Novo adiamento das declaracións de Talgo pola denuncia de borrado de datos no caso Alvia

O Xulgado fixou a citación para o próximo 13 de marzo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2020 | Actualizada ás 10:08

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que investiga o accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 na parroquia compostelá de Angrois, decidiu un novo adiamento da declaración como testemuñas de catro empregados de Talgo no momento dos feitos e fixou a citación para o próximo 13 de marzo.

Así consta no auto xudicial, ao que tivo acceso Europa Press, no que o xuíz Andrés Lago Louro responde á petición da plataforma de Vítimas Alvia 04155 para suspender as declaracións previstas para o próximo 23 de xaneiro, que xa foran aprazadas desde o 12 e o 13 de decembro.

No seu auto, o instrutor da causa accede ao novo adiamento "sen que sirva de precedente", matiza, e fíxaas todas elas para o 13 de marzo ás 9,00, 10,00, 11,00 e 12,00 horas.

A citación das catro novas testemuñas produciuse despois de que, o pasado 12 de novembro, a Audiencia Provincial da Coruña informase da reapertura da instrución sobre o accidente do tren para que o xuíz investigue a denuncia dun extraballador que asegura que responsables de Talgo ordenaron o borrado de datos sobre avarías do tren tras ocorrer sinistro.

Seis anos despois do accidente, este extécnico da empresa ferroviaria presentou unha declaración xurada na que afirma que a orde de borrado se deu apenas media hora despois do sinistro, mentres que Talgo nega os feitos.

INSTRUCIÓN ATA XUÑO DE 2020

A finais do pasado mes de novembro, o xuíz Andrés Lago Louro prorrogou a declaración de complexidade da causa que investiga o accidente do tren Alvia "por outros 18 meses máis", que contan desde a data de expiración do anterior, en decembro de 2018.

Deste xeito, o novo horizonte para terminar de investigar este sinistro, no que morreron 80 persoas e polo que hai dous imputados (o maquinista e o exxefe de seguridade de Adif), chega agora ata xuño de 2020.

Nese auto de finais de novembro, o xuíz facía, precisamente, referencia a que están "pendentes" de practicar dilixencias de investigación "de natureza indispensable" en relación ao descarrilamento no que outras 144 persoas resultaron feridas.

Para facer fronte ao final da instrución do caso do accidente Alvia, a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) concedeu unha prórroga de xurisdición ao maxistrado Andrés Lago Louro a pesar do seu cambio de destino. Este xuíz participou nun recente concurso de traslados e foille asignado o Xulgado de Primeira Instancia Número 5 da capital galega.

Lago Louro "manifestou á Sala a súa disposición a seguir instruíndo as dilixencias previas no caso Alvia" no seu actual destino, ata a súa conclusión e remisión ao Xulgado do Penal. Esta prórroga permite que "a instrución non sufrirá o máis mínimo atraso", segundo garantiron fontes do TSXG.

Accidente de tren Alvia en Angrois (Santiago de Compostela). EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente de tren Alvia en Angrois (Santiago de Compostela). EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta