Temas: MúSICA

Festival Samaín Rock en Compostela

Desconcierto Cultural achega a Santiago bandas de Ourense, A Coruña, Lugo e Vigo.

Por GC Tendencias | Santiago | 22/10/2012 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acollerá o próximo miercoles 31 de outubre o Samaín Rock, un novo concepto de xornada lúdico-musical. Unha vez máis, despues do éxito logrado coa Romaría Pop, a Asociación Cultural Desconcierto Cultural, coa colaboración do Concello de Santiago, desenvolverá outro evento gratuíto e de acceso libre onde se combinen o espírito das festas populares coa música rock galega. Así, conxugaranse dous elementos típicos desta festividade, alimentos tradicionais da época, castañas, queimada ou os disfraces, coa música en directo de artistas e bandas galegas emerxentes e consagradas

Imaxe promocional de Burgas Beat
Imaxe promocional de Burgas Beat | Fonte: Nacho Rego

O Samaín Rock celebrarase na Praza dos Bombeiros de Santiago, lugar de céntrica localización, con escasos veciños e de paso, moi frecuentado dentro do centro histórico da cidade, onde se celebraron en anos anteriores as cacharelas de San Xoán. Será a partir das oito da tarde e todo o mundo está invitado, propoñendo a todos os asistentes que veñan disfrazados de músicos do rock para ambientar a xornada. En caso de chuvia, a celebración trasladarase á Zona C de Santiago.

Como en todas as actividades organizadas pola asociación Desconcerto Cultural, a música é o máis importante: ata catro das bandas máis excitantes e dispares do panorama galego van actuar no Samaín Rock. Estes son os grupos que achegarán variedade e calidade, en concertos que se van espazar entre as 8 e as 12 da noite:

- Burgas Beat, ás 21:15: Quen os coñece, venéraos. Empezaron hai máis de 25 anos en Viernes y los Robinsones. Despues chegou Cosecha Roja, un grupo que grabò tres discos: "Nuevos caminos" (Gal&Cia, 1993), Conducir despacio" (Sonic, 1997) e "A plena sombra" (Cosecha Roja, 2001), un mini-LP, "Vacaciones permanentes (98,6, 1994), un EP "Aquellos marabillosos años (Maybe Tomorrow, 1996). A principios da década pasada transmutaron en Burgas Beat, grupo co que, basicamente, seguen facendo as mesmas grandes cancións en discos como "Nin unha sombra no horizonte" (Burgas Beat, 2005) ou "Clic" (Burgas Beat, 2008), este último gravado con outro ourensán tocado pola graza das guitarras, Magín Blanco. Acaban de editar só en vinilo de edición limitada o seu terceiro álbum, "Todo lo que vamos dejando" (Burgas Beat, 2012). Parece mentira, pero en todo este tempo o grupo, unha das mellores formacións galegas de rock da historia, só fixo unha sesión vermouth en Santiago, polo que este será o seu primeiro concerto nun escenario compostelán. Podería ser un bo momento para que alguén máis se sume á causa, se é que non os coñece aínda.

- Guerreira, ás 22:15: son catro rapaces apaixonados do blues pantanoso, o rock psicodélico, a experimentación e o stoner máis setentero. A base de improvisar e tocar en directo dende o 2010, crearon o que definen como 'psychedelic gypsy blues'. A súa primeira referencia apareceu no disco recompilatorio Metabatifondo Vol. 1, editado por un colectivo musical que agrupa bandas da escena alternativa de Vigo e do seu ámbito, onde aparecían xunto a bandas como Cró!, Buogh!, Unicornibot, Durarará!! e Why Go. Agora teñen xa gravado o seu debut, Under the Gypsy Sound, todo un tratado de blues-rock profundo e enérxico rexistrado nos estudos Planta Sónica II de Vigo completamente en directo, como a eles lle gusta. A través da plataforma Verkami están a recadar fondos para editalo en vinilo cunha edición artesanal especial, con cada portada serigrafiada a man, utilizando cores diferentes.

- Lendrone, ás 20:15: Lendrone é un cuarteto da Coruña que fai rock de última xeración. Dirixidos polo multiinstrumentista Andrés Satué, publicaron o pasado ano un primeiro EP chamado así, "EP I". Coa súa arriscada mestura de rock, electrónica, posthardcore e todo o que a un se lle poida pasar pola cabeza, os tres mosqueteiros da cidade herculina se postúlan como a grande aposta do futuro dunha xeración de músicos galegos que non pode deixar de crear. Irmáns artísticos de Unicornibot, tambien fascínanlles Shellac e Battles. Estes días acaban de gravar un disco de 11 temas repleto de apoios electrónicos e que será publicado por Matapadre a finais de ano co título de "UN". En directo demostran unha sorprendente capacidade para crear ambientes, sostelos no aire e despues destruílos por completo en resolucións sorprendentes.

- Pastillas Mamut, ás 23:55: O fin de festa trasladarase á Sala Cachán de Santiago, onde, a partir das 12 da noite, tocarán Pastillas Mamut, que é o resultado da unión de dúas das bandas máis prometedoras do underground lucense: Grandfather Pills e ExMamut. A mestura de música de baile con guitarras e baixo eléctrico fan que sexa un dos grupos máis orixinais saídos da cidade amurallada. Con apenas ano e medio de existencia e con idades entre os 22 e 25 anos xa tocaron en case toda a xeografía galega e se autoeditaron unha maqueta, que chegou ata as listas de éxitos da prensa independente. Embaixadores de Lugo e da súa cultura en todos os concertos que dan, colaboraron coas deseñadoras Sara Lage e Maru Calderon, vestindo os seus deseños nalgunhas actuacións. Tamén foron protagonistas de programas de televisión como Música Ambiente gravando vídeos das súas cancións nas rúas de Lugo.

Información publicada orixinalmente por Dr Wampush en Desconcierto.com

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta