Grecia-Galiza: Avante Syriza!!!

Unha pantasma percorre Europa… e esa pantasma non é máis que a recuperación da soberanía e a democracia que encarna Syriza, a coalición de esquerdas que lidera Alex Tsipras, que o domingo se bateu nos comicios gregos non só contra os seus compatriotas rivais, senón contra toda un ala conservadora e reaccionaria de Europa.

Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 19/06/2012

Comparte esta noticia

Non acadaron a maioría suficiente para gobernar, mais é seu o auténtico trunfo, co maior aumento de votos en termos relativos, fronte á victoria pírrica da dereita de Nova Democracia, que terá que aliarse coa socialdemocracia do PASOK para poder gobernar: o que indica que algo comeza a mudar. Agora terán que loitar dende unha auténtica oposición na que xa se posicionou Tsipras, por lograr o que estiveron a piques de conseguir dende o poder, e que de feito se atopa na conciencia de cada vez máis xente. Unha onda antiausteridade no corazón de Europa e no berce da democracia, que podería provocar un tsunami de dignidade en toda a Unión Europea. 

O Pobo Galego non debe ser alleo a estes movementos no seo da UE, pois nun mundo globalizado como o noso, nun mundo que sofre a escala macro os ataques do sector financeiro e o secuestro dos gobernos a mans daqueles, a estafa, o atraco e o expolio disfrazados de crise, e mailo avance da dereita máis salvaxemente neoliberal, o que pasa en Grecia nestes momentos debe ser un espello no que vernos e un camiño que seguirmos para saír desta situación, deixar atrás o medo e recuperar a soberanía, a dignidade e a democracia perdidas. 

E, salvando as inevitábeis distancias, Galicia ten bastantes semellanzas con Grecia, tanto na economía, dominada pola agricultura, a pesca e o sector servizos, entre eles o turismo, e con especifidades moi galegas dentro da industria como o naval; coma no político, cunha depauperación da vida pública caracterizada pola corrupción e o caciquismo, ademais do desmantelamento constante do público nos últimos anos, educación, sanidade, dereitos e liberdades sociais… (Casualmente, as cores da súa bandeira son as mesmas cá nosa, azul e branco, esta coa cruz de San Andrés -que casualmente di a lenda cristiá que foi martirizado en Grecia-, e a outra coa cruz da Igrexa Ortodoxa grega.)
 
Partidos como Syriza deben ser un exemplo para a nova forza política de esquerda que se está a formar en Galicia/Galiza. Unha forza con principios e ideoloxía, pero pragmática, plural e heterodoxa, non dogmática; non pechada e ensimismada, resistencialista e intransixente, senón aberta, tolerante e con vontade de gobernar, fornecendo así alianzas e entendementos para acadar o que debería ser obxectivo común de toda a esquerda, o que lle dá sentido: derrocar a dereita e comezar a desterrar, entón, todas as súas políticas anticidadás.
 
Unha esquerda “verde” que, no económico, rexeite os actuais modelos produtivistas tanto capitalistas como comunistas, sen deixar na cuneta ás clases obreiras pero que aposte polas enerxías renovables, a protección escrupulosa do Medio Ambiente e o decrecemento, e mais radicalmente anticapitalista no que atinxe á redistribución da riqueza;  e que no social, defenda con firmeza os dereitos humanos e a igualdade radical sen peros, tanto da muller con respecto ó home como do colectivo LGTB, inmigrantes, discapacitados, dependentes, e tamén todos os disidentes e perseguidos de calquera réxime, sexa capitalista ou comunista (supostamente comunista); que acredite e practique a democracia participativa, a transparencia e o diálogo permanente coa sociedade. 
 
Syriza, como outras esquerdas radicais europeas, é plurinacionalista. O que quer dicir que defende as diversas identidades nacionais que conviven no seu Estado, sexan legais ou ilegais. Isto tería que valernos a nós, se queremos formar unha nova forza nacionalista e soberanista, non só para autoafirmarnos como galegas e galegos, senón para aceptar e integrar toda a diversidade que comprende este concepto, e revisalo afastándose de debates sobre a maior ou menor galeguidade e polo tanto lexitimidade de cada suxeito; entendendo que hai moitas sensibilidades dentro desa idea, e que a de galego/a tería que ser unha carta de cidadanía ante todo. Apostando pola convivencia entre linguas, culturas e visións, sen deixar de potenciar a cultura e a lingua propias, e mailos signos de identidade que nos unen e diferencian doutros pobos. 
 
Como Syriza, o camiño que debemos seguir é o da amalgama de sensibilidades, propostas e ideas e movementos radicalmente de esquerdas, como os de raíz ecoloxista, pacifista, antimilitarista, feminista, queer, antiprohibicionista, laica, antifascista e, en definitiva progresista, revolucionaria ou simple e radicalmente democrática e cidadá. Este camiño implica tamén unha radical humildade e espíritu aberto, receptivo a todas as propostas minimamente éticas, nada egocéntrico nin paternalista e con vontade de integrar, facendo fronte común aos que queren submirnos máis neste neofeudalismo no que involucionou o capitalismo. Para iso, á parte de ser xustos, cómpre sermos intelixentes, e non dividir. Isto é o que ten levado a Syriza a superar á socialdemocracia caduca do Pasok e desputarlle corpo a corpo o poder á dereita continuista de Nova Democracia, para convertirse na única alternativa posíbel: atraer cun mesmo e sólido, mais flexible e tolerante, innovador discurso, a moi diversos e amplos sectores de poboación, algúns que non participaban nunca na política e outros que votaran por outras forzas que os acabaron defraudando. Niso pode residir a chave do éxito. 
 
Como di David Cabello, “o seu éxito é a victoria da diversidade da esquerda, do abandono da escenificación arcaica e cainismo dos partidos comunistas, da democracia participativa como instrumento para ilusionar a cidadanía e rexenerar a vida democrática (…), unha esquerda esperanzadora que amose alternativas reais ao bipartidismo”. 
 
Radical non é o mesmo que extrema, como a teñen chamado equivocada ou premeditadamente (nos dous casos, erroneamente) certos medios no Estado español. E así, o acrónimo de Coalición da Esquerda Radical o é, e orgullosamente, porque vai á raíz, ten principios e vai até o fondo con eles. O que non quere dicir que non sexa unha esquerda moderna no mellor sentido da palabra, adaptada aos novos tempos, non ancorada no pasado nin máis papista, ou marxista que Marx. Se Marx vivise hoxendía daríase conta diso. Como dicía Bob Dylan, “os tempos están cambiando”. Se non o fixeron xa hai moito.
 
Vexo, polo tanto, con ilusión, tanto a victoria simbólica de Syriza, como a constitución na nosa terra dunha nova forza de esquerda nacionalista e galeguista para o vindeiro 14 de xullo, que, por cousas do azar, coincide co aniversario da Toma da Bastilla e o Día Nacional de Francia, no que se conmemora a recuperación da dignidade e a toma de poder do Pobo naqueloutra revolución, tamén pioneira e iniciadora de moitas outras. O lema do país heleno é “liberdade ou morte”, grito de guerra contra o Imperio Otomano e contra todo tipo de opresión e tiranía. Onte de momento venceu o medo, tería sido moi positivo unha catarse por fin das vontades contra os recortes: mais algo comeza a moverse. Oxalá vaia gañando terreo a liberdade, e o Pobo Grego retome o camiño de recuperación de soberanía para que vaia liberándose pouco a pouco do xugo da “troika”. Se for así, sería un facho para pobos como o noso, que non debería perderse de vista. E o virus da liberdade e a democracia real podería estenderse por toda Europa e máis alén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jorge M. de la Calle Jorge M. de la Calle, “Moz” (A Coruña, 1982), é xornalista e fotógrafo, licenciado en Xornalismo pola Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Xornalismo Electrónico. Traballou breve e precariamente en La Región, La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, Revista ECO e Cadena Ser, aínda que a mellor maneira de exercer a profesión para el é por libre e de xeito independente, con colaboracións habituais para Galicia Hoxe, Praza, Diagonal, GC e Mundogaliza.com, dinamizando as redes sociais coas súas fotos e reportaxes, e implicándose en calquera causa social na que pague a pena ser activista. Mantén esporadicamente dous blogues, entre o sentimental e o actual, entre a música (a súa gran paixón), o cinema, o político e o literario, ou todo xunto: Fifteen Minutes with you e As outras voces, este integramente en galego.