O socialista Ander Gil culpa a Feijóo de cuestionar o sistema autonómico de Galicia

O portavoz do PSOE no Senado dixo ver no próximo 10N "unha oportunidade inmellorable para pór freo á ultradereita que entrou nas institucións do país da man do PP e Cidadáns".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O portavoz do PSOE no Senado, Ander Gil, acusou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo de "pór en cuestión o sistema autonómico de Galicia que lle permitiu desenvolverse como o conxunto de España".

Así o manifestou este mércores durante a súa visita a Ourense, cidade na que estivo acompañado polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros cargos e candidatos socialistas. Neste contexto, Ander Gil acusou ao PP de "meter ao lobo no galiñeiro" ao pór en "serio" perigo o autogoberno e o Estatuto de Autonomía en comunidades tan asentadas como Galicia.

A posta en cuestión de "consensos fundamentais" como o Estado das Autonomías trasluciu, nas súas propias palabras, do debate a cinco celebrado o pasado luns. Ante esta situación, o portavoz do PSOE no Senado dixo ver no próximo 10N "unha oportunidade inmellorable para pór freo á ultradereita que entrou nas institucións do país da man do PP e Cidadáns". Para Ander Gil, as próximas eleccións son tamén a ocasión de "pór fin a este período de inestabilidade".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, aproveitou a súa intervención para chamar aos galegos ao "voto útil" para o PSOE nas listas ao Congreso e, especialmente, nas listas ao Senado. Por iso, apuntou que "o PSOE é a única forza política de esquerdas que vai ter senadores desde Galicia no Senado que se configure a partir do próximo día 10 de novembro", apuntou.

O portavoz do PSOE no Senado, Ander Gil, co líder do PSdeG nun acto en Ourense.
O portavoz do PSOE no Senado, Ander Gil, co líder do PSdeG nun acto en Ourense. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta