Como atallar o despoboamento? A Cañiza chama a sumar esforzos para abrir portas ao rural

A xornada "Podemos frear o despoboamento?" organizada no Auditorio da Cañiza acolleu a xente das aldeas e a persoas expertas no ámbito para abordar as causas desta problemática e as posibles solucións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de CompostelaXo | 02/10/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Unhas cen persoas chegadas dende diferentes lugares da xeografía galega participaron na xornada “Podemos frear o despoboamento?” que tivo lugar o 28 de setembro no Auditorio da Cañiza. A iniciativa foi impulsada pola cooperativa O Tempo da Aldea (Rebordechán, Crecente) e polo Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta e financiada polo Programa LEADER Galicia 2014-2020. Marcou como obxectivo debater sobre as causas do despoboamento no rural así como analizar os recursos e as posibilidades para o futuro.

Panorámica da aldea de Naraído.
Panorámica da aldea de Naraído.

Para iso abriuse espazo a diferentes ópticas do mesmo problema: dende a da veciñanza ata a de expertos na materia. As xornadas arrancaron cun acto inaugural no que interviñeron o Alcalde da Cañiza, Luis Piña; o Presidente do GDC Condado Paradanta, Pablo Castillo; e Marta Lourido, da Cooperativa O Tempo da Aldea. Unha vez presentadas as xornadas, comezaron as “conversas” nas que se lle deu voz á aldea coa participación de profesionais como Elías Gómez, testemuño do despoboamento da aldea de Rebordechán (Crecente) ou Silvia Fernández, que xunto co seu pai, explicou o funcionamento das beceiras, un sistema para a xestión dos rabaños de distintos propietarios que perdeu importancia nos últimos anos. “Hoxe as beceiras darían para vivir tranquilamente”, sinalou Manolo Fernández. 

Durante as xornadas tamén se falou, entre outros temas, sobre o patrimonio cultural que se perde en cada aldea despoboada. Diso encargouse Carlos Coto, Presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego; quen lle reclamou á Administración uns procedementos máis sinxelos e un compromiso a través do labor da radio e televisión pública. Pola súa banda, sinalou que no deber da cidadanía está informarse, coidar e denunciar as infraccións do patrimonio. 

COMO FREAR O DESPOBOAMENTO?

Persoas expertas na materia - entre elas Mar Pérez, Doutora de Economía Aplicada, ou Carlos Morgade, Presidente de Iniciativas Comunales España - tomaron a palabra nunha mesa redonda en que se abordaron as causas do despoboamento e as posibilidades de frealo.

Xornada sobre despoboamento na Cañiza
Xornada sobre despoboamento na Cañiza | Fonte: O Tempo da Aldea

Entre as propostas que se puxeron sobre a mesa, os expertos destacaban a necesidade de actualizar a maneira de administrar os recursos da aldea. Igualmente, aseguraron que cómpre 

poñer en valor os recursos primarios para poder medrar a partir de aí. Apelan tamén a unha maior concienciación dende as aulas - e tamén por parte das familias -, para que a mocidade aposte polo rural. Para poder propoñer e desenvolver proxectos nas aldeas é necesario reducir e simplificar os trámites administrativos e ademais, necesítase unha implicación decidida para frear o despoboamento por parte de todas as administración. Chaman, daquela, a unha "mirada colectiva cara ao rural, sumando forzas dende todos os ámbitos": non existe unha receita máxica. "As receitas para o rural galego non deben partir “da cidade” e si de escoitar á xente das aldeas. Cómpre tecer unha rede de colaboración e traballo para que o que acontece una xornada do sábado teña continuidade no tempo", conclúen na mesa.

Dende O Tempo da Aldea apostan por continuar co traballo iniciado o sábado na Cañiza e convidan a todas as persoas a non deixar de conversar e traballar, sumando esforzos e buscando solucións. O seu correo (info@otempodaaldea.com) e as súas redes sociais están a disposición de todo aquel que estea disposto a colaborar no futuro do rural galego.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Desde logo non son os " trámites administrativos" a causa dos despoboamento do rural. Decir eso é infantil.