Cinco anos. Eis o tempo que se dan os verdugos

A kaiserina promulga de novo as súas sentencias: cinco anos ou máis de austeridade. Eis o tempo dado para rematar co asalto ao sector público. Eis o tempo para que o lucro do sector privado penetre en todos os eidos do Estado de “medioestar” que xa é “malestar”.

Por Xabier Ron | Compostela | 06/11/2012

Comparte esta noticia
O tempo para que prospere unha Europa partida, sen corazón social, onde o Sur será sometido aos intereses da troika para logo...quen sabe? ser expulsados de Europa unha vez colmada a cobiza dos axentes ultraliberais?
 
Resulta curioso comprobar o seguemento que teñen as palabras da kaiserina. E o pouco que o teñen as de economistas como Stiglitz, Krugman, Navarro, Torres ou Garzón, ou o nulo seguemento que se lle fixo ao manifesto de economistas europeos aterrados.
 
A austeridade neoliberal é unha auténtica estafa. Ou roubo a garavata armada.
 
Estes si que son os violentos. Non os que ousamos chamar as cousas polo seu nome. A violencia é permitir que milleiros de persoas se queden nas rúas, sen casa, e atados a unha débeda hipotecaria. Os bancos, que recibiron millóns das arcas públicas -isto é, millóns dos impostos do pobo, que deberan reverter en afortalar os servizos públicos e avanzar no desenvolvemento social de Galicia e España- son simples executores da violencia capitalista.
 
A violencia non é que se diga que imos a polo PP, a parar as súas políticas destrutivas.
 
A violencia é ollar como se desmantela todo o sistema de protección social e como se externaliza a pobreza para que a caridade supla ao que deben ser dereitos inalienables. Que as persoas non podan comer con garantías día a dia: iso é violencia! Que 80.000 nenos e nenas vivan empobrecidos: iso é violencia!
 
A violencia é ver como cada vez máis persoas, por moito que sociólogos afins ao sistema o relativicen e minimicen, deciden poñer fin ao padecemento cotián que representa vivir coa espada de Damocles sobre o pescozo e co fume abafante do mañá que presaxia que todo pode ir a peor. 
 
A gran canallada capitalista e ultraliberal asoma sempre pedindo máis ao pobo. Ás veces, para calmarnos, minten: unha ministra aventuraba, de forma absurda, que chegaba xa a fin da crise. E agora, non vaia a ser, Feijóo, empregando metáforas climáticas, di que até o 2015 non se verá o (seu) horizonte: o do triunfo do capitalismo. A Kaiserina aínda vai máis lonxe e proxéctanos ao 2017 ou máis. Todos estes anos serán máis do mesmo: austeridade ultraliberal, isto é, padecemento, recortes de dereitos; traballos mal remunerados e xornadas escravizantes; pagar máis por servizos que deberan ser universais e gratuitos, servizos cada vez máis privados e menos públicos, etc...., mentres uns poucos seguen acumulando beneficios.
 
Que queren que fagamos ante a violencia capitalista? Calar e resignarnos? Lévana clara. Terán que escoitarnos. E será nas rúas e no parlamento onde teñamos que traballar duro para que cese a violencia capitalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.