Verín xa presume de cartel para o Entroido 2020

O cartel ilustrador foi presentado o 19 de decembro polo alcalde, Gerardo Seoane, a concelleira de Cultura e Festexos, Emilia Somoza, e Aurora López , artista local autora do mesmo.

Por X.M. Fernández | Verín | 22/12/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Aurora López, referíndose á súa obra durante a presentación, dixo que o cartel ten como corpo central unha ilustración onde aparece a figura principal de Entroido de Verín, o Cigarrón. Este eleva e enxalza o resto de personaxes presentes na creatividade dos que sae a propia festa. "Dentro deses personaxes está representado o Entroido máis tradicional e un Entroido máis moderno que conviven perfectamente, e as cores resaltan o ambiente de troula e alegría", engadiu.

Gerardo Seoane, Emilia Somoza e Aurora López na presentación do cartel. Foto: Prensa Concello de Verín
Gerardo Seoane, Emilia Somoza e Aurora López na presentación do cartel. Foto: Prensa Concello de Verín

A autora tamén quixo facerlle unha homenaxe a un dos personaxes máis entrañables do noso  Entroido, o recentemente falecido “Toni  Tarrio”. Segundo recoñeceu "mentres debuxaba faleceu Tarrio e quixen homenaxealo incluíndo no cartel unha pluma de faisán como a que el sempre levaba no seu chapeu". Están presentes ademais no deseño certos lugares moi representativos de Verín como son a ponte, a Praza da Mercé ou a Praza do Cigarrón.

A concelleira de Cultura, Emilia Somoza, moi satisfeita co resultado final do traballo creativo, recoñecía que "realizar o encargo do cartel a unha profesional permitiranos extraer desta mesma imaxe o resto de adaptacións para os diferentes medios de comunicación, así como de elementos de merchandising, evitando así teimosos procesos de dixitalización e encargos de deseño diferentes que non fan máis que diluír a imaxe unificada que mostramos ao exterior e aumentan os gastos innecesarios".

O alcalde, Gerardo Seoane quixo lembrar que o cartel oficial debe ser un elemento publicitario adaptado aos novos medios de comunicación, e que co encargo o que se busca é proxección exterior, unha imaxe potente e atraente de Verín e o seu Entroido. "Co deseño de Aurora creo que o conseguimos", rematou.

AURORA LÓPEZ PÉREZ, A CREADORA

Aurora López Pérez naceu en Albarellos de Monterrei, Ourense, no 1971. Formouse con diversos cursos de debuxo e pintura para chegar ao mundo da animación 2D no ano 1999.  

Ten realizado diversas exposicións de pintura, tanto en solitario como acompañada de colectivos dos que forma parte, e realiza tamén traballos de cartelismo e deseño gráfico. No ano 2012 foi finalista do certame de cartelismo Francisco Mantecón de Terras Gauda.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta