Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 17/05/2012
Que morrera Xornal de Galicia non só significou que pechara outro medio de comunicación máis; porque foi o derradeiro e definitivo, é ata un símbolo e fito histórico do que está a pasar no ámbito da comunicación. Porque, fisicamente, desapareceu xa o “xornal de Galicia”, é dicir, o xornal diario galego e en galego. Máis aló do estéril territorio que ocupa o idioma nas folclóricas seccións de cultura e a obrigada cuota mínima dos grandes diarios tradicionais galegos- aqueles que xeran pingües beneficios aos seus donos grazas ás raras políticas de subvención da actual Xunta-, o feito é este: xa non existe un diario impreso galego e de pago que comunique a maioría dos seus contidos en galego. Nin sequera a cuarta parte. E os semanarios, mensuais, e ata edicións dixitais en galego, caen cada vez máis, por mor da crise e a neglixencia dun goberno que xoga a política do “laissez-faire” co idioma e a identidade dun pobo. Neoliberalismo salvaxe e inhumano que vén sendo o signo destes tempos, depredador de seres humanos e de linguas, e con estas as persoas falantes e os seus dereitos. Señoras e señores: case voltamos e retrocedemos aos “Séculos Escuros”, no que o galego apenas se empregaba como lingua de axitación político-social, e de forma clandestina. Ou aos tempos do exilio franquista. Hoxe, o galego agóchase xa nas barricadas cibernéticas, en novas iniciativas independentes, mais precarias, e acadando por fin certo respiro de alivio, mais alivio de luto, ante as carencias que complicaban cada día máis o seu normal desenvolvemento. Pero non acadará a súa completa e verdadeira autonomía, a liberdade que tanto predican os inventores da falacia da imposición do castelán, ata que non acade o apoio real do lector.
Falemos claro: Xornal de Galicia, Galicia Hoxe, Vieiros, A Peneira e A Nosa Terra morreron porque representaban un xornalismo comprometido e crítico, en galego, co que os poderes non comungan. Así que, polo seu ben, non se laien, fagan a partir de hoxe un acto de resistencia cívica e histórica, e devólvanlle o que recibiron de tantos xornais desaparecidos en combate: consuman imprensa en galego, en papel e dixital, e sobre todo fagan porque esta se poida desenvolver. Pagando o traballo das e dos xornalistas, que tamén han de comer, difundíndoa e retroalimentándoa, cadaquén na medida das súas posibilidades, contribuíndo así á súa profesionalización, e á fin da precariedade dos e das que a sustentan, e tamén á liberdade de expresión, ó dereito á información, e a unha prensa en galego, de calidade, crítica e independente. Se non comezan hoxe, probablemente mañá será o último día que poidan facelo. En tanto as autoridades non queiran cumprir a súa misión, protexer o que por lei han de salvagardar, os dereitos lingüísticos dos falantes, a identidade e a pluralidade informativa dun pobo. Namentres non saiamos desta longa noite de pedra.
Este texto foi presentado ao VIII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo 2012. Leva preto das cen sinaturas e podes darlle ti tamén o teu apoio na seguinte páxina: https://www.facebook.