Vítimas de Angrois piden ás portas de Talgo "colaboración" aos seus traballadores "para esclarecer a verdade"

Solicitan axuda, tras a denuncia dun exprofesional desta empresa ferroviaria que asegura que, transcorrido escasos minutos do sinistro, responsables da compañía ordenaron borrar datos sobre avarías no convoi.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 22/11/2019 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013 desprazáronse este venres ás portas do edificio de Talgo para pedir aos seus traballadores "colaboración" para "esclarecer toda a verdade" tras a denuncia dun exprofesional desta empresa ferroviaria que asegura que, transcorrido escasos minutos do sinistro, responsables da compañía ordenaron borrar datos sobre avarías no convoi.

Vítimas do accidente de Angrois, ás portas de Talgo
Vítimas do accidente de Angrois, ás portas de Talgo | Fonte: Europa Press

Un grupo de afectados da plataforma de vítimas desprazouse ao mediodía deste venres ata a sede de Talgo portando pancartas e tamén uns escritos que trataron de entregar aos traballadores, aínda que "a gran maioría deles non quixeron collelo", segundo sinalou o portavoz da asociación, Jesús Domínguez.

No texto, inciden en que "unha empresa seria e do prestixio de Talgo debe iniciar unha investigación interna para aclarar se uns feitos tan graves" como os que denunciou o técnico —que lles entregou unha declaración xurada e que foi chamado a comparecer no xulgado— "son certos ou non".

De feito, apelan ao exemplo "de grandes empresas como General Motors", que ante unha situación "similar" iniciou unha investigación interna, recibiu ás vítimas e familiares e depurou responsabilidades.

Ao coñecer a denuncia, e despois de trasladala tanto ao xulgado como á Audiencia Provincial, a plataforma dirixiuse ao presidente de Talgo, ao que lle demandou dita investigación interna.

Pero este, segundo critican, "respondeu á primeira carta dicindo que se facía cargo da nosa dor" e a unha segunda misiva, engaden, non lles contestou.

Por iso, no escrito que levaban este venres, as vítimas do descarrilamento do Alvia pedían aos profesionais que "por humanidade, xustiza e dignidade" colaboren con eles "para esclarecer toda a verdade desta terrible traxedia".

"Será a mellor maneira de que Talgo siga sendo competitiva, perdure no tempo e contribúa na construción dunha sociedade máis xusta e digna", subliñaban.

A denuncia do extraballador de Talgo provocou que, máis de seis anos despois da traxedia, a Audiencia ordenase a reapertura da instrución no xulgado, que acollerá durante o mes de decembro as declaracións do técnico denunciante e doutro tres persoas ás que pediu como testemuñas o representante legal da plataforma de vítimas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Esta peregrinación de 6 anos debera ter dereito á Compostela de Honra ! As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw