veces non". Ao seu xuízo, "ser demócrata" é "asumir" tal precepto.

Por iso, contrapuxo que, actuacións como Errejón sinalan, con todo, que no espectro da "esquerda radical" hai "pouco compromiso e moito personalismo", o que, ao seu modo de ver, indica tamén pouca capacidade para poder xestionar o goberno dun país.

"En política hai que estar cun compromiso e iso significa certa lealdade, sen que ao primeiro de vez haxa que estar a constituír formacións alternativas porque un perde unha votación interna", defendeu, antes de concluír que, en todo caso, os asuntos internos son unha cuestión que compete en exclusiva a cada formación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

4 Preogán

Tiene derecho a presentarse con quien quiera ,como quiera y con las siglas que quiera. Ahora bien, pretender defender una vía "nacional" pactando listas con Madrid nunca ha dado buen resultado, según mi modesta y pobre opinión de fulanito de a pie y dudo que lo dé ahora.

3 nacionalista

Os do BNG sempre manipulando. O que propuxo En Marea segue en pé; unha alianza con forzas galegas e no estado unha alianza estratéxica con outras como Compromís, Chunta ou Más Madrid en igualdade de condicións. Isto non é como Anova con Podemos, ou o BNG co PSOE españoleiro en concellos e deputacións. A oferta segue en pé. Os de Compromiso semella que están pola labor. Os de Anova prefiren ir cos españoleiros de Podemos e os do BNG ser sucursais nas institucións dos españoleiros madrileños do PSOE. ESa é a realidade hoxe en día.

1 Gustavo

Os de Podemos, "españoleiros", os de Más Madrid, abertzales, como o seu nome indica. Hai que rir por non chorar.

2 Dexgual

Menuda empanada mental teñen os villaristas: Anova e o BNG "van con españoleiros", pero En Villares lanzándose á desesperada aos brazos de Errejón/Carmena, non. Desta non sacan nin 10 mil votos.

2 Xanc

O sábado Villares di que quer ir con CxG e BNG. Hoxe di que con Máis Madrid (o nome do partido xa o di todo). Sei que moita xente do BNG quer candidatura unitaria. Pero visto os bandazos que da Villares, non creo que haxa. Propoño que o partido de Villares se chame “Aínda Máis Madrid”.

1 Inscrito de En marea

Ata agora a única alianza que lanzou Villares foi un pacto con forzas galegas. Se o BNG non quere saber nada de alianzas, pois que o diga e punto pero que non ataque nin insulte a demáis Esquerda. Eu sei que Pontón e o BNG soamente obedecen ao PSOE.

1 Memarea

Ti debes de ser o único inscrito que lles queda non? Votarías Más Madrid sección Noroeste?

2 Loisc

Primeiro debedes ter claro o que queredes. Porque non é normal dicir en 48 horas dúas cousas opostas. Se ides con Errejón, ides cometer o mesmo erro. A Complutense manda. Falades de lealtad, horizontalidade... Coma fai 5 anos e aí tedes o resultado.