Irmandade galega de adegueiros

O Foro E. Peinador, que foi creado para restablecer o diálogo entre a economía e a identidade, vai constituír o próximo día 7 de xullo a Irmandade Galega de Adegueiros que etiquetan en lingua galega. A pretensión é dobre: insistir na necesidade de subliñar lingüisticamente a denominación de orixe, e procurarmos que os consumidores con demostrada sensibilidade polo noso feito diferencial apoien aos protagonistas deste sector facendo un consumo responsable, preferindo ás marcas que incorporan a lingua galega nas etiquetas.

Por Xosé Glez. | Redondela | 04/07/2012

Comparte esta noticia
Estamos a falar dun sector económico relevante, mergullado nunha críse profunda e no que a excelencia da calidade dos seus produtos é un denominador común. Esta economía, que podemos calificar de heróica, axuda a fixar poboación no rural, modernizar as explotacións e mellorar a calidade de vida no agro tan desatendido e ameazado polo despoboamento. Malia esas dificultades, preto de douscentos adegueiros elaboran viños competitivos nos mercados internacionais que logo etiquetan no noso idioma, amosando deste xeito o seu orgullo de pertenza ao seu País e a súa cultura.  Podemos afirmar que o 75% da produción vinícola xa se envasa na nosa lingua. Idiomna, economía e calidade unidas en estratéxica alianza.
 
Identificar un produto co idioma de oríxe é un acerto e unha maneira de distinguirse no medio de tanta oferta nos mercados. Isto é o que fan os produtores dos viños do Rhin, os champañas franceses ou ou licores de distintas procedencias, que etiquetan  a súa oferta na lingua de oríxe. Abonda con botar unha ollada aos andeis dos centros de distribución, das cafeterias ou restaurantes para comprobar o aserto. Por que van renunciar os nosos adegueiros a estaren noutras latitudes xeográficas con acento propio? 
 
A Irmandade Galega de Adegueiros establecerá alianzas estratéxicas con outros produtos agroalimentarios, porque cada vez son máis as empresas que etiquetan queixos, aceites, mel, leite...en lingua galega, unha mostra da sensibilidade e receptividade ao discurso da galeguización. Por iso, esta formulación  debe servir para afortalar posicións en todos os mercados a partir das complementariedades que se poidan establecer.
 
As bases constituínte da Irmandade Galega de Adegueiros teñen os seus alicerces na estratexia comunicativa que marca a diferenza nos mercados, procurando,ademais, a excelencia da calidade, que é a mellor maneira para manter a competitividade, e a fidelización de máis consumidores.
 
A Irmandade Galega de Adegueiros, aberta a outros sectores agroalimentarios, nace coa resolta vontade de inserir a economía do viño en alianzas cos consumidores máis conscientes da pervivencia dos nosos valores identitarios agrupados en entidades partidarias, gremiais ou sindicais, e no amplo tecido asociativo esparexido pola xeografía galega e alén das nosas fronteiras, onde residen centos de  milleiros de amigos e familiares.Estes obxectivos téñense que acadar co arroupamento dos centos de milleiros de cidadáns  exercendo un consumo responsable, preferindo as nosas marcas que amosan abertamente o seu galeguismo. Do mesmo xeito, tamén deben ser obxecto de preferenza aqueles establecementos que se identifican co noso sinal de identidade máis preclaro: a lingua. Eles poden servir de apoio á galeguización da economía galega. A Patria faise nela e tamén lonxe dela, na diáspora. Vivamos como galegos galeguizados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA