Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 05/12/2019 | Actualizada ás 16:57
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), volverá este sábado a participar no Cume do Clima da ONU en Madrid para expor como a transformación urbana da Boa Vila afectou positivamente á saúde pública.
Fernández Lores explicou este xoves que despois da súa intervención deste mércores na mesa redonda sobre 'Experiencias inspiradoras: urbanismo e clima' organizada polo Ministerio de Fomento, Pontevedra foi convidada a ter unha segunda intervención, nesta ocasión desde o Ministerio de Sanidade.
"Non nos chamaron a nós de casualidade, senón porque temos un traballo feito e uns resultados que son exemplo de boas prácticas", manifestou o alcalde de Pontevedra.
Fernández Lores adiantou que a súa intervención se centrará nos "efectos positivos sobre a saúde que o modelo urbano de Pontevedra xerou nestes últimos 20 anos".
O rexedor pontevedrés formará parte da mesa redonda, que leva por título 'As políticas municipais fronte á contaminación atmosférica e o cambio climático', na que tamén participarán outros alcaldes de cidades europeas e latinoamericanas.
O rexedor insistiu na "transversalidade" do modelo pontevedrés para formar parte de diversos foros que tratan cuestións de actualidade e preocupación a nivel mundial. "Temos un modelo integral e por iso podemos falar da accesibilidade universal, de cohesión social, de cidade dos nenos, de cidade saudable, ou de seguridade viaria", afirmou.
Lores incidiu, ademais, en que "como pontevedrés e como alcalde" se sente "orgulloso de estar sempre no punto de mira de xente que quere avanzar". "Quero pensar que nós estamos a achegar o noso grao de area para que este planeta teña futuro", abundou.
COLABORACIÓN CIDADÁ
Fernández Lores comentou que na súa segunda intervención tratará "honradamente" de "pór en valor o traballo feito polo goberno municipal coa colaboración inestimable e fundamental da cidadanía".
Entre os exemplos deste traballo relacionados coa saúde das persoas mencionou a prevención do sedentarismo e a obesidade, aspectos que cualificou como "un dos temas de preocupación sanitaria a nivel mundial". A este respecto citou a mensaxe recollida no metrominuto e no pasominuto baixo o lema de "Móvete coa túa propia enerxía" no que se anima á cidadanía a camiñar.
Finalmente, Miguel Anxo Fernández Lores, médico de profesión, destacou que a aposta pola mobilidade peonil incide na "mellora do sistema cardiovascular, respiratorio e locomotor" e que na base "está en relación coa recuperación do espazo público para as persoas e coa redución do uso do vehículo privado nas cidades".
Tamén fixo fincapé en que este aspecto da transformación urbana de Pontevedra xa estaba recoñecido co premio á Excelencia concedido en Nova York no ano 2015 e que "define correctamente o que tentamos facer porque é un premio de excelencia de deseño urbano saudable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.