Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2020 | Actualizada ás 18:34
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou que a súa "sensación" coa coalición entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias é que son "dous gobernos, como todo parecía aventurar", e seguidamente lembrou que Galicia "xa viu" un bipartito entre 2005 e 2009, con PSOE e BNG.
Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, recollida por Europa Press, o tamén presidente do PP de Pontevedra provincia criticou as "présas" de Sánchez ao convocar o pleno de investidura no medio das festas de Reis e que de súpeto fixese "un parón" dunha semana para celebrar o seu primeiro Consello de Ministros.
Ademais, Rueda lembrou que "o primeiro que transcendeu foi unha evidente tensión interna" entre Unidas Podemos e PSOE, xa que Pablo Iglesias "se dedicou a nomear el directamente a varios membros do Goberno co consecuente cabreo do presidente".
"Esa especie de 'Xogo de Tronos' destes días no que se nomean ata catro vicepresidentes e logo resulta que o vicepresidente Iglesias non sabia que ía haber o cuarto nomeamento... E todo isto os primeiros días, por tanto a sensación é que de Goberno de coalición, nada", afeou o número dous da Xunta.
Preguntado sobre a designación da galega Yolanda Díaz, de Esquerda Unida (EU) como ministra de Traballo, Alfonso Rueda aludiu a que "os seus antecedentes e formas de facer política non aventuran que vaia ser boa ministra". Non obstante, apostou por "darlle unha marxe de confianza" e estendeulle toda a "colaboración" do Goberno galego. Iso si, valorou que a carteira de Traballo está "descafeinada" ao non ter competencias en Seguridade Social.
"COLOCAR OS SEUS"
Alfonso Rueda, na entrevista á Radio Galega, recoñeceu que a vintena de ministerios lle parece unha cifra "excesiva" e considerou que todo iso evidencia que a "intención" de Sánchez e Iglesias é "colocar os seus".
Non en balde, o presidente dos populates de Pontevedra dixo que ve ao presidente do Goberno "hipotecado" cos seus "socios" nacionalistas e independentistas, aos que afeou a súa "chulería" case "esixente, incluso chantaxista", durante o pleno de investidura. Para Rueda, esta previsible dependencia do Executivo de coalición "leva a unha quebra da orde constitucional" e do "sistema de autonomías", o que "vai ser moi malo" para Galicia.
VE "OPTIMISTA" A FEIJÓO
Sobre como afectará a política estatal ao ano electoral galego, Rueda insistiu en que os comicios tocan despois do verán. "Ese é agora a formulación que temos", recalcou, como o fan outros dirixentes do PPdeG. Así, dixo que ve "optimista" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respecto diso da súa xestión, pero non quixo desvelar se optará á reelección porque "ao final é unha decisión persoal" que --apostilou-- "todos entenderán".
Coas autonómicas nun horizonte cada vez máis próximo, Rueda lembrou que os que decidirán serán "os galegos". Por iso, apelou a que "a primeira cousa" que hai que observar é "como se comportan esas forzas que apoian ese Goberno en Madrid" e como este "se comporta con Galicia", á vez que reivindicou a "estabilidade" que vive Galicia tras tres maiorías absolutas do PP consecutivas.
TRANSICIÓN ECOLÓXICA
Noutra orde de cousas, o número dous da Xunta criticou que a ata agora ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, vaia ocupar unha das vicepresidencias cando xa "demostrou" que Galicia "lle importa ben pouco".
Neste sentido, Rueda explicou que "puxo en cuestión e en perigo" a industria galega, tras o xa anunciado peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama, cunha transición enerxética que "se está expondo como un procedemento político de ser os primeiros da clase sen ter en conta as consecuencias". "Ninguén nega a necesidade dunha transición enerxética abandonando paulatinamente fontes de enerxía como o carbón", apostilou.
Ademais disto, situou a débeda de 370 millóns de euros --nun principio eran 700-- que aínda reclama a Xunta ao Estado como outra das "prioridades" do novo Goberno de PSOE e Unidas Podemos. E é que, incidiu, son fondos que "están a reter e non teñen intención de devolver".
Tras tachar de "vergoñoso" que o acordo entre o PSOE e o BNG para a investidura non mencione estas partidas, Rueda reiterou que "por suposto" a Xunta valora acudir á xustiza para reclamar esta cantidade.
Con todo, e a pesar de afirmar que os tribunais lles "van dar a razón", é unha vía que aínda non emprenderon polos "tempos da xustiza": "O diñeiro necesitámolo xa". Seguidamente, advertiu que esta situación provocou que Galicia "incorrese en déficit por primeira vez en dez anos".
AP-9 E AVE
Noutra orde de cousas, o número dous do Executivo autonómico afeou que nin o PSOE nin o BNG explican "quen vai pagar" a rebaixa da peaxe da AP-9 reflectida no acordo de investidura.
Preguntado sobre se cre que nesta lexislatura se materializará esa transferencia de titularidade a Galicia, Rueda respondeu que "igual xa tiña que estar traspasada". "Agora, dicir que o traspaso supón que, por arte de birlibirloque, se deixe de pagar peaxes, iso é un pouco enganar á xente", afeou.
Sobre a chegada do AVE, mostrouse pouco esperanzado e cre que entreará o 2021 "sen que estea a funcionar". Neste sentido, Rueda lembrou que o ministro de Fomento, José Luís Ábalos, "dixo que se reafirmaba e mantiña" nos prazos do Goberno de Rajoy. "Pero acabou o 2019 e o AVE non está en probas. Empeza o 2020 e nin sequera nos din cando vai estar en probas", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.