Orgullo e Prexuízo (Día da Dignidade LGTB)

“Gay” significa, en inglés, “alegre”. Con tódolos matices que iso supón: xovial, festivo, divertido... Foi o termo que os anglosaxóns acuñaron para diferencialo do termo “homosexual”, máis científico e, tamén, con tinguiduras patolóxicas.

Por Jorge M.de la Calle | Ourense | 29/06/2012

Comparte esta noticia

 Viñan de tempos escuros, querían disipar vellos neboeiros e, de paso, calquera dúbida arredor do carácter lúdico e desenfadado do movemento. A “ledicia de vivir” e de expresar libremente a propia sexualidade era un dos factores diferenciadores dun colectivo que tiña moito de revolucionario, dende o papel axitador que lle confería aquel "Home Unidimensional” de Marcuse, até todos os intelectuais, artistas e pensadores homosexuais que dende os sesenta e moito antes xa achegaran a súa visión particular da persoa e da sociedade.

 
Coincidía tamén cunha visión e vivencia libres e sen complexos da sexualidade, á marxe de problemas morais, médicos e relixiosos. O “Gay Liberation Front”, creado a partir dos disturbios de Stone Wall que se conmemoran no día de hoxe, fíxose eco de todas estas reivindicacións, levándoas ao primeiro plano da política, e xurdiron en todos os campos artísticos manifestacións e autores que levaban estas formulacións até as máximas consecuencias. No rock, por exemplo, naceu o glam ou rock gay, con artistas da talla de David Bowie, Lou Reed e T-Rex, achegando cada un estilos moi diferentes, pero co denominador común da visión iconoclasta e rompedora cos prexuízos e canons morais, sexuais e mesmo musicais.
 
O termo “gay” hoxe perdeu todas estas connotacións ou ben as engadiu á súa esencia, de forma que moitas veces confúndese a parte co todo e o todo coa parte. Nin todos os homosexuais (nin moitísimo menos) nos identificamos cos estereotipos tradicionalmente considerados “gays”, nin todo o “gay” ten que ser forzosamente homosexual. “Gay” parece que define agora unha mera orientación sexual, ao mesmo tempo que se estende inxustamente toda aquela nube de significados a todas as persoas homo ou bisexuais, sen ter en conta as nosas particularidades, a nosa riqueza e diversidade como a de calquera outro colectivo, como a de calquera PERSOA, e ata se nos engaden matices espurios, envelenando totalmente a semántica, sementando confusión e, o peor, creando e perpetuando prexuízos.
 
Un deles ao redor da palabra “orgullo” e o que significa neste contexto. Moitos din: Para que enorgullecerse de ser gay, se non nos enorgullecemos de ser baixiños, altos ou co pelo louro ou os ollos verdes? Para cando un día de cada un destes? Ben. A intención é louvable, porque o que subxace é a intención de normalizar ao máximo algo que pertence tanto á natureza humana e animal como a heterosexualidade, dúas inclinacións opostas pero igualmente complementarias, conviventes, naturais e válidas. Mais até agora ninguén discriminou, polo menos na medida en que se fixo historicamente e a cotío por razón de orientación sexual, aos baixos, aos altos, aos louros e aos de ollos verdes. Aínda queda moito polo que loitar, e aínda que se avanzou en dereitos e na visibilización, quedan batallas pendentes, como a das lesbianas, os e as transexuais, e, o que se sitúa no fondo de todo, a revolución sexual, a vivencia totalmente libre, libertaria e sen etiquetas da sexualidade, a aniquilación dos roles de xénero e as desigualdades, as barreiras e ataduras que supón. Igual que existe un Día da Muller. A verdadeira revolución será cando xa non sexa necesario celebrar un día para cada unha destas causas. Cando a igualdade estea tan normalizada que se vexa ridículo facer este tipo de distincións. Celebrar este tipo de días. Agora, substitúamos “gay” por LGTB. Ou mesmo, por queer, que nos pode englobar a todas e todos. E seremos moito máis incluíntes.
 
Porén, ao mesmo tempo, moitos e moitas homosexuais/bisexuais/transexuais, e en xeral, calquera pertencente ao colectivo queer (“raro”) criticamos o termo “orgullo” porque tende a pór distancia, no canto de tender pontes co resto da sociedade. Por iso preferimos chamalo “dignidade”. A dignidade que calquera ser humano por natureza posúe para vivir coas mesmas oportunidades, recibir igualdade de trato, e mesmo ser o que queira ser, e non soamente o que a Natureza lle concedeu, que tamén debería ser un dereito e que non é respectado. E colectivos como o Bloque Orgullo Crítico protestan ademais contra a mercantilización do Día do Orgullo Gay, por terse convertido nun desfile de corpos esculturais e carne de ximnasio, e sucumbir á tentación da mercadotecnia fácil e o consumo rápido. Esquecen o seu sentido e esencia reivindicativos e intégrano na sociedade de consumo, alimentando tópicos e estereotipos, mercantilizándoo e desbotando o seu potencial revolucionario, tanto social como persoal, tanto dos nosos corpos como das nosas mentes.  Pero, máis aló do superficial, o rechamante, o vistoso, está o fondo, e é que este día, e as actividades que o rodean, serven ou deberían servir para chamar a atención sobre os problemas que aínda quedan sen resolver, para reivindicar o cese da persecución deste vastísimo colectivo e crear conciencia e mobilización en contra das lexislacións de países que seguen a condenarnos. Máis aló do negocio, esta xornada e a semana que a contén exalta a normalización, ao verse homosexuais, bisexuais, transexuais, etc. de todos os estilos, e a moitísimos heterosexuais, incluídos pais e nais de familia, que acoden con total normalidade ás manifestacións e actividades. Celébrase a visibilidade dunha forma tan evidente, masiva e descarada que non se pode obviar. Si, é un baile de disfraces, un entroido máis, pero niso consiste: en quitarnos ou pornos máscaras para ver, e deixarse ver, o que antes non nos atrevíamos. En sacar a relucir a reinona que todos levan dentro, ou ben o macho de pelo en peito, xogar cos extremos con moito sentido do humor, sen nunca crer que iso é a norma ou o que nos define a tod@s; simplemente rirnos dos estereotipos, sen escandalizarnos por iso. Porque todas as criaturas somos sinxelamente un potencial en constante fluxo, e somos o que queiramos, non o que nos deixen ser. E sobre todo, en enxalzar a tolerancia como valor supremo: para ser diferentes, iguais ou o que nos dea a real gana. Sen prexuízos. Orgullos@s de ser human@s. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jorge M. de la Calle Jorge M. de la Calle, “Moz” (A Coruña, 1982), é xornalista e fotógrafo, licenciado en Xornalismo pola Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Xornalismo Electrónico. Traballou breve e precariamente en La Región, La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, Revista ECO e Cadena Ser, aínda que a mellor maneira de exercer a profesión para el é por libre e de xeito independente, con colaboracións habituais para Galicia Hoxe, Praza, Diagonal, GC e Mundogaliza.com, dinamizando as redes sociais coas súas fotos e reportaxes, e implicándose en calquera causa social na que pague a pena ser activista. Mantén esporadicamente dous blogues, entre o sentimental e o actual, entre a música (a súa gran paixón), o cinema, o político e o literario, ou todo xunto: Fifteen Minutes with you e As outras voces, este integramente en galego.