A dirección de Isidro 1952 comunica a venda da empresa e a retirada do ERE

A empresa pesqueira anuncia que un grupo empresarial comprou os seis centros de traballo da compañía.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/01/2020 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A dirección da empresa pesqueira coruñesa Isidro 1952 comunicou a última hora desta mañá que un grupo empresarial comprou os seis centros de traballo da compañía (planta de Cambre, na Coruña, piscifactorías e criadeiros), "así como que procede á retirada do ERE de extinción e da modificación substancial das condicións laborais e salariais", informa a CIG.

Protesta ante a sede de Isidro 1952 en Cambre
Protesta ante a sede de Isidro 1952 en Cambre | Fonte: CIG.

Esta información foi trasladada pola dirección á presidenta do comité de empresa por vía telefónica. A CIG asegura que a noticia foi acollida "con cautela á espera de que a próxima semana se produza unha xunta coa representación do persoal na que se comunique de maneira formal a compra-venda".

Segundo a presidenta do comité, Olga Rodríguez, en base a información facilitada pola dirección, a nova propietaria tamén ten intención de reunirse co comité ao longo da próxima semana.

"Ábrese agora unha nova etapa na que o primeiro punto a aclarar será que intencións ten a empresa compradora a respecto do mantemento dos empregos e da actividade produtiva", sinalan desde a central sindical.

PLAN DE VIABILIDADE

Neste sentido, desde o comité avanzan que pedirán un plan de viabilidade para garantir os postos de traballo e o futuro tanto da fábrica de Cambre como da piscifactoría e dos criadeiros.

Nesta liña, sinala que "aínda que as incógnitas por resolver son moitas, a retirada do ERE e que haxa un comprador supón un paso adiante para saír da incerteza na que está sumido o persoal desde hai meses", que convocou mobilizacións en contra do ERE.

Neste contexto, o comité tamén insta a Xunta de Galicia a "participar e tutelar este proceso de cambio para que se dea coas máximas garantías, tendo en conta as complexas circunstancias de Isidro 1952".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta