Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/10/2012 | Actualizada ás 11:55
Ven de celebrarse a vista oral do xuízo polas dúas denuncias presentadas por unha das secretarias de dirección de La Voz de Galicia SA, Isolina Patricio, que reclama despedimento nulo e acusa aos responsabeis do xornal de acoso laboral. A vista, que se prolongou máis de cinco horas, tivo lugar este martes día 9, no Xulgado do Social número 2 da Coruña.
A traballadora recibiu a notificación do despedimento en xaneiro deste ano, despois de rexeitar doce meses antes unha invitación verbal da empresa para pactar a súa marcha cunha indemnización de 76.000 euros. En paralelo, segundo a denunciante, desde o 2007 foi vítima dunha progresiva marxinación profesional, de xeito que pouco a pouco foi reconvertida nunha especie de ordenanza de redacción.
Pola súa banda, durante a vista o director do xornal, Xosé Luis Vilela, e a directora de relacións laborais do Grupo Voz, María Velázquez, negaron as acusacións alegando que os problemas entre a traballadora e a empresa da traballadora serían froito de que ela non superou a morte do seu home (ocurrida no 2002, cinco anos antes de que comenzara o acoso laboral denunciado), o que segundo os responsabeis do xornal sumiu á viuva nunha depresión que aínda hoxe non tería superada.
Razóns económicas
Nembargantes, en paralelo e durante a vista, a empresa tamén xustificou o despedimento por razóns económicas derivadas do descenso das ventas e dos ingresos por publicidade que acusa o rotativo. De feito, esa é a única causa que figura na notificación que no seu día recibiu a traballadora.
Pola súa banda, as cinco testemuñas que aportou o avogado da denunciante coincidiron en que si se produciu un proceso de marxinación presuntamente premeditada e planificada. Con anterioridade a súa fichaxe por La Voz de Galicia en 1985, Isolina Patricio exerceu como secretaria de dirección da refinería coruñesa de Petrolíber (hoxe Repsol).
O xuízo de onte tiña especial significado para o Grupo Voz e tamén para os traballadores debido a que a denunciante foi unha das dúas personas de máxima confianza de catro directores consecutivos do xornal, ao mesmo tempo que exercían de coordinadora da relación administrativa entre a dirección da redacción e o editor, Santiago Rey Fernánez-Latorre, ou ben o seu fillo Emilio Rey Berguer, que substituíu ao primeiro a finais dos noventa e ate o 2001, cando foi expulsado da empresa polo seu pai.
Durante o xuízo quedou probado que o despedimento adoleceu de varios erros procedimentais, entre os que destaca que fora comunicado durante unha baixa por enfermidade da traballadora, motivo polo que o seu avogado solicita a nulidade.
Paradoxa económica
Con relación ás razóns económicas para o despedimento que alega a empresa, as cifras expostas durante o xuízo demostran que dos 3,5 millóns de euros de perdas que declarou o xornal durante o 2011, 2,5 millóns corresponderon ao custe dos acordos por baixas voluntarias que acadou a sociedade con numerosos traballadores durante ese ano, no marco do proceso de recurtes de plantilla que aínda hoxe non está pechado.
O despedimento da secretaria de dirección e das chamadas “baixas incentivadas” rexistradas no que vai do 2012 (nas que aos empregados se lles ofrece una indemnización, ou alternativamente ir a xuízo por despedimento) se deben a que no acordo asinado pola empresa e o comité dos traballadores para o período 2009-2012, ambos os dous incluídos, figura unha claúsula pola que a empresa pode rachar co compromiso de non facer despedimentos no caso de que as perdas superaran os 3 millóns de euros durante o 2011; exercicio no que o déficit superou ese límite debido a que o 71% das perdas declaradas foron froito, paradoxalmente, do custe dos acordos acadados para reducir plantilla.
O xuízo quedou visto para sentenza, que fontes xurídicas estiman que se fará pública antes de rematar este mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.