Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2025 | Actualizada ás 19:50
A tese de doutoramento do xornalista científico Xavier Fonseca Blanco, da Universidade de Santiago, conclúe que o xornalismo tamén pode ser unha arma de loita ante o cambio climático.
O estudo, titulado 'Xornalismo lento e multidisciplinar para abordar a ciencia do cambio climático. Análise do modelo de Historias do tempo', sinala que o xornalismo lento e multidisciplinar pode ser unha ferramenta eficaz para construír unha sociedade máis resiliente ante o desafío climático, ademais de mellorar a calidade informativa.
A tese parte dunha enquisa que reflicte que amplos sectores da poboación mostran escaso coñecemento sobre a ciencia do clima, mentres que prolifera a desinformación e a evasión de noticias, un estudo realizado con 600 estudantes durante o curso 2018-2019 nas universidades públicas de Galicia.
Ante esta situación, Xavier Fonseca expón un xornalismo pausado, que aposte pola divulgación meteorolóxica rigorosa, o contexto histórico e a colaboración activa entre xornalistas e científicos. Así, a súa investigación analiza o modelo desenvolvido a través da sección diaria 'Historias do tempo', que se publica en La Voz de Galicia.
Entre os achados máis relevantes, o traballo demostra que 'Historias do tempo', en colaboración co grupo de Física Non Lineal da USC, permitiu introducir conceptos físicos inéditos na prensa española, como "río atmosférico", e competir en precisión e frecuencia con medios como The New York Times ou THe Washington Post.
A tese, que obtivo a cualificación de sobresaliente 'cum laude', tamén reflicte que existe desinformación climática en España, e analiza un caso que afecta actualmente os medios de ámbito estatal. Trátase do aumento das noticias que mencionan como fontes as 'cabañuelas', un método pseudocientífico para predicir o tempo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.