O barco chamado Democracia vai cara ás rochas

Non se trata de describir ningún episodio próximo da apocalipse. Non. Non hai tinguimento relixioso. Hai unha fonda preocupación laica polo funcionamento das estruturas que a Democracia tentou poñer en pé para beneficio do pobo, da cidadanía.

Por Xabier Ron | Compostela | 28/09/2012

Comparte esta noticia

A Democracia precisa de cidadanía ética no seo das súas institucións. Non me refiro só ás persoas elixidas para exercer unha función representativa. Penso antes nunha cidadanía que controle e supervise que as persoas elixidas non se deixan arrastrar polos reclamos de falsa felicidade que impón o capitalismo. No fondo, pode ser, todo se reduce a unha indefinida mestura de diñeiro e poder. E aí está o cancro que devora ás nosas institucións. A ferida que desangra a nosa Democracia.

Os acontecementos destes días non só fan un dano terrible ao exercicio democrático das Eleccións. Pode ser que a chamada Operación Pokemon signifique un poderoso reclamo para animar a que a xente se absteña de votar, outorgando así o poder á dereita baixo o título nada cinematográfico de “Os políticos son todos iguais”. Pode ser.

En todo caso, esta afirmación, en si mesmo falsa, pode ser combatida con argumentos veraces de que existen outras formas de entender o exercicio da política, non como unha actividade profesional, senón como unha compoñente máis do que significa ser cidadán. De aí a necesidade de superar a mera representatividade e avanzar nos procedementos que esixe unha democracia participativa asentada nunha cidadanía ética que sexa a conciencia crítica das decisións que se adoptan en nome da Democracia. Isto que é reclamado cada vez máis por unha cidadanía indignada é fundamento programático da coalición Alternativa Galega de Esquerda.

Pero existe un factor quizais máis preocupante: a percepción de que a xustiza non actúa con independencia. Eu, non obstante, vou crer que non se lanza unha operación a esta escala sen ter probas con fundamento. Sería un auténtico suicidio profesional para a xuíz e demais profesionais do aparello xudicial.

As persoas interrogadas son inocentes, claro está, até que se demostre o contrario e non ao revés. Non obstante, a min, por moito que se queira apoiar a unha persoa determinada, asústanme eses vítores, eses berros de “alcalde, alcalde”, esa fe cega -que pode partir do principio da carencia de independencia da xustiza- que anula, precisamente, o funcionamento da conciencia crítica que necesita a Democracia. Que farán esas persoas no caso de que as probas demostren de forma exacta que si existiron prácticas corruptas? Só o fluír dos acontecementos permitirá o establecemento dunha resposta que, polo de agora, é impredecible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.