Gobernar o noso país

Nas vindeiras eleccións de Galicia non soamente está en xogo derrotar electoralmente ao P.P. de Núñez Feijoo e o seu modelo obsoleto, senón tamén poder gobernar o noso país.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 03/10/2012

Comparte esta noticia
Galicia necesita modificar a súa matriz económica e social. As políticas neoliberais aplicadas dende o inicio da vida autonómica, foron afondando un modelo económico anacrónico, que non pode dar resposta ás necesidades actuais, dunha sociedade que se ve inmersa na desilusión e a falta de proxecto de país.
 
A pesar das constantes loitas e mobilizacións sociais, Galicia aínda non puido crear un suxeito social capaz de encarar as transformacións socio económicas que necesitamos.
 
A vía democrática de rebelión social, no marco da participación electoral da esquerda, pode ser un paso moi importante para a construción dun amplo movemento político, cultural e social, artellador de políticas avanzadas, que modifiquen as actuais estruturas políticas e económicas.
 
Para iso é necesario combinar dialécticamente a participación electoral e o exercicio de gobernar, coa articulación dunha forza social extra-parlamentaria que sexa capaz de crear poder popular e defender as políticas do goberno que se constitúa, cun claro programa nacional e de esquerdas.
 
Derrotar o PP tamén debe significar gobernar Galicia dende a esquerda, cun programa de goberno onde tamén estean presentes os máis importantes axentes sociais, dispostos a realizar as grandes transformacións que requiren esta etapa concreta. Especialmente débese incluír nun pacto de goberno ás centrais sindicais, os sindicatos agrarios e o movemento cidadán.
 
A etapa anterior do goberno bipartito, é unha clara experiencia do que non debemos volver repetir. Foi moi común que a esquerda chegase ao goberno e se deixase marabillar polo poder. Exemplo hai por centos. Ofrecían a posibilidade dun cambio e remataban aceptando as regras de sistema. Baixo a óptica do posibilismo, estes gobernos remataban limitándose a realizar "unha boa administración" ou lavándolles a cara a estas institucións que están podres e feden a corrupción.
 
A pesar desta experiencia frustrante que foi o bipartito, é posible gobernar doutro xeito e hai outra maneira de facer as cousas, podemos desenvolver unha verdadeira política de esquerda, e como exemplo temos importantes experiencias populares que se están a dar en América latina.
 
Esta crítica ao bipartito non significa que os mesmos actores políticos coas novas organizacións emerxentes como a Alternativa Galega de Esquerda non poidan constituírse nun novo goberno.
 
Como sinala a pensadora arxentina–galega  Isabel Rauber "A única perspectiva e ancoraxe de fortaleza dos gobernos populares radica na súa profunda e crecente articulación cos pobos, cos actores sociais, contraendo de conxunto mecanismos que acurten as distancias entre representación política e protagonismo social".
 
Como sinalei no inicio do artigo a principal tarefa é gañarlle a dereita co obxectivo de gobernar o noso país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.