Dez anos sen respostas

Este martes cúmprense 10 anos do accidente do Prestige. Un buque con bandeiras das Bahamas que sufría unha importante vía de auga nas augas galegas. Semellaba un accidente normal, pero o que comezou como unha operación case que rutinaria, acabou convertendose na maior catástrofe ecolóxica de Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 13/11/2012

Comparte esta noticia
Desde GC queremos lembrar aquela mancha negra que case come as nosas costas cunha serie de documentos e reportaxes que teñen coma obxectivo manter a memoria viva do que entón aconteceu para evitar que NUNCA MÁIS se volva repetir unha catástrofe semellante.
 
Precisamente, ese berro que saíu das gorxas de centos, milleiros, millóns de persoas está gravado na memoria colectiva do pobo galego. Un berro que provocou as mobilizacións máis masivas deste país e que, á longa, tamén contribuíu á caída de Manuel Fraga tras 16 anos ininterrumpidos no poder.
 
Hoxe, dez anos despois, o PP volve gobernar en Galicia e en Madrid. A Xunta acaba de aprobar un Plan de Continxencias Mariñas para intentar dar unha resposta rápida e ordenada en caso dun accidente marítimo con verquidos tóxicos. Pero o principal problema que aconteceu hai dez anos segue sen resolverse. 
 
"Ese plan recolle un porto refuxo onde levar a un barco nunha situación semellante a do Prestige?". Foi a pregunta que lle fixemos ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, cando presentou o plan. A súa resposta parece sacada das roldas de prensa de hai dez anos; "iso é competencia do Ministerio de Fomento e, polo tanto, do Goberno central".
 
Precisamente, a desorganización e a deixación de competencias entre a Administración central e a galega nas semanas posteriores á catástrofe foi o que provocou o nacemento dunha marea social que pedía orde e medios para loitar contra a catástrofe. Meses despois, e logo dunha feroz loita interna entre faccións do Partido Popular --que mesmo lle costaron o posto a quen era un dos mellores situados entón para substituír a Manuel Fraga, Xosé Cuíña--, instalábase na Coruña un Comisariado do Goberno central para a coordinación da catástrofe.
 
Pero a pesares da chegada de Rodolfo Matín Villa, o fuel do Prestige seguiu tinguindo de negro as costas galegas. Houbo que agardar moitos meses... anos, para que moitos lugares recuperaran a súa bravura natural. E hoxe, dez anos despois, son moitas as praias, os pobos, os galegos que siguen sen respostas sobre o que aconteceu para que o que tiña que quedar nun grave accidente se convertera na maior catástrofe ecolóxica de todo o Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA