Galicia ten nome de camelia, unha fermosa planta que nos pon no mundo

É unha planta con diversas faces: a ornamentación e o turismo de inverno, a gastronomía, a cosmética... A considerada 'flor de Galicia' acapara miradas en pazos e xardíns e fai este país referente internacionalmente. As persoas que traballan cabo dela non dubidan en que aquí se pode desenvolver un sector económico importante ao seu redor.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2020 | Actualizada ás 21:59

Comparte esta noticia

Á camelia rodéaa toda unha cultura propia. Ela mesma capta interese turístico, histórico e artístico alá por onde a súa semente prende. Chámanlle a flor de Galicia, aínda que non é orixinaria de aquí. Ela veu de lonxe, do Xapón, mais acougou ben por estas terras onde se viu acariñada polo clima húmido, as temperaturas suaves e os solos fértiles e ácedos. Así pois, a vertente occidental do país conta, de feito, cunha ruta da camelia para contemplar esta flor que deu con Galicia alá polo século XVIII.

Camelias
Camelias | Fonte: turismoriasbaixas.com

Cando o inverno escurece os xardíns, ela desprega os seus pétalos para darlles nova vida. Xera todo un universo ao seu redor. É unha planta con tantas potencialidades que incluso algunhas se seguen investigando. Tanto é así que moitas persoas en Galicia se dedicadan enteiramente ao seu estudo, abraiadas pola súa beleza e o seu potencial. Os viveiros espándense ao longo do territorio e as mostras e concursos onde ela se converte na maior protagonista non deixan de atraer novas miradas. Sen dúbida, a camelia é a flor de referencia en Galicia e Galicia é referencia no mundo grazas á súa produción.

"Aquí podemos desenvolver un sector económico importante baseado na camelia dende todos os puntos de vista que nos ofrece". Carmen Salinero, unha muller que leva máis corenta anos traballando cabo das camelias, non dubida en erguer esta planta como unha das maiores virtudes que temos entre mans agora mesmo. Aquí vai, pois, unha andaina polas súas diferentes faces.

CAMELIAS PARA A CONTEMPLACIÓN

A primeira parada desta poliédrica planta está na xardinaría. Un total de 15 parques e pazos en toda a faixa atlántica de Galicia destacan polos coidados que lle dedican á camelia. Mais todo este patrimonio natural non sempre estivo á vista da colectividade. "Ata hai pouco permanecían pechados ao público ou non se lles daba importancia, e había quen os ensinaba só a amizades...", relata Salinero, que tamén é xerente da Estación Fitopatolóxica do Areeiro. "Co tempo conseguimos que se cobrara a súa entrada e se lles dese o valor que merecían". De aí que se creara unha ruta onde a camelia é quen guía o camiño.

Pouco a pouco, estes xardíns foron collendo nome e hoxe en día son un dos puntos atraentes do turismo de inverno, "un turismo de calidade, de familia e de valores sociais", remarca a investigadora. "Antes a xente viña a Sanxenxo, ou a Santiago... Agora é ao revés: primeiro van ver o xardín e logo a catedral". E é que ás camelias as rodea unha aura de elegancia, de cultura e de magnetismo.

Tamén son moitas as persoas particulares que van creando a súa propia colección de camelias, das que en Galicia chega a haber máis de 200 especies diferentes. É o caso, por exemplo, do escultor Cándido Pazos. A canda el medran unhas mil camelias que van facer dentro de pouco cincuenta anos. "Estamos de cumpreanos agora no 2021", chancea. A del non se trata dunha colección calquera e o seu cariño cara a ela nótase na maneira de se explicar. "Démoslles unha arquitectura arbórea particular, porque van trenzadas sobre si mesmas tres camelias para que logo dean flores de cores distintas", relata. Unha colección "única" que só contadas persoas, e non calquera, teñen a sorte de ter na casa como agasallo: ministros, xefes de estado, o príncipe de Xapón, Bill Clinton...

Cándido Pazos comezou a investigar as bondades da camelia alá polos comezos dos anos 70. Chegou a instalar 4.000 metros cadrados de invernadoiros cunha produción de 200.000 camelias no mesmiño Val do Ulla. Moitas ían destinadas aos xardíns que se andaban construíndo naquela época, pero Pazos quixo ir máis alá. Sabía que as posibilidades destes cultivos non quedaban só na ornamentación.

CAMELIAS PARA A COSMÉTICA

E así foi como despois de moitos anos de estudo, Cándido Pazos iniciou un proxecto para producir aceite de camelias. Segue tendo ben calculadas as medidas: "Prensando en frío cinco quilos de sementes, consegues un litro". Trátase dun aceite cun "senfín" de propiedades terapéuticas, cosméticas e gastronómicas que aínda hoxe teiman en "poñer en valor" a través de novas investigacións. Del saen unha variedade de cremas, xabóns, champús sólidos... "Proxectos que nos entusiasman", conta Pazos. 

De feito, non hai moito que vén de presentar a primeira liña de cosméticos elaborados na súa totalidade con aceite de camelias galegas. O resultado de máis de 48 anos de traballo e que deu en florecer baixo o nome 'La camelia, árbol de la belleza', presentado en El Corte Inglés de Santiago e Vigo co apoio de Pati Blanco. Carmen Salinero conta que o aceite que se estrae da camelia é "o que máis hidrata, o que máis penetra na pel". En Xapón as geishas lévano usando dende hai moito tempo e agora Galicia tamén se sobe ao carro.

CAMELIAS PARA A GASTRONOMÍA

Na cociña as camelias tampouco pasan por alto. Son un produto considerado moi valioso. O seu propio aceite ten unhas características moi similares ao de oliva, aínda que soporta o dobre de calor. "As tempuras quedan suaves e brancas, porque sube moito máis de temperatura sen queimarse", relata Salinero. 

E máis alá do seu aceite atópase o té, a segunda bebida máis consumida no mundo enteiro despois da auga e cuxa orixe está nas camelias. "Neste sentido o cambio climático estanos beneficiando: as zonas tropicais quecen e os cultivos estanse desprazando. Carmen Salinero apunta Galicia, xa que logo, como un dos próximos lugares de referencia na produción de té. Dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro xa están probando novos métodos, mais "somos concientes que non temos os tres mil anos de experiencia dos chinos ou os mil dos ingleses!". 

Polo de agora, botaron a andar a produción dun té verde, fresco e que debe consumirse no mesmo ano en que se recolle. Ademais, en Teaterrae, produtor de planta de camelia en Tomiño, danlle voltas ao maxín precisamente para probar novas aplicacións do té na gastronomía: e por que non nunha macedonia, nun xeado, nun batido...?

CAMELIAS PARA DETER O LUME

No noso clima a camelia faise árbore en vez de quedar arbusto. Medra vigorosa e, igual ca o carballo, non deixa que o lume avance. Nas zonas de perigo por incendios, a camelia é das primeiras plantas que recomendan para a construción de cortafogos. Salinero aposta por aproveitar ben estoutra virtude da camelia dado que aquí se cultiva de maneira tan sinxela. "Debido ao seu tipo de folla redonda e encerada e á corteza, que non se solta coma a do eucalipto, esta planta resiste e impide que o lume se mova. Arde cara a dentro", salienta.

Dende que ela comezou nos anos 80, nada disto se recoñecía da camelia. Era unha planta infravalorada, mais pouco a pouco foi gañando interese ao seu redor. Con todo, Cándido Pazos aínda pensa que non está todo o recoñecida que debería. "A xente non coñece as súas posibilidades terapéuticas... Deportistas de élite lesionados cúranse totalmente con tratamentos elaborados a partir desta planta", sentenza. 

Non hai dúbida: a camelia ponnos no mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 toxo galego

Unha vez escaparon polos montes de gran bretaña e ian con motoserras a cortalas, eran autenticos sotomontes de camelios... e pranta invasora..