GC Aberto

Coronavirus: o povo salva ao povo

Por admin | | 17/04/2020

Comparte esta noticia

Panos vermellos pendurados das fiestras e balcóns. Non son comunistas, din os xornais asturianos, son persoas desesperadas que teñen fame no medio desta pandemia. O vermello é un derradeiro aviso de perigo antes de que aconteza o fatal desenlace. Porque este virus é un espello que amosa a nosa faciana como sociedade. Mais un espello-lupa, como eses que usamos nos aseos a nos recompor cada amencida para descubrir, temerosos, as microenrugas que nos pinta o tempo. E hoxe o tempo teima en nos debuxar a miseria social dun falso crecemento.

A veciñanza homenaxea o persoal Sanitario © Miguel Nuñez
A veciñanza homenaxea o persoal Sanitario © Miguel Nuñez

Cantos anos levamos a crecer? Cantas horas levamos regalado ao deus Capital desde que a tecnoloxía aumentou a produtividade e creou o exército de parados precedidos da avangarda dos precarios? E a clase traballadora, tanto ten que traballen no campo como na cidade, non só non crece en calidade de vida senón que perde os seus dereitos básicos para acadar iso que se chama unha vida digna. Cando os medios de atordoamento masivo nos amosan o aumento do PIB temos que brincar de ledicia porque veñen os tempos das vacas gordas. Pero para quen? Mentres non teñamos sociedades igualitarias de nada nos vai servir ese PIB. Porque nin ese ridículo indicador de riqueza dun país mide o reparto da riqueza senón o crecemento xeral, nin inclúe todos os traballos sociais que os ollos dos neoliberais non queren ver. Centos de traballos esenciais sen os que esta sociedade se paralizaría antes que co Covid 19, non computan. Teño en mente o traballo dos coidados tanto da crianza das novas xeracións como dos anciáns. A lupa do virus aumentaos para que o sistema os converta en fugaces herois dos que acornellará de novo cando volvamos a iso que chaman normalidade.

Crecer por crecer para aumentar a competitividade, a produtividade e favorecer a oligarquía aumentando a distancia social, non a do confinamento, senón a que arreda os ingresos de quen máis ten a respecto dos que pouco ou nada teñen. Crecer por crecer para seguir producindo, coa suor dos máis, chilindrainas que enchan as vértolas do lecer fallido, do ocio programado e baleiro, do tempo consumido sen senso. Crecer a eito, como un cancro ou como unha praga. Propagar a nosa voracidade pola Terra como un virus coroado. Ese é o mal que padecemos como sociedade. Porque crecer leva o veleno da desigualdade. Ninguén gaña sen que outro perda, dicía xa o filósofo Séneca hai tantos séculos. A riqueza en mans dunha elite crea máis e máis desigualdade. Canto máis prosperidade máis desigualdade. O éxito do sistema propaga a miseria a fume de carozo. O contaxio comezou coa Revolución Industrial e seguiu coa Francesa. Cando caeron as guillotinas, e a igualité que erguera aos sanculottes mudou arteiramente en fraternité. Unha palavra tan foncha como a actual sororidade dentro dese feminismo demodé  que esquece as clases sociais ou as coloca nun segundo plano. Os fillos dos heroes do terror deixáronse degradar pola relixión do traballo, di Paul Lafargue en O dereito á preguiza. Livro esencial para estes días de confinamento clasista. Caroso de ler se non o mercamos pois que nos permiten mercar polo paradigma da explotación Amazon mais non temos servizo de biblioteca a domicilio, non vaia ser que nos dea por botar man do autodidactismo de encerro e nos unamos pero de verdade, non de simulacro centralista en feitío 155.

Crecer para seguir crecendo é a relixión do progresismo tanto de dereitas como de esquerdas. Todos eles concordan neste cancro planetario que está nos alicerces da globalización que non acaba de asumir a solidariedade de clase. En boca de Lafargue, Os traballadores mesmos, ao cooperar na acumulación dos capitais produtivos, contribúen a provocar o acontecemento que, tarde ou cedo, deve privarlle dunha parte do seu salario. E prosegue: En lugar de aproveitar os momentos de crise para unha distribución xeral dos produtos e unha satisfacción universal, os obreiros, rebentando de fame, van dar cabezadas á prota do obradoiro.

Panos vermellos pendurados das fiestras e balcóns. Mentres soan relixiosamente as sereas e aplausos das oito para esa moitedume que xa non está para inciensos online. Pois os exércitos modernos son permanentemente mantidos só para reprimir ao nemigo interior. Que llo digan, senón, a Grande-Marlasca. Pois as nazóns europeas non teñen exércitos nacionais, senón exércitos mercenarios que protexen aos capitalistas contra o furor popular. O furor popular dos tempos de Lafargue é amansado hoxe cos medios de entertainent manipulativo e as sereas que reforzan aos policías de balcón. Estar permanentemente informados e entretidos é o becho que acompaña a esta improductiva planetaria tan produtiva para os especuladores de toda ralea.

Só unha fírgoa de espranza fica nesta pandemia convertida nun circo histriónico onde todos somos a un tempo actores e espectadores das redes sociais e da veciñanza distanciada de xanela. Só unha fírgoa como a de San Ero de Armenteira que disque albiscou por ela o paraíso nun só intre. A fírgoa da comunidade a se autoorganizar nos principios remanecidos do pensamento libertario. Principios que na Galiza sobreviven aínda nas lembranzas dos nosos avós, o minifundio autoabastado. En vendo que o Estado, ese utópico igualador, dános as costas, unha vez máis.  E anque hai escribano e capelán en Cangas, acreditemos en que os comunitarios venzan a eses noxentos polis de balcón.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta