Pensionistas cargan contra a "enorme privatización" das residencias e a súa incidencia nas mortes

Movemento Galego pola Defensa das Pensións pide para o xeriátricos "financiamento, titularidade, xestión e provisión plenamente públicas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2020 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

O Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) cargou este martes contra a xestión privada das residencias de anciáns, onde "o risco" tanto de contaxiarse de coronavirus como de morrer pola enfermidade "é máis elevado", de acordo coas súas cifras.

Nunha rolda de prensa telemática, o médico epidemiólogo e membro de Modepen, Francisco Vizoso, detallou un estudo realizado polo colectivo co obxectivo de "comprobar se o modelo de xestión das residencias de maiores incide nas mortes".

DomusVi xeriátrico de Barreiro, Vigo ©Miguel Núñez
DomusVi xeriátrico de Barreiro, Vigo ©Miguel Núñez

En primeiro lugar destacou "a enorme privatización" que sofre este servizo en Galicia en relación a outros ámbitos públicos como as universidades, xa que en centros de maiores as prazas privadas representan "case un 79%" do total, mentres que en España é "o 73%".

E é que, das case 22.000 prazas totais que hai en Galicia, de "plena xestión pública" son unhas 3.400 e de titularidade pública pero de xestión privada son case 1.500, sempre segundo datos do Modepen. Por outra banda, os centros privados "con ánimo de lucro" --é dicir, en mans de empresas-- concentran unhas 9.300 e os "sen ánimo de lucro" --entidades sociais ou benéficas-- unhas 7.400.

Así, de acordo co estudo realizado por Modepen, ao comparar estas cifras cos contaxios (superan os 800 usuarios) e falecidos nos xeriátricos (ao redor de 100) da pandemia da COVID-19, conclúese que "o risco de morrer ou contaxiarse é moitísimo máis elevado" nunhas instalacións privadas. En concreto, a porcentaxe de anciáns infectados multiplícase por 2,58 e o dos falecidos nun 5,73 con respecto ás públicas.

"Isto non é por casualidade, as causas haberá que estudalas máis a fondo", engade Francisco Vizoso, quen ademais pon en evidencia o "escurantismo" dos datos por parte da Xunta.

"POLO FEITO DE SER CIDADÁNS"


Así mesmo, o médico e integrante de Modepen resalta que "igual que todos teñen dereito ao ensino público polo feito de ser cidadáns", así como á sanidade, tamén "debe estar recoñecido legalmente o ser correctamente atendidos na fin da vida". "E isto xa pasa no norte de Europa, non estamos inventando nada", apostilou Vizoso.

Para Modepen, a xestión maioritariamente privada deriva dun "sistema social capitalista que foi absolutamente incapaz de reconducir" a situación tras da crise de 2008: "A xente inviste en residencias como podería investir en parafusos".

A isto hai que sumar "a conivencia" que, ao seu modo de ver, teñen a Xunta e o Partido Popular, aínda que "tamén o Goberno central" durante anos, coas empresas que xestionan os xeriátricos. "Josefina Fernández (CEO de DomusVi) e o presidente da Xunta (Alberto Núñez Feijóo) son moi amigos", engadiu.

Así as cousas, Vizoso afirmou que tras a pandemia da COVID-19 "vai haber un mundo diferente", no que aposta por crear un sistema público de atención a maiores e dependentes que sexa "de financiamento, titularidade, xestión e provisión plenamente públicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta