Rexistráronse máis dun millar de avisos para retirar niños de velutina en tan só un mes

O convenio entre Xunta e Fegamp para loitar contra esta avespa estreou o seu primeiro mes de funcionamento cunha media de 29 alertas diarias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2020 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) atendeu máis de 1.000 avisos para retirar niños de avespa velutina no primeiro mes de funcionamento do novo operativo froito dun acordo entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asinado o pasado outubro.

En concreto, desde a posta en marcha deste plan o pasado 20 de xaneiro e ata o mércores desta semana, día 26 de febreiro, o número total de avisos foi de 1.146: uns 29 avisos por xornada.  Segundo cifras da Xunta, dous terzos das comunicacións recibidas acumuláronas as provincias da Coruña (393) e Pontevedra (318). Así, en Ourense atendéronse 254 avisos e en Lugo os 181 restantes.

O equipo de Seaga conta con 80 profesionais, dos que 76 forman parte do equipo de intervención distribuídos no cinco centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Os outros catro son empregados técnicos e administrativos que integran o grupo de coordinación.

Estes efectivos encárganse da eliminación e retirada de niños ao amparo do plan de vixilancia e control da Xunta en colaboración cos 277 concellos adheridos á iniciativa, o que supón nove de cada dez municipios da Comunidade.

Niño de avespa velutina. UNIU - Arquivo
Niño de avespa velutina. UNIU - Arquivo | Fonte: Europa Press

O PROCEDEMENTO

Unha vez se recibe o aviso no teléfono habilitado (012), o persoal de Seaga retira nun prazo medio de cinco días hábiles os niños de velutina situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles nos que se poida actuar con seguridade.

O tempo de resposta pode superar as cinco xornadas cando os niños sexan inaccesibles, cando non haxa consentimento do propietario ou non sexa posible contactar con el, cando estean situados en vías de transporte ou liñas eléctricas e cando se precisen medios complementarios, segundo sinala a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta