O Valedor do Pobo reclama "un cambio social máis aló do legal" para atallar a violencia de xénero

A entidade ve "rechamantes" certas "carencias" como "a necesidade de ampliar o concepto de violencia de xénero a todas as violencias contempladas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2019 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

O Valedor do Pobo reclama "un cambio social máis aló do cambio legal" na loita contra a violencia de xénero, porque aínda que as leis "son necesarias", non son "suficientes".

"Agora é necesario que toda a sociedade se comprometa na igualdade e na erradicación da violencia de xénero. Non se conseguirán eses obxectivos se neles non participan todas as mulleres e tamén todos os homes", expresa a institución comisionada a través dun comunicado con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o próximo 25 de novembro.

Neste sentido, o Valedor do Pobo, entidade dirixida por María Dolores Fernández Galiño, advirte que "deixar os homes fóra" desta loita provocará que os avances sexan "máis lentos e inseguros". "Non só é un erro estratéxico, é sobre todo un erro de formulación, porque sen eles a igualdade nunca se alcanzará", engade.

Así a todo, o comunicado sinala que "non se acaba con séculos de sociedade patriarcal con apenas uns poucos anos de acción lexislativa", porque "o cambio social esixe máis tempo e, para conseguilo, é necesaria a implicación de todas e tamén de todos".

En canto aos cambios normativos, o Valedor lembra que "ata 1963 estivo vixente no Código Penal o uxoricidio honoris causa, que castigaba cunha mínima pena ao marido que, sorprendendo en adulterio á súa muller, matase ou lesionanse no acto a un ou ambos os amantes".

Tras case tres décadas dalgunhas evolucións legais, foi o asasinato de Ana Orantes, en 1997, o que "precipitou unha mellora da regulación sustantiva e procesual" dos malos tratos. Iso culminou coa aprobación sete anos máis tarde da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

"Aínda con todos estes avances lexislativos, quedan moitas cousas por facer, e así o percibiu tamén o Congreso dos Deputados á vista do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero", afirma o Valedor, que tamén ve "rechamantes" certas "carencias" como "a necesidade de ampliar o concepto de violencia de xénero a todas as violencias contempladas" no Convenio de Istambul do 2011, ratificado por España no ano 2014.

Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller
Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller | Fonte: Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta