As complexas esperas das mulleres que se someten a Reprodución Asistida no Sergas

Unha paciente vén de denunciar as dificultades que atopa para ser atendida na Unidade de Reprodución Asistida do Hospital Teresa Herrera da Coruña: o teléfono de cita previa está "pechado" por "falta de persoal" e os tempos, un factor clave nestes casos, dilátanse durante anos. O hospital nega que existan grandes listas de agarda.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"Ter un fillo pola sanidade pública galega leva máis de dous anos". Esta é a queixa de Pilar, unha muller paciente da Unidade de Reprodución Asistida do Hospital Teresa Herrera da Coruña, que vén de denunciar as dificultades que leva encontrando neste tempo para ser atendida nos prazos correspondentes. Segundo conta, o seu caso entrou nas listas do Sergas cando ela tiña 32 anos e agora, tres anos máis tarde, xa con 35, segue sen rematar o seu proceso.

Hospital Teresa Herrera, na Coruña
Hospital Teresa Herrera, na Coruña | Fonte: Ogmios Proyecto

Por unha banda, critica que o teléfono de cita previa está "pechado": "dá igual a hora do día que chames porque che vai saír unha locución que te remitirá ao centro de saúde". Deste xeito, Pilar, que vive en Monforte de Lemos, só ten como alternativa para pedir citas ir presencialmente ao hospital Teresa Herrera. "Eu pensei que o teléfono pechara temporalmente porque as listas de espera eran enormes, pero fun falando cun e con outro, e din cunha traballadora que me dixo: 'Protestade! Ese teléfono está pechado por falta de persoal". 

As probas médicas ás que Pilar se someteu durante este tempo para entregar ao seu médico caducaban o día 15 de xaneiro. A piques de rematar o prazo, e só mediante unha queixa formal ao hospital, a muller conseguiu cita para o 7 de xaneiro. "Se me caducara o proceso, non dubidaría en ir a xuízo", di contundente. Na contestación á queixa, o hospital Teresa Herrera recoñece que "o teléfono de citas xeralmente ten moita carga de chamadas, o que provoca esas dificultades".

Por outra banda, Pilar asegura que se viu obrigada a facer certas probas pola sanidade privada porque, logo dun ano, aínda hoxe é o día en que non a chamaron para facelas polo sistema público. "Se é polos políticos, a solución é esperar. Esperar a que pase o tempo como se non fose un factor determinante. Esperar a que a xente marche para a sanidade privada para logo presumir de que as listas de espera se reduciron", reivindica. 

"Canta xente haberá que abandonou todo isto por non poñer unha folla de reclamación ou por desesperación?". Segundo conta a paciente, as consultas do Teresa Herrera están "masificadas". "É aberrante ver unha sala chea de parellas ilusionadas co proceso que están a vivir e por outra banda desesperadas por ver como non poden compaxinar traballo e tratamento. Non toda a xente se pode permitir ir tres veces ao hospital nunha semana e estar nel entre cinco e sete horas", sentenza.

Dende consulta, a resposta que Pilar obtivo do seu médico lonxe estivo de tranquilizala: "Veume dicir que tardar un ano en ter cita fora culpa miña porque 'as mulleres aos 34 estades en plena éxtase laboral, persoal e sexual e non queredes perder esa boa vida que levades, pero non nos acordamos de que os anos pasan e obter un embarazo co paso dos anos cada vez é máis difícil'”. 

HOSPITAL TERESA HERRERA

Pola súa banda, o Hospital Teresa Herrera nega que existan grandes listas de agarda e que haxa dificultades para solicitar citas médicas. "Non hai ningún día que non se dean citas", aseguran en declaracións a Galicia Confidencial. En canto á dilatación do proceso no tempo, cínguense a "criterio clínico". "Os tratamentos non son clinicamente inmediatos", zanxan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta