O plan de prevención da corrupción en Contas, que servirá de modelo a administracións, estará en "próximas datas"

As administracións non aceptan o 24% das recomendacións realizadas polo órgano fiscalizador.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2020 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

O plan de prevención da corrupción co que se dotará de forma interna o Consello de Contas, que servirá de modelo para o resto das administracións galegas, estará listo en "próximas datas". Así o avanzou este venres en comisión parlamentaria o conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, quen explicou que "se comeza pola propia casa" na prevención dos riscos da corrupción para "despois o modelo trasladalo a outras administracións".

O conselleiro Maior de Contas no Parlamento
O conselleiro Maior de Contas no Parlamento | Fonte: Europa Press

Ademais, Redondo explicou que proximamente comparecerá na Cámara para debullar o diagnóstico sobre a prevención de riscos de corrupción na Xunta, que foi avanzado o pasado 23 de decembro, e no que situaba nun nivel "medio" a implantación de medidas por parte do Goberno galego, á vez que se suxería implantar un comité de ética.

Entre outras cuestións, na súa comparecencia, tamén avanzou que as unidades didácticas para fomentar o comportamento ético entre escolares entrarán en funcionamento no curso 2020-21.

MEMORIA DE 2018

O conselleiro maior deu conta da memoria anual de actividades de 2018, así como de diferentes informes xa coñecidos o pasado mes de xullo relativos á Conta Xeral da Comunidade de 2017, o Sergas e Povisa, entre outros.

En concreto, informou de que en 2018 se recibiron 20 denuncias en Contas, das cales 11 se arquivaron, tres non foron admitidas e as seis restantes incorporáronse ao plan de traballo. Tamén explicou que, derivados dos seus informes, eleváronse dous procedementos ao Tribunal de Contas, órgano que decide se se "abre camiño de enxuiciamento".

Xunto a isto, o conselleiro maior chamou a atención sobre que 28 entidades instrumentais non remitisen datos a Contas para a súa avaliación.

Así mesmo, nos informes xa coñecidos, Contas volve pedir ao Sergas que regule os concertos que se manteñen "sen soporte contractual adecuado". Ademais, cre que as modificacións orzamentarias deben reducirse ás estritamente necesarias para "non desvirtuar o seu carácter excepcional".

E é que, conforme indica neste informe publicado en xullo, a través destas modificacións dos orzamentos do Sergas finánciase a cobertura de necesidades con "consignacións insuficientes" pero que eran coñecidas no momento da aprobación do orzamento. Entre elas, destaca especialmente o gasto farmacéutico e o gasto por intereses.

O 24% DAS RECOMENDACIÓNS NON SE ACEPTAN

Sobre a análise do seguimento das recomendacións de Contas entre 2012-2016, as administracións non aceptan o 24% das recomendacións que emite "por discrepar do criterio" do Consello. Dentro das aceptadas, están a aplicarse total ou parcialmente o 91%.

Con todo, subliñou que a comisión mixta de colaboración co Goberno galego está "a achandar o traballo que está a facer o Consello de Contas", pois, no canto de que as recomendacións sexan "un diálogo de xordos", agora permítese "reflexionar" coa Xunta para mellorar "pouquiño a pouco" diferentes aspecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta