Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/11/2019 | Actualizada ás 15:08
"Eu sempre defendo os intereses de Santiago porque é a miña única preocupación e a miña única guía". O rexedor municipal, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi contundente este luns ante o reproche de Compostela Aberta á hora de defender máis recursos para a cidade ante o Goberno galego, e chegou ha asegurar que o seu compromiso co municipio está por enriba do de desaloxar a Alberto Núñez Feijóo da Xunta nas autonómicas do próximo ano.
"Teñan vostedes por seguro que na miña acción política soamente hai un obxectivo que prevalece absolutamente por enriba de todo: a defensa dos intereses de Santiago de Compostela. Por enriba do obxectivo de desgastar a Núñez Feijóo, por enriba do obxectivo de desgastar ao Partido Popular, por enriba do obxectivo de conseguir un cambio no Goberno da Xunta dentro dun ano", destacou.
O alcalde foi preguntado este luns polas declaracións de Marta Lois durante o acto de presentación de emendas aos orzamentos da Xunta para Santiago (que realizarán a través de Grupo Común da Esquerda), celebrada o pasado venres. Nela, a representante de Compostela Aberta contrapuxo o papel da súa formación para reclamar máis fondos para Santiago fronte ao do rexedor local, que "vai a actos con Feijóo nos que non lle solicita nada".
Bugallo insistiu en que Santiago lidera a súa lista de prioridades e que busca "a maneira de defendelo" da forma "máis conveniente e máis efectiva", posto que non pode "ignorar" que o PP conta "con 41 deputados no Parlamento. "Por tanto, agás acordo, todo o resto son declaracións de intencións pero non teñen transcendencia práctica máis aló".
ACORDO FRONTE A "CONFRONTACIÓN"
Neste sentido, o rexedor apostou por buscar "o maior número de acordos posibles", aínda que non lle parece "nada mal" que Compostela Aberta e as forzas políticas expoñan cuestións a través doutros ámbitos, como tamén fará o Grupo Socialista na Cámara a través de emendas.
A pesar diso, afastouse da postura de "confrontación" que mantén esta formación e lembrou que á cidade "non lle ía nada ben" cando, durante o mandato de Martiño Noriega, "confundían os dous papeis" (o político e institucional). "Para min o importante é conseguir sacar adiante os temas de Santiago e para iso necesito buscar un acordo con quen ostenta a Xunta"
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.