Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 11/02/2020 | Actualizada ás 18:47
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, reivindicou o futuro da lingua galega na apertura dos actos de homenaxe en Ferrol a Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas 2020.
O CEIP Cruceiro de Canido acolleu o primeiro acto para honrar ao escritor ferrolán, que ademais serviu para lanzar a nova edición do proxecto web 'Primavera das letras' co que, desde fai cinco anos, a Academia achega a figura do homenaxeado no Día das Letras aos máis novos.
"Os nenos, a xente nova e todos vós que sodes o futuro da lingua, que participedes de maneira activa na celebración do Día das Letras Galegas", sinalou Freixanes ante o alumando do CEIP Cruceiro de Canido, onde subliñou que o galego é unha lingua de "moito futuro".
Ante profesores e escolares, o presidente da RAG deu a coñecer a nova edición do proxecto pensado para os alumnos de Infantil e Primaria, minutos antes de que estes representasen unha obra de teatro sobre a vida e a obra do escritor e profesor ferrolán.
CONTIDOS
A nova páxina web, que pode ser consultada na dirección 'www.primaveradasletras.gal', ofrece contidos lúdicos e didácticos, así como datos da biografía de Calero. Así, ofrécese unha visión da súa obra como creador e a súa achega á literatura galega contemporánea, ademais de apuntamentos para coñecer a súa cidade natal, Ferrol.
Así mesmo, tamén dispón de contidos sobre o teatro e a ópera, dúas das grandes afeccións de Carvalho Calero, e está previsto que se incorporen novos contidos sobre as distintas cidades onde residiu.
ÁNGEL MATO
O acto contou coa presenza do alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), quen manifestou que tiña un dobre motivo para "estar feliz", xa que por unha banda neste ano 2020 "homenaxéase a un escritor ferrolán que tardou moito tempo en que lle fose recoñecido o seu traballo"; e por estar no barrio no que reside. "Coñézovos á gran maioría de vós", trasladou o rexedor aos alumnos.
Por último, a académica Fina Casalderrey, asegurou, dirixíndose aos alumnos, que a RAG "quere manter un vínculo duradeiro" con lso máis jovenes "porque sabe que a verdadeira primavera para a nosa lingua e a nosa cultura está na xente nova".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.