O israelí Yuval Noah Harari gaña o Bento Spinoza de ensaio por 'Sapiens'

A obra gañadora, que se levou seis dos 10 votos do xurado, foi seleccionada por explicar a historia da humanidade dunha "maneira non complexa".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2020 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O israelí Yuval Noah Harari resultou elixido gañador do V premio Bento Spinoza de ensaio pola súa obra 'Sapiens. De animais a Deuses', na que realiza un "paseo pola historia da humanidade" a través dun "relato ameno" que se adecua "ao público xeral".

Así o recoñeceu este martes o xurado deste premio, composto por estudantes dos últimos cursos de cinco institutos galegos e que seleccionaron a obra ensaística de Yuval Noah Harari como a gañadora de entre as finalistas: 'Estudos do malestar', de José Luís Pardo; 'Historia das historias de Galicia', coordinado por Isidro Dubert; e 'Últimas testemuñas', de Svetlana Aliexiévich.

A obra gañadora, que se levou seis dos 10 votos do xurado, foi seleccionada por explicar a historia da humanidade dunha "maneira non complexa", a través dun relato "ameno e fácil de visualizar" que, sen "afastarse da realidade", se adecua con facilidade "a un público xeral de forma lixeira".

O científico Carlos Pajares, que asistiu á lectura do fallo, destacou os valores que representan todas as obras finalistas, que analizan "algunhas das cuestións craves da humanidade", así como os elementos relacionados coa existencia e evolución humana que aborda a obra gañadora.

Pola súa banda, o xefe do departamento de Filosofía do Instituto Rosalía de Castro de Santiago, entidade promotora deste premio, destacou como "imprescindible" apoiar a lectura de ensaios que encamiñan cara ás "boas ideas" aos escolares e deixar "ocos para a reflexión dentro do currículo educativo".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de pechar o acto, facendo referencia a que a filosofía é, "quizais hoxe máis que nunca", unha materia "moi necesaria", que "abre os horizontes e permite mellorar" ás persoas. Por iso, eloxiou esta "hermosísima iniciativa" que aposta pola "reflexión" e favorece un "enriquecemento notable dos currículos escolares".

As obras foron valoradas e seleccionadas por un grupo de escolares dos últimos cursos dos institutos Otero Pedrayo de Ourense, Ánxel Fole de Lugo, Pintor Colmeiro de Silleda e Antonio Fraguas e Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Lectura do fallo do V Premio Bento Spinoza de Ensaio.. REMITIDA
Lectura do fallo do V Premio Bento Spinoza de Ensaio.. REMITIDA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta