José André Lôpes, o redescubridor do Apalpador: "Co Apalpador a Igrexa deixou facer"

A recuperación do Apalpador non quedou libre de polémicas entre quen reivindica esta figura como propia e quen ven unha imitación doutros personaxes do Nadal. José André Lôpes, a persoa que o "redescubriu", destaca nesta entrevista como ademais deste personaxe, existían outros ritos en Galicia que se foron perdendo, ben por represión das autoridades ou ben polo esmorecemento do rural.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 30/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O “re-descubrimento” dunha figura como o Apalpador non foi allea á polémica nin ao debate sobre se esta tradición existíu ou é unha invención. Os defensores mostraron mesmo traballos en formato audiovisual para confirmar a existencia do mito. Os detractores non deixan de apuntar o oportunismo e ser unha copia doutras figuras tradicionais do Nadal noutros lugares. Sexa como for, os anos pasan e a figura do Apalpador, Apalpabarrigas, Pandigueiro e outros nomes, vai collendo certa forma e forza dentro do Nadal galego.

Recreación do Apalpador
Recreación do Apalpador | Fonte: Artesanía Artesanum

Unha conversa co antropólogo que “re-descubriu” o Apalpador, José André Lôpes, permitiu un percorrido sobre esta figura e as súas posibles raíces, tanto etnográficas como culturais. A recuperacón deste personaxe permite, segundo algunhas voces, facer fronte á globalización das festas do Nadal, ofrecendo unha nova visión desde o máis próximo.

REDESCUBRIMENTO E REVITALIZACIÓN

A viaxe a Romeor do Courel en 1985 foi o comezo de todo. A compañeira de José André Lôpes era natural daquel lugar e así pasou a noite de Nadal daquel ano. Unha visita á casa dunha veciña foi o comezo de todo. “Fomos á casa de Amadora do Galego que metía présa para deitarse cedo porque o Apalpador estaría por chegar” lembra Lôpez. A primeira reacción foi preguntarlle a Amadora que era o Apalpador. Logo foi corrobando o relato de Amadora con outros testemuños. A publicación primeiro para o Centro Galego de Alcalá de Henares e logo no Portal Galego da Lingua, prendeu o rexurdir do Apalpador.

“Foron asociacións culturais e sociais as que dinamizaron a figura do Apalpador, unha tradición que estaba a piques de morrer” declara José Lôpes. Porque ese é o medo, a perda de tradicións que desaparecen. “Cada vez que unha persoa maior morre, desaparece unha biblioteca de saberes” remarca Lôpez. O antropólogo quedou sorprendido co dinamismo de diferentes asociacións e a súa teimosía en recuperar esta figura.

Fragas ou bosques, onde vive o Apalpador
Fragas ou bosques, onde vive o Apalpador | Fonte: Wikipedia

“Fixen algún artigo máis sobre o Apalpador, mais non continuei coa investigación, si sei que houbo axudas para a investigación sobre este tema que non seguiron adiante”. O desexo de Lôpez era que esa tradición non morrese como moitas outras que si o fixeron ben porque non se recollera a tradición oral ou ben por represión.

QUEN É O APALPADOR?

Esa foi a primeira pregunta a Amadora do Galego en Romeor de Courel. A resposta, un ser mítico que baixaba das devesas ou bosques onde botaba todo o ano facendo carbón. Alimentábase de raíces, froitos do bosque e algún animal. Cando baixaba ás aldeas, entraba nas casas e apalpaba as barrigas dos nenos para saber se estaban mantidos ou pasaban fame.

Apalpar deu en Apalpador, mais Pandigueiro, como se lle chama en Trives, vén de pandar, curvar, cando unha parede parece que panda é que curva” sinala Lôpez. E que curva ou panda nesa época do ano? Curva ou panda o tempo coa chegada do solsticio de inverno, cando os días pasan a ter máis luz. Volvendo á pregunta de quen é o Apalpador, as respostas que foi encontrando o antropólogo non daban un aspecto físico concreto. “Dicían que baixaba das cembas ou fragas espesas que non deixaban ver nada, mais el viña envolto nunha luz, como un ser superior”.

José André explica que “o feito de vir envolto nunha luz, de vir nimbado, ten unha correlación coa aura atribuída aos santos, a Xesús e á Virxe María”, así como outras deidades e figuras mitolóxicas en distintas culturas. Por outra parte, apalpar é unha imposición de mans, como as feitas en diversas relixións con distintas funcións, sanar, bendicir ou outorgar calquera graza divina ou máxica. “A raíz do Apalpador está nun deus antigo que anunciaba o solsticio de inverno” sinala Lôpes. “Era un deus profiláctico, que buscaba traer un bo ano de fartura e alimento mediante dous actos, a imposición de mans e a chegada de máis luz para os días”.

“O acto de apalpar aos nenos facíao un parente, normalmente o pai ou a nai, quen deixaba unha presa de castañas para eles, porque era unha maneira de dicir que os nenos non deberan pasar fame” explica José André Lôpes. Os testemuños recollidos en audiovisual confirman as palabras de Lôpes, sendo en moitos casos os pais quen deixaban as castañas aos fillos e fillas.

HISTORIAS, REPRESIÓN E GLOBALIZACIÓN

“Foi Benigno da Casa de Cela, quen me contou que en Nadal subían ao monte, traían unha árbore grande para poñela no adro da igrexa ou da capela e prenderlle lume” rememora Lôpes. “Así botaban a Noite Boa e para o outro día pasaban o gando sobre as cinsas aínda quentes, para que houbese un bo ano ou non enfermasen”. O antropólogo ve aquí, na chamada Torada do Nadal, o correlato entre o solsticio de inverno e a Noite de San Xoán, o solsticio de verán, cando os días van perdendo luz pouco a pouco, e se bota a noite xunto ás fogueiras, lumieiras ou cacharelas acendidas pola xente.

O que chama a atención é a escasa pervivencia do Apalpador, Pandigueiro ou Apalpabarrigas, en Galicia, fronte á tradición de Reis Magos e logo a chegada do Papá Noel, Santa Claus ou San Nicolau. Nestes dous casos pode haber unha acción de sincretismo por parte do cristianismo, adoptando e adaptando dúas figuras aos seus ritos.

“Hai unha serie de paralelismos que van desde o San Nicolau, pasando polo Pai Inverno dos países eslavos ou o Joulupukki finés, o Esteru en Asturias ou Anguleru en Cantabria” enumera José Lôpes. Outra figura que é comparada co Apalpador é a do Olentzero vasco,  unha figura que para Lôpes ten unha función distinta. “O Olentzero anuncia a chegada do Nenos Xesús segundo Julio Caro Baroja, o Apalpador é o solsticio de inverno”.

Sobre a adaptacións de ritos anteriores ao cristianismo, accións sincréticas para achegarse máis aos pobos recén conversos, o Apalpador quedou fóra dese tipo de adaptacións. “Co Apalpador a Igrexa deixou facer, mais con outros ritos como a Torada do Nadal, existen bulas dos bispos de Mondoñedo prohibindo este tipo de accións” cousa que para José André Lôpes sería proba de que o Apalpador tamén era coñecido no norte de Galicia. O antropólogo e investigador conclúe que “non houbo represión sobre o Apalpador en comarcas da Montaña porque esas áreas estaban máis ailladas fisicamente”.

As críticas non tardaron en aparecer cando o Apalpador comezou a recuperarse por parte de asociacións e grupos de investigación. Desde que era unha copia “ao galego” do Olentzero a un “invento” nacionalista. “Hai vídeos en Youtube que poden demostrar a existencia deste personaxe, sinto que existe un odio cara a cultura galega moi grande por parte dalgúns sectores” sinala Lôpes en relación a “xente inmadura que non pasa de facer comparacións con outros elementos”.

A mágoa para José André Lôpes é o pouco interese que espertou no mundo académico galego o Apalpador. Outro temor do antropólogo son as consencuencias da globalización “que busca crear unha tábula rasa, quere eliminar imaxinarios populares”, cousa que traería a desaparición de tradicións antiquísimas en caso de non facerse un traballo de recollida e recuperación das mesmas. “O bo neste caso é que a tradición do Apalpador, grazas a asociacións culturais, está pasando do rural ás vilas e cidades, mais o rural esmorece e con el persoas que son verdadeiras bibliotecas”. Por iso este investigador pide présa para recoller todos os relatos que conforman o imaxinario galego antes de desapareceren.


José André Lôpez - Arquivo
José André Lôpez - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 26 comentarios

1 Gustavo

O que non entendo é a conotación de "pandigueiro" como "curva do tempo", cando pándiga/pándega é literalmente esmorga, festa algo tola, e pandigueiro é pois quen a practica ou a trae: esmorgante, parrandeiro.