Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2019 | Actualizada ás 09:00
Dentro do proxecto CibeRespect, que loita contra o odio e a desinformación nas redes sociais, a asociación Ecos do Sur convoca o I Concurso CibeRespect de vídeos de curta duración 'Respecto en Rede', centrado no activismo para combater os discursos de odio, racistas ou xenófobos a través da creación audiovisual.
Os vídeos poden enviarse ata as 14:00 horas do xoves, 14 de novembro e poderá participar calquera persoa ou grupo de persoas residentes en Galicia, de 14 anos en diante, presentando un ou máis vídeos orixinais de entre 30 e 120 segundos de duración. O ton e a técnica serán libres, e o contido debe enfocarse á loita contra os rumores, os prexuízos e o discurso de odio. Así pois, poden, por exemplo, promover ideas para combater as mensaxes racistas e xenófobos nas redes sociais ou ofrecer axuda para a superación dos rumores, os bulos e a desinformación sobre as persoas migrantes e refuxiadas; favorecer o diálogo e o encontro entre as culturas; defender a diversidade e os Dereitos Humanos...
O certame está dotado con tres premios. Por unha banda, Categoría Respecters (de 14 a 17 anos): cheque regalo por valor de 500 euros e material audiovisual. Pola outra, Categoría Fighters (máis de 18 anos): 1.000 euros en efectivos e material audiovisual. E finalmente, Premio Especial do Público: 250 euros. A entrega terá lugar a finais de novembro, no transcurso do festival audiovisual FestiRespect, onde se proxectarán as obras a concurso e os asistentes poderán votar para outorgar o Premio Especial do Público. As bases completas poden consultarse aquí.
CONTRA O DISCURSO DO ODIO
A capacitación e a loita contra o discurso do odio xenófobo é o núcleo de acción de CibeRespect, unha iniciativa pioneira no Estado que conta co financiamento da Xunta
de Galicia a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores, coa Unión Europea
e coa colaboración de SOS Racisme Catalunya e United Explanations.
Desde marzo de 2018 e ata novembro de 2019, CibeRespect desenvolve accións dirixidas a frear o discurso de odio nas redes sociais sen sacrificar a liberdade de expresión, apostando pola investigación, a creación de ferramentas, a formación e a intervención ciberactivista nas redes sociais. Dende Ecos do Sur aseguran que "a tecnoloxía está a cambiar as formas da acción social, ofrecendo oportunidades de democratización e participación a colectivos vulnerables, pero tamén está a profundar brechas". Deste xeito, "a loita ao redor dos DDHH
é en gran parte unha loita discursiva que se libra en Internet".
Por iso, CibeRespect propón actuar contra o racismo a nivel discursivo e nas Redes Sociais.
Trátase dun proxecto colaborativo que aposta pola investigación dos fluxos de ciberodio
e desinformación nas redes sociais, como base para para a creación dunha nova narrativa ao redor das migracións, baseada nos DDHH. Ademais, capacita á sociedade e moi especialmente a persoas migrantes ou racializadas, novas e comunicadores, para actuar colectivamente en internet pola convivencia intercultural, a través da cohesión dun grupo motor de ciberactivistas que comparten coñecementos, materiais e actúan coordinadamente para sumar impacto ás mensaxes e campañas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.